Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En clave metafórica

Unha narración entrañable

En clave metafórica

Sobre a idea orixinal de Siobhan Dowd escribe Patrick Ness unha novela que, en clave metafórica, aborda o tema dunha grave doenza e todas as emocións que se xeneran a partir desa experiencia vital.

Conor, o neno protagonista de trece anos, sofre o mesmo pesadelo todas as noites dende que lle descubriran a enfermidade á súa nai, ata que unha noite se fai visible e o rapaz ha de prestarlle a atención que, segundo el, o monstro que vén visitalo lle reclama.

A historia, profunda no seu contido, discorre polos vieiros da naturalidade se con iso entendemos que a dureza dos acontecementos leva aparellados outros ingredientes que teñen que ver co amor, a esperanza ou coa dolorosa perda dun ser querido e que obrigan o protagonista a asumir a verdade, a súa realidade por moi hostil que esta sexa. Paralelamente na escola a vida segue e non é que digamos idílica para Conor, mais ben todo o contrario: se na casa ha de loitar contra o monstro dos seus pesadelos, no colexio farao contra as mofas dos seus compañeiros, ademais está a avoa á que non atura e o pai ao que bota de menos.

Realidade e suxestión entremestúranse ao longo da novela para presentarlle ao lector unha narración na que o protagonista se nega a aceptar unha situación que el sabe que non vai rematar ben, pero ao mesmo tempo alberga un fío de esperanza que se romperá en calquera momento. A autosuxestión ponse en marcha e descolócao de tal forma que lle produce ao protagonista a parálise e o movemento incontrolado cáseque de forma simultánea. A isto súmase que os que están ao seu redor non actúan conforme ao que os acontecementos esixen e aínda se crea na mente do mozo un desaxuste co que non contaba e que vén aumentar o desasosego.

A ficción amortece a realidade e a vida cotiá convértese nun escenario extraordinario onde desfilan personaxes que ás veces se superpoñen para amosar unha face chea de aristas nalgunha ocasión e máis ben plana noutras. Un monstro vén a verme convértese así nunha novela que ademais de recibir numerosos galardóns -Premio The Red House e National Galaxy, Medalla Carnegie ao mérito literario e Kate Greenaway ao mérito artístico- foi elixida para facer dela unha adaptación cinematográfica que vén de ser estreada recentemente, quizais porque no texto termos como enfermidade, familia, adolescencia e madurez danse a man dunha forma entrañable.

NESS, Patrick, Un mostro vén a verme (trad. Xesús Fraga), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2016, PVP. 13 ?

Compartir el artículo

stats