Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando o barato sae caro

A cara oculta do mundo 'low cost'

Os estímulos exteriores que marcan o ritmo das nosas vidas son tan rápidos que apenas temos tempo de asimilar os cambios. O que hoxe é o non vai máis, mañá será obsoleto e, o que é peor, inservible. E se iso resulta relativamente evidente nos obxectos (os teléfonos multiusos, a roupa de moda), a trampa está na nosa progresiva dependencia da dixitalización.

Andrew Keen (Hampstead, 1960), director do Salón de Innovación de Silicon Valley (tamén considerado o "Anticristo de Silicon Valley"), advirte contra a concentración de capital e recursos que supón a plutocracia das empresas tecnolóxicas. Se as compara coas empresas industriais, estas saen perdendo: así, Kodak (con 43.000 empregos) ficou arruinada por Instagram (que apenas tiña 15); por cada dez millóns de dólares de facturación, as librarías creaban preto de 50 postos de traballo (cualificados intelectivamente) pero Amazon, 15 (de loxística básica); General Motors (valor 55.000 millóns) ocupaba 200.000 persoas fronte a Google (400.000 millóns), 46.000.

Fai extensiva esta crítica ás empresas da chamada "economía colaborativa" (Uber, AirBNB), que están a destruír sectores públicos como os taxis (que teñen tarifas reguladas en defensa do usuario) ou as axencias de intermediación inmobiliaria (suxeitas ás normas de dereito público). E seguidamente denuncia que Internet e os produtos que utilizan a Rede, lonxe de seren a democracia dixital que aínda defende a esquerda, é un mecanismo perverso de concentración de capitais e recursos, un auténtico cabalo de Troia que está a destruír as clases medias e a favorecer as desigualdades sociais. Un mecanismo que non loita contra a piratería nin pola defensa da propiedade intelectual.

Unha tese semellante é a que mantén o francés Yann Moulier-Boutang (Boulogne, 1949), creador do concepto de "renda básica universal". Sostén que despois do primeiro capitalismo mercantil (que aproveitaba a man escrava) e do seu sucesor, o capitalismo industrial (man de obra asalariada), agora domina o capitalismo cognitivo, baseado nun número reducido de traballadores e altos resultados en valor engadido. Quen traballa daquela?: os propios usuarios.

Segundo a tese de Moulier-Boutang, o conxunto dos internautas traballamos gratis -pensando que estamos a recibir un servizo- para o conglomerado GAFA: Google, Apple, Facebook e Amazon. Estas empresas coñecen coma ninguén as nosas preferencias, incluso as menos confesables. Colocamos fotos, explicamos a nosa vida e expresamos as nosas teimas sentimentais e ideolóxicas sen caer na conta que despois nos pode pasar factura.

Continúa o especialista francés comparando a condición gratuíta do acceso ás aplicacións na Rede coas lilainas coas que os colonialistas escravistas enredaban os nativos. Para os "grandes irmáns" GAFA esa gratuidade é ouro e nós, parvos, estamos a substituír a nosa vida real por esoutra vida virtual dixital. Iso sen esquecer que, grazas á globalidade, estas empresas non tributan como correspondería (velaí o caso da matriz de Apple en Irlanda).

Unha espiral descendente que nos leva cara ao mundo low cost. Un mundo que, obviamente, non pode ser gratuíto pero si moi barato e que supón unha forte concentración do capital nunha plutocracia que por riba resulta simpática (Gates, Cook, Zuckerberg, O'Leary).

Unha degradación da cal nos avisa, desde a ortodoxia do sistema, o experto en estratexia Alejandro Ruelas-Gossi (México, 1961). Para este profesor, o motor do desenvolvemento ten que ser a innovación e conceder o valor correspondente aos produtos; por contra, a economía de baixos custos leva á ruína a provedores e a traballadores. Abarata o presente sen considerar o futuro: os directivos que hoxe despiden para gañar marxes, mañá seguirán o mesmo camiño se a súa empresa é absorbida. Entre tanto -sostén Ruelas-Gossi- cobran moito e fan da defensa diso o seu obxectivo. Sempre a base de rebaixar custos. E a menos facturación absoluta, menos impostos.

Compartir el artículo

stats