Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dance in film

Nos retornos dos musicais

Rita Hayworth y Fred Astaire en Bailando nace el amor (1942).

Xunto co cinema negro e mais o western, o musical vén sendo o máis "hollywoodiense" do amplo espectro de xéneros producidos na arte cinematográfica. Tres variedades fílmicas que, desde hai décadas, foron perdendo presenza na industria. Por esta razón, cando un novo filme dalgún destes xéneros asoma polo horizonte, a industria estadounidense adoita recibilo cos brazos abertos, como se recibe a un fillo pródigo que retorna ao fogar tras unha travesía errante, e para quen, ademais, se sacrifíca un año como ofrenda. Neste caso, o cordeiro é substituído por premios cinematográficos. A estrea, no ano 1990, de Bailando con lobos (Dances with wolves, Kevin Costner) suscitou en Hollywood tal ataque de nostalxia e de entusiasmo que celebraron con exceso ese "retorno do western" ata o punto de outorgar nada máis e nada menos que sete Oscars -incluídos mellor película, mellor director e mellor guión- a un filme de calidade, polo menos, discutible. Probablemente, a industria, daquela, non viu chegar Sen perdón (Unforgiven, 1992) de Clint Eastwood, e tiveron que repetir o mesmo procedemento de consagración; pero, desta vez si, con moito máis merecemento. Sucede o mesmo co xénero musical, recibido con aclamación cada vez que un produto se achega ás pantallas cinematográficas, como aconteceu con Chicago (Rob Marshall, 2002) que recibiu seis premios da Academia de Hollywood, entre os cales figuraba tamén a de mellor película; e como está a acontecer tamén con outra aparición espléndida: La La Land -La ciudad de las estrellas en español- dirixida por Damien Chazelle.

Por que, entón, o xénero musical non se prodiga máis na actual industria cinematográfica? Pode que a resposta estea no star system, outro dos pilares básicos e inamovibles de Hollywood. Na idade dourada, anos trinta, corenta e cincuenta, o xénero musical contaba cun star system propio; é dicir, cantantes e bailaríns que protagonizaban practicamente en exclusiva películas desta índole. En cambio, nos últimos exemplos, son actores e actrices consagrados os que interpreta, con maior ou menor integridade, os números musicais. Todos sabemos que, por exemplo, Ryan Gosling, Emma Stone (La La Land), Richard Gere, Catherine Zeta-Jones (Chicago), Russel Crowe, Hugh Jackman (Os miserables), Meryl Streep, Pierce Brosnan (Mamma mia!), Nicole Kidman e Penélope Cruz (Nine) non chegaron ao cumio das súas carreiras grazas aos seus dotes como cantantes ou bailaríns, algo que non sucede co elenco formado, entre outros, por Gene Kelly, Frad Astaire, Judy Garland, Cyd Charise, Donald O'Connor ou Ginger Rogers.

Este cambio de actores, ademais da propia evolución da linguaxe cinematográfica, impón unha realización diferente nos musicais. Os clásicos da idade de ouro cedían todo o protagonismo á representación escénica; así, a cámara limitábase a filmar os corpos dos artistas desde a posición máis óptima, afastado de efectismos, apelando á invisibilidade do autor. Por exemplo, as secuencias de bailes de Fred Astaire e Ginger Rogers filmábanse practicamente sen cortes, nun plano secuencia, conscientes de que o movemento dos bailaríns era máis que suficiente para encher a pantalla. En cambio, os musicais máis actuais -en parte tamén influenciados pola factura do videoclip- basean boa parte da súa estética no uso da montaxe como elemento rítmico, como un efecto ornamental que enmascara as imperfeccións que actores non profesionais do baile poidan ter. As dúas películas de Rob Marshall antes citadas, Chicago e Nine, conforman un claro exemplo do exposto. Con todo, o efecto "manipulador" da montaxe pode verse tamén moderado sempre e cando se aposte, sen complexos, por unha coreografía voluntariamente pouco estilizada como sucede en Mamma Mia! de Phyllida Lloyd.

La La Land

  • Agás pola música en directo, un servidor ten a convicción de que o xénero musical é máis cinematográfico que teatral. As posibilidades que ofrece a linguaxe fílmica para harmonizar, sincronizar e conciliar a posta en escena (corpos, montaxe, luz, composición, cor, movementos de cámara, etc.) coa música, para, así, acabar creando un todo unitario no que o pracer da vista e do oído se retroalimentan ata incrementar exponencialmente a súa estética, son máis poderosas que as das artes escénicas.O último fenómeno musical da industria cinematográfica, La La Land (La ciudad de las estrellas entre nós) do director Damien Chazelle é unha boa mostra desta persoal opinión. O novo director estadounidense (hoxe mesmo cumpre 32 anos) presenta este espléndido traballo despois de dous musicais en torno ao mundo do Jazz -a primeira película sonora, á vez a primeira película musical da historia, O cantor de jazz, tamén trata este tipo de música- non estreadas comercialmente en España: Guy and Madeline o a Park Bench (2009) e Whiplash (2014).Tras triunfar na cerimonia de entrega dos Globos de Ouro -a película que recibiu máis destes galardóns na historia-, todo apunta que na vindeira edición dos Oscars volva a repetir éxito, emulando así a metáfora antes citada do cordeiro que se prepara especificamente para o fillo pródigo que retorna.

Compartir el artículo

stats