Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miriam Ferradáns: "Se a poesía fose un nutrinte alimentario, sería hidrato de carbono"

Miriam Ferradáns: "Se a poesía fose un nutrinte alimentario, sería hidrato de carbono"

-Estáse Vde. a converter nunha das xoves poetas máis premiadas de Galicia. Como se sente diante todos estes galardóns e, sobre todo, este ano no que xa lle concederon dous?

-Indubidablemente, chea de felicidade e agradecemento. Tampouco podo negar certa inquietude e nerviosismo .

-En que se diferencia a sensación que tivo cando gañou Vde. o seu primeiro premio e estoutra de agora, logo de obter o "Xosemaría Pérez Parallé?

-Na maduración da idea. A primeira vez foi unha alegría exultante pero non sabía se pasaría da anécdota. Agora intento asumir que, en breve, haberá nas librarías un poemario que leve o meu nome. A ilusión segue intacta.

-Cal é o fío condutor que une os poemas incluídos en Dos nomes de fume?

-O silencio imposto nas familias trala morte.

-Cales son as temáticas que máis caracterizan a súa poesía dende que comezou a escribir deica a agora?

-A necesidade de rebelarse...e a forza das mulleres para facelo.

-Son, precisamente, mulleres as que, maioritariamente, están a protagonizar esta especie de rexurdir poético na Galicia do século XXI. É unha casualidade?

-Tamén hai homes marabillosos escribindo poesía como Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Antón Blanco, Castro Yáñez?eu prefiro falar dun ciclo no que as mulleres e os homes estamos loitando pola visibilidade das primeiras. As poetas sempre existiron mais non tiveron acceso á vida cultural como protagonistas.

-Que cre que están a aportar á poesía galega os e as xoves poetas . Trátase dunha renovación de contidos, de temas, ou máis ben de formas poéticas?

-Creo que o que aportamos é un punto de vista propio. De tódolos xeitos, a poesía escrita polos xoves poetas é moi heteroxénea, non sabería falar de características comúns, máis ben creo nos puntos de encontro. Teño moitas esperanzas postas neste xénero.

- Hai algo que una a esta nova xeración á que Vde. pertence ou cada poeta ten o seu propio mundo independente?

-Penso que cada un ten o seu propio xeito de concibir a poesía. Eu disfruto moitísimo léndoos, escoitándoos, aprendo moito deles.

-Quen son os seus poetas preferidos e de cales deles/delas admite unha influencia directa na súa propia poética?

-Procuro ler aqueles que me recomendan e logo fago a miña peneira. Gústanme moito os poetas galegos contemporáneos que mencionei arriba e logo fascínanme María do Cebreiro, Chus Pato, Dores Tembrás?pero no meu cuarto nunca falta un libro de Méndez Ferrín, Sharon Odds, Simon de Beavoir?

-Quixera que me contara como empezou a escribir e por que decidiu expresarse por medio da poesía e non, por exemplo, da narrativa.

-Empecei na escola como tódolos nenos por esixencias curriculares. Non teño queixa nese aspecto, non sentín que ningún mestre nos amarrara á poesía como un xénero necesario e cultivable. Foi xa no instituto cando atopei profesoras de literatura marabillosas que me impulsaron a agarrarme á poesía, entre outros cousas porque eu me sentía cómoda léndoa e escribíndoa. Ainda así logo veu unha década de silencio autoimposto.

-Acredita na inspiración ou, como dicía Picasso, a inspiración vén se te atopa traballando?

-Comig, cando queda, sempre é cun ordenador ou un papel preto. Durante o proceso creativo hai etapas e é certo que recibes un estímulo do teu entorno que te leva a pensar un verso; pero logo hai un traballo duro detrás.

-Canto a vendas de libros, a poesía continúa a ser a "irmá pequena" da literatura. Qué habería que facer para mudar esta situación?

-É unha pregunta con moitas aristas. Se compararamos a poesía cun nutrinte sería, por exemplo, un hidrato de carbono. Imos con présa habitualmente, vivimos instalados na urxencia, consumimos azucre porque nos aporta enerxía rápida, facilmente asimilable. Que debemos facer? Ter coidado coa nosa alimentación.

-Gustaríalle que algún cantautor se fixase nos seus poemas para poñelle música? Que xénero musical pensa que lle viría mellor a súa poesía: o rock, o folk, clásica...?

-Pareceríame un pracer, trascender do papel ten que ser unha experiencia alentadora e divertida. Creo que encaixaría máis na canción de autor, pero coñezo algún músico de rock galego que sería quen de facer os arranxos precisos.

-Cada vez abondan máis os recitais poeticos, a poesía falada, declamada. A súa poesía está feita para ser lida, para ser declamada ou para as dúas cousas? Pensa nesta cuestión cando escribe os seus poemas?

-Oxalá cada vez abonden máis e máis os recitais poéticos porque eso indicará o interese da sociedade por ela. Eu creo que a miña está escrita para ser lida, non son boa declamando nin recitando, non é o meu espazo natural. Canto á hora de escribila, penso na musicalidade, na fluidez?e agora estanme ensinando a lelas en voz alta, para melloralas e puílas. Pero confeso que aínda me dá pudor escoitarme a viva voz.

Compartir el artículo

stats