Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A mirada irresistible

100 anos de Lorenzo Varela

A mirada irresistible

Dicían que Lorenzo Varela tiña físico rotundo e personalidade irresistible. O seu atractivo -seica- era consecuencia dun enxeño desbordante e duns modais de gentleman marxista, forxado no combate da Guerra Civil e na dialéctica obreira dun período xuvenil en Bos Aires. Da súa complexa vida sentimental conservamos a memoria de catro mulleres que o amaron e que el amou coa paixón característica de canto o movía, fose un ideal ou unha emoción.

Des que naceu a bordo dun barco fondeado na baía da Habana -hai agora un século- ata que morreu (en 1978, nunha ambulancia polas rúas de Madrid), Lorenzo vivíu nun transito continuo que se reflecte nos seus amores. O que viviu coa escritora Estela Canto é, sen dúbida, o de biografía máis arrebatada. Coñecéronse a finais dos 40, pouco despois de rexeitar ela casar con Borges porque a bicaba con torpeza. Con Lorenzo compartiu meses tormentosos. Alberti prestoulles unha casa en Punta del Este, Uruguai, e trasladáronse alí para fuxir das rexoubas. O illamento non os axudou. precisamente. As discusións volvéronse sonadas; el chegou a lanzarlle unha máquina de escribir e ela botoulle enriba un ácido que lle queimou as mans. Nun momento determinado, comprenderon que non podían seguir xuntos. E entón, cando Marika Gerstein entra en escena.

Marika era unha anticuaria xudía, viúva, con tres fillos, extravagante, culta. Había tempo que namorara de Lorenzo, pero esperou á ruptura con Canto, a primeiros dos 50, para declararlle o seu amor. Leváballe doce anos. Primeiro disimularon o idilio. Logo, estreitaron lazos e casaron en 1960. Foron inmensamente felices. En 1976, co golpe de Estado de Videla na Arxentina, exílianse en Galicia, onde Díaz Pardo lle ofrece dirixir a Lorenzo o xornal Galicia, proxecto que non prospera. Cando o poeta falece en 1978, Marika está ao seu lado, incapaz de crer que morra antes dela.

Previamente, Lorenzo tivo un amor en México, onde chegou en 1939 a bordo do Sinaia. Ela chamábase Estela Garro, irmá da escritora Elena Garro, a muller de Octavio Paz, da que México lembra este ano o centenario do seu nacemento. Estrella militaba no socialismo de acción e, ao parecer, quedou prendada del. A relación durou ata que Lorenzo decidiu abandonar México e instalarse no Bos Aires da súa adolescencia.

Conservamos incluso a memoria do seu primeiro amor, Julia Álvarez -nacida hai cen anos nunha aldea de Suarna e morta na Ulloa no 2008-. Descubriuna Fernando Salgado en 2005, con motivo das homenaxes a Lorenzo Varela no seu Día das Letras. A Julia dedicoulle boa parte dos poemas de amor no seu libro máis popular, precisamente titulado Torres de amor (1942). Coincidiron en Lugo, a primeiros dos anos 30, nunha asemblea de estudantes. El era aínda un activista do galeguismo e ela unha mozoila contestaria, orfa de nai e cun pai na emigración. Nunha entrevista do 2004, confesou que ao velo nunca tivera unha emoción así, "tan sobrenatural" e turbadora. A relación prolóngouse até 1934. Ese ano, Varela abandonou o galeguismo polo trotskismo e participou nas revoltas de apoio ao proceso revolucionario de Asturias. A Policía fíchouno e debeu marchar a Madrid, non sen antes prometerlle a Julia que a amaría sempre. Fiel á promesa, escribiulle cartas que ela non contestou porque lía nelas moita política e ningunha palabra de amor.

A peripecia vital de Julia tamén resulta engaiolante. Fuxiu da casa dunha tía súa de Lugo e serviu na Coruña á marquesa de Calvancanti, filla da condesa Pardo Bazán, que a tiña pola súa muller de confianza. Esperou por Lorenzo durante anos, ata comprender que non regresaría nunca. É entón cando casa cun home da Ulloa. Aínda así, a súa sombra perseguiuna desde a distancia. En 1960, durante a viaxe que Lorenzo fai de xeito clandestino a Galicia, volvéronse ver nun café de Monterroso. Ela estaba co seu marido sentada nunha mesa. Ergueu a cabeza e encontráronse. Sostivo a respiración. Púxose pálida. Os labios tremáronlle e, nuns segundos, desfilou pola cinta dos seus recordos a calor dun pasado irrecuperable. El detívose e preguntoulle ao marido se lle podía dicir a hora. O marido consultou o reloxio, "as doce e cuarto, pasadas". "É tarde de máis", dixo Lorenzo e foise. Polo espello de detrás da barra, botoulle unha última ollada a Julia. Non se volveron ver nunca.

Compartir el artículo

stats