Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Iria Misa: "Se algo me gustaría, iso é ser quen de poder desenvolver un estilo de meu "

PREMIO JULES VERNE 2016

iria Misa. // Eli Regueira

-O primeiro que chama á atención da súa novela é a estrutura "polifónica". Por que a concibiu así?

-Concibín Xa non estou aquí como unha novela coral porque, así como tiña claro que a voz de Ánxela, a protagonista, debía ser directa e poderosa, tamén sabía que era importante que as demais personaxes se deliñasen a si mesmas. Esta estrutura de alternar os capítulos de Ánxela cos da xente que a rodean permite afondar nas personalidades das xentes que, dalgún ou outro xeito, xogan un papel na súa vida, resaltando a idea de que a realidade pode mudar moito dependendo da perspectiva de cada un.

-En todas as obras dos escritores/as, directa ou indirectamente, hai elementos autobiográficos. Moitas das cousas que conta na novela viviunas Vde. persoalmente, foi testemuña delas ou quizais llas ontaron de primeira man?

-O único de autobiográfico que pode haber é que eu, como todas as persoas, tamén pasei por esa montaña rusa emocional que é a adolescencia, na que todo se vive con moita intensidade. Lembro a virulencia dos sentimentos, que somos demasiado novos para controlar nesa etapa. Tamén sei da importancia dos amigos, desa segunda familia á que chegas logo de vagar por estes anos buscando o teu sitio. Mais alá diso, o que atopamos na novela son algunhas situacións ás que toda rapaza e todo rapaz se van ver expostos antes ou despois e outras moitas que si, por suposto, que están inventadas por min e que nin eu vivín nin tampouco me contou ninguén. É o mellor da escrita, que podes inventar o que ti queiras.

-A novela toca un tema que está de actualidade. Que opina do trato que se lle dá nos medios de comunicación ás desaparicións de rapazas adolescentes?

-Desagrádame bastante, a verdade. Entendo que a nova teña que transcender aos medios, pero máis alá da información obxectiva que deberan proporcionar, o resto paréceme unha falta de respecto e de escrúpulos. Detrás deste tipo de novas hai unha familia que sofre. Pasase o que pasase para que alguén chegase a desaparecer, segue a ser unha persoa. Semella que ás veces isto se esquece, coma se quen falta se convertese nunha personaxe de ficción.

-O dos/as adolescentes é un tema sempre apaixonante. Xa que Vde. dá clases a adolescentes, atopa diferenzas entre os da súa época e os de agora?

-Nalgunhas cousas son iguais e noutras opostos por completo. A maior diferenza é que son moito máis esixentes, moito máis conscientes dos seus dereitos, e igual non tanto dos seus deberes. Supoño que estamos ante as xeracións criadas con máis atención cara os seus desexos e necesidades ata o de agora. Iso, en moitos casos, ten unha grande repercusión na súa autoestima, algo que ten a súa parte boa e a súa parte mala. Outra gran diferenza que percibo é que viven nun mundo moi inmediato. Cando eu era adolescente, se querías un disco, un libro, ou tiñas especial interese nalgún tema, supuña aforrar pagas, agardar a poder ir á cidade á tenda de discos ou pasar horas na biblioteca remexendo nas enciclopedias. Hoxe teñen todo a un click. Internet ábrelles todas as fiestras ao mundo, e iso fai que non centren a atención en nada durante moito tempo, nin valoren a información da que dispoñen.

-Cre que a lectura do seu libro axudará dalgún xeito a algúns pais e nais a comprender mellor os seus fillos adolescentes?

-Non creo que eu teña a potestade para guiar a ninguén, pero si que é certo que durante a composición do libro procurei fuxir de dar unha versión enlatada, ideal e, en consecuencia, irreal das cousas. Hai moitas problemáticas que sempre van estar aí, por moito que intentemos ignoralas. Os adultos ás veces non nos paramos a pensar en por que a rapazada se comporta de determinados xeitos. Como non entendemos, temos medo e entón facemos o peor que se pode facer: negar, prohibir, non transixir. Coido que ás veces deberiamos facer un esforzo por poñernos no seu lugar, incluso pasando por enriba dos nosos propios medos. Só desde a comprensión seremos quen de axudalos.

-Vde. escribe dende hai anos, pero este é o primeiro libro que publica. É que non o intentou antes ou si que presentu algunha obra e non foi aceptada polas editoriais?

-Nunca tiven o valor de chamar a ningunha porta. Posiblemente o motivo sexa que aínda non era o momento. Agora teño algo de obra escrita, pero toda esa obra precisaba do seu tempo e de horas de traballo. Sei que a inseguridade é algo que non vou perder nunca, pero levar algo traballado en vez de lanzarse ao baleiro desde o comezo axuda a enfrontarse aos medos. Tiven sorte, porque aforrei un paso que me impoñía moito. Hai días en que aínda me custa crelo. Pensar que houbo un xurado ao que lle gustou a miña novela tanto como para darlle un premio tan importante, compensa todas as dúbidas e axuda a tirar cara adiante. Voulles estar sempre moi agradecida.

-Agora que comeza a vivir por dentro como funciona o mundo das editoriais, resulta como o imaxinaba ou levou algunha sorpresa?

-Un libro é algo coma moi máxico, pero o traballo que hai detrás é moi real. Sae do esforzo de moita xente que traballa para que o lectorado soñe, tema, se emocione lendo as súas páxinas. Todas as sorpresas que levei foron boas, pero non porque me chocasen, igual só son cousas nas que eu nunca pensara antes. Traballar coa xente de Xerais foi moi sinxelo e emocionante. Non podo estar máis agradecida.

-Que autores recoñece como os máis influíntes no seu xeito de escribir?

-Eu podo falar dos autores que desde sempre me apaixoan, cuxa escrita admiro. De aí a que inflúan no meu xeito de escribir, non sei que dicir... Por exemplo, sempre me atraeu moito a escrita dos modernistas. Moitos tiven que lelos durante a carreira e foi como abrir unha fiestra a un mundo moi interesante: un mundo visto e contado desde distintas perspectivas, afondando na percepción dos individuos. Paréceme un xeito moi interesante de abordar a escrita. Aí temos a Woolf, Faulkner, Hemingway.... Tamén están Plath ou Lessing, por mencionar máis. Neste momento parécenme interesantes autoras como a inglesa Caitlin Moran, que aborda a súa escrita dun xeito desenfadado que me gusta moito, á vez que trata temas de grande relevancia.

-Na presentación do libro en Baiona estivo acompañada por Ledicia Costas, unha das mellores escritoras galegas do momento e toda unha raíña da literatura xuvenil. Ledicia é para Vde. un modelo a seguir ou seus mundos literarios son moi distantes?

-Ledicia e máis eu somos amigas desde hai moitos anos e desde o primeiro momento foi para min moi evidente que estaba diante dunha persoa cun estilo moi propio e poderoso. Un mundo literario de seu moi marcado. Sempre estiven convencida de que ía facer algo importante no eido das nosas letras. Comparar a miña escrita coa de Ledicia nin sequera me parece unha comparación viable. O estilo é algo moi propio e para chegar a ter un estilo tan formado como o dela aínda me quedan moitos "colacaos" que tomar. E aínda así, hai algo que tes ou non tes. En todo caso, non creo para nada que o meu estilo acabase parecéndose ao dela. Se algo me gustaría, se podo pedir, é desenvolverun estilo de meu. E como xa dixen, aínda teño moito que traballar.

Compartir el artículo

stats