Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Evocación paisaxística e percepción

Paula Mariño no Museo do Mar de Galicia

Evocación paisaxística e percepción

A pintura de Paula Mariño é a protagonista da nova mostra temporal do Museo do Mar de Galicia, que até o vindeiro 5 de febreiro de 2017, acolle unha escolma de pezas realizadas pola artista viguesa durante as últimas dúas décadas e que teñen o mar como eixo vertebrador tal como suxire o título da exposició: Il Mare (1996-2016).

O mar como tema recorrente e unha procurada e especial relación entre os ámbitos espaciais do cadro é o alicerce da obra que presenta Paula Mariño. Trátase dunha ampla mostra que amosa como a pintora viguesa segue as indagacións dunha parte das correntes abstractas das últimas décadas virada cara a posicións máis expresivas e expansivas dentro da abstracción.

O título da exposición: Il Mare é de inequívoca evocación paisaxística e fai referencia a unha complexa simultaneidade de percepción que caracteríza a sucesión de series que van desde os anos noventa até o 2016. Trátase de pinturas de tonalidades dominantemente intensas que parten das impresións que lle provoca a paisaxe real e que a artista leva elaborando desde mediados dos anos noventa. Creadas en distintos soportes e e superficies, hai que entendelas non apenas como espazos para un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión. É o lugar onde a observación do mundo, a memoria e mais o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo da artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

A obra que presenta Paula Mariño posúe, alén diso, esa heteroxeneidade que trascende a pintura como técnica, e que é utilizada pola pintora para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna. Este punto de partida é o que a leva a empregar superficies de madeira, gravados, lenzos e mesmo outras algo máis inusuais como caixas ou libros de artista.

Como noutras ocasións, a artista reforza a relación singular interior-exterior, tan característica do conxunto da súa produción, xogando, neste sentido, a definida paleta un papel fundamental que reforza as cualidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha vontade de construír unha ligazón específica co lenzo desde a mirada, en interacción co soporte da obra pictórica mais non sometido ao mesmo.

Este diálogo é explícito xa desde a mesma montaxe realizada nas salas da planta baixa do Museo do Mar. Nelas podemos observar como a obra de Paula Mariño desenvolve percepcións espaciais diversas, desde os diferentes ángulos desde os que percibimos os cadros. Asistimos, xa que logo, a unha especial proxección escenográfica, cun resultado para o espectador claramente envolvente, do punto de vista visual e espacial.

Título da exposición: Il Mare (1996-2016)

Autora: Paula Mariño

Local: Museo do Mar de Galicia, Alcabre, Vigo

Até o 5 de febreiro de 2017.

Maneiras de ollar

  • A natureza como expresión da subxectividade, como metáfora, con paisaxes inventadas e soñadas é unha das chaves para a comprensión do traballo da pintora, en especial na obra que nos propón na mostra actual na que a artista procurou unha intencionada homoxeneidade. Il Mare remite a este carácter, co cromático e o evocativo como dominates, sendo a pincelada e a imaxe revelada -esa que aparece no título que nos transporta á paisaxe mariña- baixo efectos de singular cromatismo, non un límite, senón un ámbito para suxerir a profundidade ou para o reflexo. A cor e mais a pincelada abren o espazo nesta dupla dirección: para adentro e para fóra, afondando, proxectando para un interior virtual e espellando mancha, cor e luz, nun diálogo non realizado en pura complementaridade senón entendido como aberto e libre. O resultado deixa no ollar do espectador todo un abano de suxestións con tramas de ricaz concepción onde brillan alfaias de luz e cor.Hai, pois, en todo o traballo, unha sensación de perda de límites, que se consegue por medio dunha aposta moi meditada pola técnica pictórica, o que axuda tamén a modular as sensacións e a crear complementarias e desemellantes percepcións. Igual importancia adquiren os agrupamentos das obras, que como un quebracabezas labiríntico -velaí os libros de artista- acaba por constituír unha especie de comunicación cifrada, que non remite á escrita, senón máis ben serve de estímulo ao ollar, a unha contemplación tamén labiríntica e aberta a diferentes lecturas e suxestións.Se callar, unha das chaves do seu traballo é ese carácter ao tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á abertura espacial e á modulada sensación cromática, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, a final, o que nos propón a artista son distintas maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, que nos levaría ao mundo barroco que subxace no fondo da obra, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente.

Compartir el artículo

stats