Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desconcertante cosmovisión

Con admirábel pulso narrativo

Desconcertante cosmovisión

Despois da lectura do libro de contos Frouma de ruivéns, O sonho que na tua língua mora, de Jorge Rodrigues de Gomesende, chego a unha conclusión: estamos diante dunha obra sorprendentemente invulgar no panorama narrativo dos últimos anos. Primeiro, porque emprega a grafía reitegracionista de D. Ricardo Carvalho Calero (o que a minoriza e reclúe na periferia do noso sistema literario) e, segundo, porque os textos oferecen unha cosmovisión desconcertante. As nove narracións que alberga teñen en común unha depurada linguaxe que vai tecendo tramas envolventes onde o misterio predomina e onde os protagonistas (algúns de estraños nomes) se ven imbuídos en labirintos de dilatada confusión.

Usamos a palabra misterio en todos os seus significados: culto secreto ao cal non eran admitidos senón os iniciados, mais tamén algo que é secreto, escondido, non repartido con outros. Con efecto, as personaxes que transitan por estas prosas pertencen a organizacións secretas, a sectas, a grupúsculos que combinan a paixón nacionalista, o gosto pola etnografía, coas inquietudes relixiosas, coa ansia dunha transcendencia esotérica. Tamén, polo erotismo e a pulsión carnal que empapa as súas vidas. Con estes ingredientes o autor soubo elaborar apócemas de fecunda densidade onírica, onde a bisagra entre o real e a ficción oscila e se dilúe para deixarnos invadir pola sorpresa dos feitos ou pola perplexidade da desorientación.

Todas as historias manteñen un pulso narrativo admirábel. De entre elas, salientaría a magnífica "Oferenda", pois resume e harmoniza, como nengunha outra, a robustez lírica coa efusión sentimental. De igual modo "Tempo e memória na fotografía de Xalo Chaos", parodia da linguaxe da crítica fotográfica. Sen esquecer "Os peregrinos", onde Pontevedra é escenario da actuación dos integrantes dun bando misterioso nas festas da cidade. No seu estilo epistolar advertimos a presenza do ferriniano "Lobosandaus" de Arraianos. Mentres que "Mogor", o derradeiro do tomo, utilizando a técnica do "eu espello", espalla un argumento espiral onde o seguidor dunha facción ten que fuxir para descubrir un infiltrado na súa organización. A opresiva maraña da dualidade do soño que parece repetirse e da imaxinación que semella que o executa, confirma estarmos perante un escritor de verdadeiro talento. A técnica empregada lémbranos o extraordinario romance Estorvo do escritor brasileiro Chico Buarque.

Finalmente, percibimos o perfume enigmático do Risco neosófico. Así como os ecos de Borges e Cortázar. Mais, sen dúbida, o Ferrín dun libro tan excepcional como desatendido pola crítica, Elipsis e outros sombras. Textos que como aquí retratan e non eluden a ominosa presenza do caos e da loucura.

RODRIGUES DE GOMESENDE, J., Frouma de ruivéns, Ed. Redelibros, Vigo, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats