Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAMisterios da Alhambra

Sobre o corpus epigráfico do palacio

Epigramas nas paredes da Sala de Dúas Irmás.

Non hai en terras hispánicas outro monumento como a Alhambra, capaz de simbolizar a pluralidade cultural, relixiosa e artística ou a elegante decadencia e mais o romantismo. A condición civil da Alhambra acordou ben axiña o interese dos ocupantes casteláns pola súa epigrafía ornamental (en ausencia de imaxes, prohibidas polo Corán). O concello contratou catro intérpretes e doce pregoeiros, catro dos cales tiñan que ser árabes.

Xa en 1564, o médico mourisco Alonso del Castillo encetou o estudo das inscricións contidas no palacio granadino. Pero os traballos que seguiron, perdéronse. Coa revalorización do orientalismo por parte dos románticos, Granada pasou a ser punto de destino de moitos estudosos e pintores franceses e ingleses, sen esquecer a Emilio Lafuente, cuxa obra segue a ser de referencia. Xa no século XX cómpre salientar o labor de diversos arabistas estranxeiros como o francés Lévi-Provençal, o franco-alemán Demburg, o norteamericano de orixe checa A. R. Nykl ou o granadino Emilio García Gómez, quen fixou que unha importante cantidade dos versos presentes nos muros da Alhambra eran de Ibn Zamrak.

Agora, por fin, temos unha edición do conxunto total de epigramas da Alhambra -coa correspondente tradución castelá e inglesa. Iniciado hai uns anos, o Corpus epigráfico da Alhambra vén de ser presentado de maneira completa hai un par de meses por Juan Castilla, arabista e director da Escola de Estudos Árabes do CSIC. Co seu equipo de dez investigadores veñen de dar luz a máis de 10.000 inscricións -recollidas en dez libros-DVD interactivos- presentes non so nas paredes visibles senón en elementos suntuarios como columnas, tacas (pequenas fiestras) e cuncas.

En ausencia de representacións de persoas e animais, a arte suntuaria musulmá colleu a caligrafía e as representacións vexetais como motivos. A dinastía nazarí herdou a caligrafía árabe clásica, a cúfica (por ser orixinaria de Kufa, no actual Iraq), considerada sagrada por ser a que fixou os textos coránicos, e a cursiva ou nasj?, chamada "escritura de copistas", que incorporaba as mocións e puntos diacríticos. Os granadinos as fundiron na cúfica xeométrica, que ía acompañada de motivos vexetais (palmas, flores, piñas e follas de acanto).

Amais das citas coránicas, de certa extensión, podemos atopar versos de poetas, como os de Ibn Zamrak na Sala de Dúas Irmás ("Que arcos hai por riba, sostidos por columnas, de luz engalanada...") e no Patio dos Arraiáns ("Á espada e á forza en Alxeciras entraches, abrindo porta antes pechada"). Moitos das xaculatorias dedicadas a Alá son breves ("Gratitude a Alá", "A gloria é Alá"). Tamén as hai votivas, moi breves (unha ou dúas palabras), en referencia á bendición, a gloria ou a felicidade.

As paredes e os recunchos da Alhambra están cheos de loanzas a Alá por axudar na guerra, por propiciar a construción do palacio ou, simplemente, por darlle as grazas. Propaganda, sen sentido pexorativo, en definitiva, que cada sultán incorporou para ser lembrado, ben con textos novos ou con outros xa existentes.

Así, na cunca coñecida como Fonte dos Leóns, podemos ler "Bendito sexa aquel que outorgou ao imán Muhammad as bonitas ideas para engalanar as súas mansións / Acaso non hai neste xardín marabillas que Deus fixo incomparables na súa beleza e unha escultura de perlas de transparente claridade, cuxos bordes se decoran con orla de alxofre?".

Unhas dos lemas máis abundantes é o da dinastía nazarí: "Wa-l? g?lib ill? All?" ('Non hai máis vencedor que Alá'). Contan que estas palabras estaban escritas na bandeira que levaba un anxo montado nun cabalo branco que se apareceu ás tropas almofades que venceron a Afonso VIII de Castela na batalla de Alarcos. En ausencia de santos, os musulmáns puñan a Alá do seu lado, do mesmo xeito que fixeran os cristiáns en Clavijo en 844, cando forxaron a lenda do Santiago Matamouros.

Compartir el artículo

stats