Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xurxo Martínez González: "O Banquete de Conxo foi un feito clave para o Rexurdimento"

FILÓLOGO E INVESTIGADOR

Xurxo Martínez, en Redondela. FOTO: ELI REGUEIRA

- Como conseguiron atopar este terceiro brinde do Banquete de Conxo? Seguiron algunha pista determinada ou foi algo froito un pouco da casualidade?

-A primeira pista atopouna o investigador Damián Suárez na USC. Alí soubemos que existía unha copia do brinde na Biblioteca Nacional, en Madrid, pero non estaba no catálogo dixital. Rebuscamos a partir doutras referencias até dar con el, mesturado nun libro de escritos varios.

-Cales forons as razóns polas que,a diferenza dos outros dous, este texto permanecese extraviado durante tantos anos?

-Aguirre e Pondal foron poetas con gran produción lírica posterior a Conxo. Rodríguez Seoane non tivo tanta, aínda que si actividade intelectual, política e académica. Os poemas dos dous primeiros apareceron na prensa (non o de Seoane) e foron denunciados polo arcebispo. Ademais, os brindes imprimíronse para Compostela, como follas voandeiras, o cal dificulta a súa supervivencia.

-Como Vde. di, os autores dos dous primeiros brindes, Pondal e Aurelio Aguirre, xa comezaban a ser unhas celebridades en Galicia. Pero quen viña ser Luís Rodríguez Seoane, estudante de Medicina, que asina o terceiro brinde e que, por certo, ten rúa dedicada en Pontevedra?

-En 1856 só Aguirre era un escritor con sona e presenza na prensa galega de entón. Pondal iniciaba a súa escrita. Seoane integrábase no círculo provincialista de Pontevedra, onde codirixe El País, e conecta na etapa universitaria con El Liceo de la Juventud (onde están Rosalía ou Murgía). Pero logo centrouse na formación académica, até chegar a reitor da USC, e na política. Con todo, colaborou co Rexurdimento por medio da prensa provincialista.

-Que contidos ou claves culturais, políticas e ideolóxicas aporta este texto que non estiveran xa nos de Pondal e Aguirre?

-Os tres textos teñen o mesmo fío: republicanismo, progresismo avanzado, cientifismo etc. Os autores simpatizaban co Partido Demócrata (PD), o promotor do acto, e por tanto hai empatía político-ideolóxica. Por outra parte, os autores comparten un mesmo espazo e xeración que será clave para o Rexurdimento, movemento que non foi só unha expresión literaria como ás veces se pensa.

-A alianza entre obreiros e estudantes pola que é coñecido o Banquete de Conxo resulta un feito histórico, pioneiro e ata sorprendente na Galicia da época. Qué contexto sociopolítico fixo posible a celebración de tan singular acontecemento?

-Non é tan sorprendente para a época se temos en conta que o PD tiña unha enorme presenza nas cidades galegas e que os banquetes eran un método habitual para celebrar actos políticos, cando entón estaban prohibidos. Por tanto, o banquete era un trasunto dun mitin, unha forma de saltar a legalidade para facer proselitismo político. Os brindes de Conxo son, ante todo, proclamas políticas a prol dun Goberno de esquerda fronte á Gran Coalición de Espartero e O'Donell.

-Comoi posible que nunha Galicia rural e atrasada, incluso ao respecto do resto de España, de súpeto xurdise unha iniciativa tan vangardista?

-Galiza no XIX non era un país atrasado no intelectual. Érao se falamos en termos de comunicación terrestre, de deficiencias económicas ou de desequilibrio estrutural entre recursos e poboación. Porén, a principal vía de comunicación era o mar. Xa no XVIII documéntase a chegada clandestina de libros de Inglaterra e Francia; é dicir, dos dous países máis avanzados en ideas en Europa. Os nosos intelectuais lían en francés e inglés, coñecían as novas tendencias (o romanticismo ou as ideas revolucionarias), reuníanse en espazos privados e públicos etc. Por tanto, estas xeracións coñecen o que se fai en Europa e, no que lles interesa, tratan de reproducilo aquí cun encaixe propio.

-O nacionalismo galego sempre foi maioritariamente de esquerdas. Quizais haxa que buscar as raíces deste perfil ideolóxico no mesmísimo banquete de Conxo?

-As ideas progresistas no XIX determinaron a configuración do imaxinario nacional colectivo; foron relevantes para a construción da identidade na medida en que se fixaban parámetros progresistas, no canto dos conservadores (como aconteceu, por exemplo, coa Renaixença). Sobran os datos para certificalo xa dende a francesada. Por tanto, ese pensamento ten unha continuación, que pasa polo Banquete de Conxo e que continúa deica aos nosos días. Hai unha concatenación de feitos que galvanizaron este pensamento avanzado.

-Tivo influencia algunha o Banquete na posterior constitución das Irmandades da Fala en 1916?

-A influencia está na construción do discurso identitario e do imaxinario nacional que se fai no XIX, e do que chuchan as Irmandades. Ese contido divulgouse na prensa, na literatura, nos centros políticos, etc. E mantivo unha posición dominante. Pensemos, por exemplo, que os Villar Ponte (fundadores das IF) se formaron e proceden do republicanismo federal que ten precisamente a orixe no Partido Demócrata (fundado en 1849, xusto despois da revolución de 1848 en París).

-Como se explica o, en xeral, esquecemento (e descoñecemento) no que se mantivo a celebración do Banquete de Conxo ata hai relativamente poucos anos?

-Por un lado, non existía, un libro monográfico dedicado ao Banquete de Conxo, que puxese en valor o sucedido. Hai pouco publicamos Os últimos carballos de Conxo (Alvarellos e Consorcio de Santiago) que en parte remenda isto. Na literatura galega os brindes non aparecen máis que como referencia, sen entrar no contido e na dimensión cultural e ideolóxica que tiveron. Nos estudos literarios téndese á análise textualista e non á dimensión sociolóxica, cultural ou político-ideolóxica.

Compartir el artículo

stats