Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pop con reflexos

'O mundo está parado' é o novo traballo da cantante galega no que aparece máis arroupada polo piano e outras cordas

Guadi Galego nunha imaxen promocional // FB

O pasado venres 4 de novembro púñase á venda o novo disco de Guadi Galego, O mundo está parado (Fol Música, 2016). Dispoñible para a escoita en plataformas dixitais como Spotify, Deezer ou iTunes, o único formato que chega polo de agora ás tendas -e que pode ser encargado tamén á artista nas redes sociais- é unha edición limitada en vinilo, que inclúe ademais do disco, o CD e unha fotografía de Carlos Abal. Hai até dez imaxes distintas, repartidas nos mil exemplares da tirada, feitas polo fotógrafo e compositor, que asina tamén tres dos dez temas do novo disco da de Cedeira.

Precisamente co videoclip dun tema dedicado a súa vila natal deuse a coñecer este novo disco de Guadi Galego hai uns días. No vídeo, un óculo achéganos mulleres, homes e lugares do norte, mentres a música arrólanos nunha suave habaneira que recorda en feitura e melodía os grandes temas de Lúas de outubro e agosto (Fol Música, 2014), co engadido dun toque meláncolico nos metais. Este single, "Cedeira", abre tamén o disco pero moi logo descubrimos que a súa liña continuista co anterior traballo de Galego non é nin moito menos toda a bagaxe do novo disco. Apenas escoitar as dúas seguintes cancións, "O privilexio é soñar" que nos leva á dozura e os tempos da súa estrea en solitario no 2009, Benzón, ou do disco que partillou con Guillerme Fernández, Espido, cando aínda os dous formaban parte dos Berrogüetto no 2005, e "Mente en branco", unha das asinadas por Carlos Abal e con innegables aires de balada rock, é suficiente para se decatar da diversidade que abrangue O mundo está parado. Por unha banda, ese ollar electrificado cara ao pop-rock, que aparece por exemplo tamén noutro dos temas de Abal, "Dende que marchaches", por outra, ese pop con reflexos da tradición onde ten cabida neste disco todo o abano de posibilidades que Galego ten despregado nos seus anteriores traballos. Boa mostra disto son "Vas cara arriba", "Vida" ou "Canción para ver", tema que fecha o disco nunha liña moi semellante á que posúe a devandita "Cedeira". Semella haber, no entanto, unha evolución na sonoridade con respecto deses discos anteriores, coa voz de Guadi en xeral máis arroupada entre o piano, outras cordas e por veces os metais neste O mundo está parado. En xeral as letras das cancións, agás na clara homenaxe ás xentes do norte de "Cedeira", ábrense á interpretación das ouvintes, nomeadamente nas de autoría de Guadi Galego, aínda que explicitamente se busca en todo o traballo unha reflexión sobre a imposibilidade da coherencia.

Por vez primeira, Galego inclúe un tema en castelán nos seus discos. "El entorno", foi creado polo produtor do disco, o andaluz Pachi García, que producira xa Lúas de outubro e agosto. Probablemente un dos momentos álxidos do novo disco e proba da boa sintonía entre a artista o produtor escollido por ela na súa viraxe cara ao pop. E sen dúbida, outra das cancións mási destacadas é "Tribu". De volta máis roqueira, racha a liña do disco introducindo un contrapunto vigoroso na cadencia xeral, maina, quizais un chisco máis lenta ca no disco anterior. Poré, a sonoridade máis elaborada probablemente permita que ao vivo o disco gañe moita enerxía, máis do que xa lle acontecía ao propio Lúas de outubro e agosto.

Hai dous anos, Guadi Galego asentou de vez a súa traxectoria en solitario con ese disco que a colocou como unha das referencias indiscutibles da música galega do século XXI, abríndose ademais a un estilo máis abeirado ao pop que lle permitiu chegar a moito máis público do xa numeroso que coñecía a súa traxectoria en Berrogüetto e aCadaCanto. Agora, O mundo está parado vén confirmar esa liña, con frescura e novos matices que permiten albiscar todo o que Galego pode aínda mostrar.

Revolver, 50 anos

  • Se Guadi Galego ou calquera outro músico dos últimos 50 anos decide encamiñar a súa música cara ao pop e o pop-rock, en Galiza ou en calquera outro recanto do mundo, sen dúbida hai unha banda que é a responsable última de que iso aconteza. Falamos, obviamente de The Beatles, e mais concretamente deberiamos falar de Revolver, o seu cuarto disco e probablemente o que os colocou de vez no lugar senlleiro que ocupan na música popular dos últimos cen anos. Neste 2016 cumpríronse 50 anos da publicación dese traballo que contiña, entre outras 13 alfaias a incrible, bela e sinxela "Yellow submarine." Malia aparecer normalmente por baixo doutros álbumes dos de Liverpool nesas clasificacións futboleiras que tan de moda puxeron as revistas de música décadas atrás e que tan de moda seguen na rede, é indiscutible que Revolver supuxo un punto de inflexión na traxectoria dos reis do pop e con certeza na evolución propia desta música. Arranxos de corda, psicodelia, introdución dos ritmos da India, fulgores do rock duro que aínda estaba por vir e madurez, en definitiva, para rematar coa etiqueta de grupo para adolescentes que se desmaian nos concertos. É sintomático que precisamente en agosto dese 1966 cesasen as aparicións ao vivo da banda para se centrar no labor compositivo até a súa disolución en 1970. Despois viñeron o sarxento Pepper, o paso de peóns de Abbey Road ou Let it be, mais a primeira pedra do novo pop xa estaba posta.

Compartir el artículo

stats