Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Matriarcas da arte galega

De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz

Varios momentos da exposición no MARCO. // FOTOs: ELI REGUEIRA

É moi pracenteiro pasear polas amplas salas da planta baixa do MARCO, agora que o museo está cheo dunha atmosfera mesta de historia e silencio, e sentir na caluga o alento quente e vivo desas matriarcas xa desaparecidas da arte galega do século XX. O MARCO, grazas ao milagre desta mostra, non é un sepulcro branqueado, senón un espazo de epifanía e resurrección onde os espíritos destas artistas xa finadas reviven, redimíndonos a todos e tamén ao país, logo de tanto noso esquecemento. É verdade que de, entre todas elas, destacan dúas luminarias que seguen a estar máis ou menos acesas decote: velaí as lapas sempre vivas de Maruja Mallo ou a luz, ben máis débil certamente, de Julia Minguillón. Pero quen alumea a escuridade onde se atopa a pintura de Mª Antonia Dans, de Mª Victoria de la Fuente, Mª Elena Fernández-Gago ou Mercedes Ruibal?

Os museos de arte contemporánea precisan destas mostras de revisión histórica. Porque serven para contextualizar, contrastar, dialogar co pasado, e tamén para decatármonos unha vez máis de que a arte destas galegas de antano nin é anticuada nin vella, nin morreu coas autoras, senón que, polo contrario, continúa xirando en plenitude na mesma órbita na que se moven moitas outras creadoras e creadores do actual universo artístico internacional. Velaí ese hiperrealismo de interiores domésticos tan ao uso hoxe, pero que xa executaba con precisión a coruñesa Fernández-Gago, ou velaí esa paleta de negruras tan contemporáneas que semellan ter aínda a pintura fresca, mais que foron pintadas no pasado pola viguesa Mª Victoria de la Fuente.

Xaora unha comuñón de espíritos que mesmo nos reconcílian con aquelas almas das que nos atopabamos máis afastados. Ocórreme iso, por exemplo, coas esceas aldeás de Mª Antonia Dans, que neste clima conciliar observo sen recelo, e pásame o mesmo con esoutra viguesa, Mercedes Ruibal, da que a curadora escolle dúas pezas ben afortunadas: Con Chile en el corazón, 1970 e La muerte de Allende, 1975.

Pero vaiamos agora coas artistas vivas e principiemos rendindo homenaxe a aquelas cubertas xa por un groso manto de silencio expositivo: Fina Mantiñán e Beatriz Rey. Nada hai peor que ser enterrada en vida e, con todo, vexo na primeira e nas súas colaxes unha modernidade xeométrica que apampa, e ocorre igual na segunda, coas súas siluetas de torsos recortados de cor.

Das artistas actuais hai tres ás que acae moi ben o título da exposición porque, sendo creadoras xa contemporáneas e en plena efervescencia creadora, a súa visibilidade veu sendo moi reducida . Entre elas xorde con forza o nome de Rosalía Pazo Maside, cuxas dúas obras da mostra enseñorean con orgullo o ámbito, e aí está para demostralo a escultura Espazo reversible, da serie Holograma roto, 2000: unha obra que parece incrible que non forme parte de ningunha grande colección institucional. Logo está Soledad Penalta que con Sons da historia, sen fin, nin límites, 2014, facía as ledicias do público e das cámaras dos móbiles cando a miña visita, e que amosa as moitas e afortunadas reviravoltas que pode imprimir á escultura xeométrica e en metal a escultora de Noia. A incorporación de ambas, esquecidas na mostra do Auditorio de Galicia e redimidas agora, é unha moi boa nova. E segue a reivindicarse outra volta máis a Mª Xosé Díaz, e paréceme ben atinado porque abonda para corroboralo ver esas dúas belas esculturas de chan que trouxo a Vigo.

Por contra, hai varias artistas vivas e contemporáneas que son todo menos Mulleres do silencio, como proclama o título da mostra: velaí a Ángela de la Cruz, Menchu Lamas, Pamen Pereira ou Berta Cáccamo. A presenza no sistema artístico, entre moi boa e boa, da que gozan as catro confirma de certo a excepcionalidade. A magnitude e extensión aquí das obras da viguesa Menchu Lamas parecera querer subsanar en parte o feito de non ter tido esta pintora unha grande monográfica no museo da súa cidade natal.

Tamén artistas novas como Mónica Alonso e Tatiana Medal tiveron amplísimo, mais iso parecera que fora algo que ficou no pasado. E, por certo, que mal envellecen as obras "habitacionais" da lucense á vista do calimbornio que argallou para esta mostra.

Pola contra, a obra da viguesa Almudena Fernández Fariña, outra das novas incorporacións con respecto da exposición do Auditorio, medrou de xeito absoluto e non só en tamaño senón tamén en calidade. Así, con enorme fortuna caníbal, soubo deglutir o seu pasado, ao xeito que fai nesta intervención mural na que parte dun cadro antigo -dela mesma- para convertelo en algo novo e total de grande beleza e expresividade, nin sequera entrevisto nas súas primeiras composicións.

Título: Mulleres do silencio: de Maruja Mallo a Ángela de la Cruz. Comisaria: Rosario Sarmiento. Lugar: MARCO (Vigo). Data: Deica ao 16 de abril de 2017.

As novas amazonas

  • O proxecto é, segundo os organizadores, unha "revisión ou relectura" da arte inexistente que a mesma curadora fixera en 1995 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, daquela o centro artístico de referencia en produción de grandes exposicións en Galiza. Non vira aquela mostra, así que agora desfruto daquelas artistas que expuseran entón e que repiten agora.O proxecto de 1995 ten desta volta un lóxico e pequeno aggiornamento no MARCO, pero esa actualización vaise desenvolver en toda a súa proxeccións ao inicio de 2017, cando se inaugure, no primeiro andar do mesmo museo, outra mostra, da man da curadora Anxela Caramés, na que se amosará o ricaz e múltiple escenario das amazonas xurdidas a partir destas matriarcas artísticas da pintura de noso. A convivencia de ambas exposicións no tempo resultará de derto de enorme interese para todo Galiza pola grande envergadura da tarefa encarada polo MARCO ao historiar na súa totalidade a arte de xénero no país. Chapeau!

Compartir el artículo

stats