Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Política dos elementos

A obra de Eva Lootz no CGAC

Areas xiróvagas (1991).

Eva Lootz, nacida en Viena en 1940 mais activa na escena artística española desde 1968, é unha creadora dun traballo moi autorreflexivo, con prácticas que a emparentan coa land art, coa arte povera e o minimalismo, e que entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e cultural do medio natural e o seu contacto co contexto político-cultural, incidindo nunha lectura fluída da natureza como fonte de creatividade e de reflexión. Para ese propósito a artista segue estratexias de produción artística que parten da experimentación coas calidades dos materiais entendéndoas como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión as estruturas xerárquicas, apostando por unha lectura cultural desde o signo que a leva a un mundo cultural primixenio e esencial.

O traballo de Eva Lootz parte no esencial dunha dialéctica entre o elemento natural e a súa manipulación, complementándose cunha importancia relevante dada á acción e ao aspecto procesual da obra, ben representado nas pezas en que presenta un mundo inestábel, como en Parafina (1977), onde verque ese material nunha piscina, creando coa cera unha paisaxe.

A relación co medio arquitectónico agroma en obras como Montaña (2016) ou Tétrada (2016), lembrando formas esenciais. Extraordinaria peza nesta liña é Canon inverso (1987), onde o po de carbón debuxa unha constelación, con ese fluxo entre o material simple e a complexidade conceptual -no que está en debate a ligazón entre o espacial e emocional-. Está dualidade está representada dunha forma sinxela e ao tempo expresiva por medio deses sete discos suspensos en altura, tensos e dotados de forte carga simbólica, e que soportan diferentes cantidades de carbón que, ao seren abertos, crean no chan a constelación da Osa Maior. En relación con eles, o medio físico é entendido na dupla concepción de soporte e resorte para a acción. Estamos, pois, perante un traballo que permite establecer unha tensión da que vai nacer a lectura simbólica e crítica.

Eva Lootz sitúanos fronte a un tipo de traballo -realizado fundamentalmente desde a década dos setenta- que parte dunha idea de análise da realidade social e que incide en reflexións de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital e a realidade social, o intuitivo e o conceptual, cun marcado interese polo proceso, pola fluidez, todo realizado cunha potencia peformativa que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a reflexión.

A precepción desde o medio natural elemental -auga, area, sal-, preside obras como Cuenca suspendida (2009) ou Embalses 116 (2013), nas que a auga é vista desde o seu carácter cultural, ligada á humanidade. O mesmo acontece coa area e o sal, relacionadas coa minaria, convertendo estes elementos en elementos de transmisión en realción co humano, activalos complexas lecturas sociais. Outras pezas, como os videos Blind Spot e Gran torbellino (2016) son obras catárticas percibidas como realidades que flúen alén do inmediatamente perceptíbel até o momento en que se tornan fontes de pensamento, cando a persoa que se achega a elas sente que é levada por estas obras poderosas e sutís, cargadas de significado.

Deste xeito, a artista afronta o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do mundo natural e do seu tempo, producíndose unha interrealación de logros formais e desenvolvemento temático.

Mais en medio dese desacougo e desa reflexión, ese corte a través do neboeiro ao que alude o título da mostra, a natureza aparece como explícito territorio para a análise sobre a tradición e o presente. Coas súas intervencións a artista activa un particular ritual intimo que é reforzado polo contacto directo co material, instrumento que libera o traballo da súa reclusión ao rachar os límites de barreiras invisíbeis, sendo este o seu xeito de engulir e dixerir os discursos tópicos sobre a política e sobre o realidade natural, expulsándoos, para así facer xurdir unha nova realidade, que poida ser fermento de novas formas de creatividade.

Título: Cut Through the Fog

Artista: Eva Lootz

Comisaria: Alicia Murría

Local: Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela

Até o 29 de xaneiro

Anos 60 e anos 80

  • A exposición Cut Though the Fog está producida polo Centro Galego de Arte Contemporánea e comisariada por Alicia Murría, crítica e historiadora da arte, que desde 2004 edita e dirixe a revista dixital Artecontexto. A mostra céntrase na obra dos anos setenta e oitenta de Eva Lootz, co propósito de amosar, mediante a reconstrución dalgunhas instalacións emblemáticas desa etapa, uns traballos que tiveron un grande impacto nunha xeración de artistas españois que comezaban a despuntar naquel momento.A exposición Cut Through the Fog non se presenta ao público, xa que logo, como unha antolóxica; trátase mais ben dunha aproximación a unha serie de pezas significativas que arrincan na década dos setenta para chegar ata a actualidade. O resultado é unha mostra de enorme brillantez e impacto visual.

Compartir el artículo

stats