Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eficaz resultado

Relatando o incómodo remoer

Eficaz resultado

Do remorso que recoñece ter sentido durante a súa visita ao complexo de Auschwitz-Birkenau, e mais da impresión que lle causaron as declaracións recollidas no documental Shoah, onde antigos prisoneiros afirmaban que alí a xente tamén namoraba, xurdiu, segundo o autor declara, a idea desta novela, na que o romance entre un mozo alemán e unha rapaza xudía entrelázase co desenvolvemento do histórico complot para voar os fornos crematorios urdido por un grupo de mulleres sionistas, obreiras nunha fábrica de munición próxima, que, en colaboración cos internos, lograron levar a término con parcial éxito a poucos meses da liberación do campo.

Se cadra pola influencia documental, Thomas Münch, o narrador, relata as súas vivencias cara a un público descoñecido (mencionado, por certo, unicamente nunha páxina). El traballaba de perruqueiro en Berlín. As súas actividades políticas levárano ao internamento, e a súa destreza profisional a sobrevivir coma membro dun Sonderkommando;é dicir, dun daqueles grupos especiais formados por presos elixidos que se encargaban do traballo sucio a cambio de certos beneficios -sexo, comida, o expolio dos cadáveres; pero fundamentalmente un tempo máis de vida- ata que eles mesmos eran, periodicamente, tamén eliminados. O Supervisor da Sección de Produción de Pelo -pois así de cómica é ás veces a perversión- era un imprevisible maniático, cordialmente entregado a fornecer as téxtiles do Reich de materia prima. Por motivos ignorados manifestaba certa condescendencia cara ao xoven e, asemade, por motivos diferentes, mantiña ao seu servizo a fermosísima Irene, unha presa que lle era disputada pola especialmente sádica Cadela, garda do campo. Cando Thomas coñece a Irene, prodúcese o frechazo, pois na mirada da rapaza intúe "unha trascendencia que vai máis alá do puramente físico". Nesa posibilidade dun amor contra todo prognóstico, o mozo atope forzas para evitar renderse ao indicible cansanzo, ao absurdo, á dor, ao medo de cada día; porque aturar o insoportable en condicións extremas resulta incomprensible sen propósito. Para uns era ese a arela de vinganza violenta, de facer pagar aos nazis ollo por ollo; ou de fotografar o horror e preservar as probas; ou de paliar en segredo o sufrimento... E todos reservaban, así mesmo, ben fose na ilusión ou na memoria un lugar feliz ao que fuxir, de cando en vez, do corpo; coma cando se escoita música, ou na infancia. Pois para resistir tamén iso é necesario.

A fórmula romance+Historia acada nesta novela un resultado eficaz, cunha verosímil convivencia entre ficción e realidade (a propósito: hai unha película, The Grey Zone, que tamén conta a revolta dos crematorios, e que os curiosos poden confrontar). Entre os personaxes ficticios -netamente nobres ou canallas, e en xeral lineais-, recoñécense nomes verdadeiros -como Mengele, ou a propia Cadela, cuxa realidade desafía o concibible-, nunha escolma arquetípica de variadas orixes e posicións que cumpren acaídamente coa súa función de subliñar o -nada sutil- contraste entre caracteres, ou a de debullarnos o contexto a través das cicatrices que nas súas biografías escribiran as convulsións da época, mentres que o devir da trama vai revelando a arrepiante normalidade en Auschwitz-Birkenau, ao límite do humano.

Revivir a impensable, e porén documentada, viaxe ao caos desde as soflamas ata o asasinato en masa deseñado meticulosamente para acadar a máxima eficacia e comodidade no exterminio sistemático, ordenado e incluso industrialmente produtivo sempre estremece; e mesmo estremece desde a confortable salvagarda da lectura, mesmo cando se trata dun narrador de ficción a relatarnos, en ton contido, unha historia de amor, teima en acompañarnos un incómodo remoer de desacougo.

CANAL, Alberto, O amor nos escuros días de Birkenau, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats