Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Comedia feminista

Ostracismos e sutilezas

Comedia feminista

Nunha ocasión, unha escritora norteamericana foi a Italia presentar un libro. "Non me interesa Vde. nin o seu libro, díxolle un periodista. Podería falarme do seu marido?" A escritora era Siri Hustvedt, poeta, ensaísta e narradora estadounidense; o seu home, Paul Auster.

Siri Hustved leva tempo loitando contra os prexuízos que minusvaloran as mulleres no mundo da arte. No principio da novela Un mundo deslumbrante di claramente que todas as creacións intelectuais e artísticas, mesmo as bromas, as ironías e as parodias, "teñen mellor recepción na mente das masas cando estas saben que, nalgún lugar detrás dunha grande obra ou dun grande engano, se atopa un pene e un par de pelotas".

Ficción e ensaio son elementos complementarios da obra da autora, que ten publicado traballos relacionados ca filosofía, psicanálise, ou neurociencia. Na novela O verán sen homes, verquida agora ao galego nunha edición con numerosas notas aclaratorias, a escritora amosa o seu feminismo e ese aspecto catalizador que as súas investigacións exercen sobre o discurso narrativo. A historia de O verán sen homes conta que un bo día un científico de 55 anos, Boris, dille á súa muller, unha poeta e profesora universitaria, coa que leva trinta anos de matrimonio, que se vai da casa. O motivo: unha francesa chamada Pausa, de 39 anos. A novidade leva a Mia, a protagonista, a un psiquiátrico. Esta especie de comedia feminista conta a reconstrución psicolóxica de Mia, o seu achegamento á súa nai e a un grupo de anciáns, amigas desta última, e tamén a relación cunha filla admirada, e con outras mulleres, porque nese período Mia tamén entra en contacto cun grupo de mozas adolescentes, a través dun taller de poesía. É unha novela na que as mulleres ocupan un lugar central. A autora dá menos importancia á acción que as reflexións. Fala dos seus gustos cinematográficas, dignifica as súas compañeiras de xénero, considera a importancia do desexo como elemento perturbador do matrimonio? Pero tamén insinúa a complicidade e os profundos lazos que unen ás parellas de longa duración, malia o deterioro que poidan sufrir as relación.

Arte, psicoloxía, neurociencia son elementos que levan a cavilacións, unhas veces serias; outras, estas mesmas reflexións pasan pola peneira da broma. A protagonista, narra de xeito autobiográfico, cunha lingua sinxela, incrustando poemas, facendo comentarios de gran calado que se apoian en citas de escritores, filósofos, intelectuais e científicos. A narradora combina o presente co pasado a través de numerosos flash-back. O resultado final é unha novela que nos fai pensar no ostracismo, na sutileza con que unhas púberes poden esnaquizar a outra, nos problemas da vellice, sobre os estragos da enfermidade, sobre os anhelos que dormen acochados nos corazóns das mulleres intelixentes que subliman a través da arte os seus desexos, e sobre o perdón. A comicidade acompaña o relato, mesmo con escenas pornográficas.

HUSTVEDT, Siri, O verán sen homes, (trad. Alejandro Tobar) Ed. Hugin e Munin, Santiago, 2016, 16,5 ?

Compartir el artículo

stats