Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eróticas próximas

Relatos dun micromundo

Eróticas próximas

Corazón e demais tripas de Emma Pedreira chega ás librarías como a obra gañadora da VII edición do premio Narrativas Quentes 2016, un certame que fai posible a progresiva creación dun corpus de textos desta temática ausente das nosas librarías.

Esta autora coruñesa ben podería figurar na listaxe de escritoras inxustamente tratadas na literatura galega en tanto que a súa importancia no panorama literario non se corresponde coa atención recibida por parte de medios e público. Con once libros de poesía e encadrada pola crítica na poesía dos 90, poucos concursos literarios lle restan por gañar neste xénero a quen ademais xa conta tamén con dúas obras narrativas e abondosas colaboracións en obras colectivas.

O volume confórmano corenta creacións onde podemos atopar contos, textos descontinuos, minirrelatos e microrrelatos aparentemente illados que a través da linguaxe directa, a hipérbole e o humor deseñan unha xeografía de eróticas próximas atravesada polas paixóns. No conxunto das historias a autora vai distribuíndo dúas series: a das cartas "Ao Ilustrísimo Monseñor Abé de Materviagris" a través da cal adquire protagonismo a temática clásica do sexo nas paredes sagradas dos mosteiros; e a de "Words, words, words" que se centra no mundo das filias por deriva profesional da lexicógrafa protagonista.

Atopamos aquí a preferencia por personaxes marxinais e inadaptadas que non son alleas ao xénero (as prostitutas, os membros da igrexa, as xentes do circo...) que se moven no lado máis animal dese sexo instinto primario que é retratado dende unha perspectiva máis sensual ca pornográfica.

Non podo deixar de facer referencia a tres dos tesouros que se poden atopar na obra e que dalgún xeito dan conta da diversidade creativa do volume onde se dan cita fórmulas textuais diversas como a carta, a entrevista, a receita ou a crónica xornalística. O primeiro é o texto "FOLLAS", fermosa e potente alegoría vexetal onde cada metáfora cae intensa no papel coma as pinceladas de Paul Cézanne no lenzo ata se xuntaren e crearen O bosque que aquí é salvaxe sexo de zume alcalino. O segundo é a peza "ÚNETE A ELAS", un relato breve onde a través da voz da filla sabemos de como mamá pasou a ser Madamme e no que a través de tan só media ducia de intervencións en estilo directo Pedreira realiza unha etopea magnífica onde retrata ese fino humor noso máis próximo ao sorriso que ao riso. O terceiro é o microrrelato erótico "COMO DE TODO" onde reina a concisión poética.

Convídoos a visitar o que a propia autora define como un "micromundo depravado e fértil" de cuxa lectura de seguro han saír gozosos.

PEDREIRA, Emma, Corazón e demais tripas, Ed. Positivas, Santiago, 2016, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats