Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No retorno de Frank Soutelo

Narrativa dinámica

No retorno de Frank Soutelo

Unha vez máis, temos a sorte de poder ler un novo episodio de Frank Soutelo, un gran agasallo para os lectores que tanto gozamos en anteriores entregas da serie de Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955). O elo principal da mesma é este investigador norteamericano con raíces galegas asentado en L. A., que comezara a súa andaina tentando resolver a desaparición do cadáver de Marilyn Monroe, no 2002, n'Un nicho para Marilyn, novela que vén de verquer ao inglés Small Stations Press. Catro anos máis tarde, en Luar no inferno, o detective vese envolto nunha trama negra de tintes cinematográficos na que está moi presente a violencia, igual que ocorre na terceira entrega, Tres disparos e dous friames (2008).

Foi o momento, entón, no que tivo lugar un cambio de rumbo que supuxo un aumento do lectorado ou, cando menos, do interese deste en devorar as sucesivas entregas: a localización das novelas, agora en Galicia. Soutelo convértese nun detective da casa, reaparecendo no 2011 en Lume de cobiza -cuarta entrega¬-, na que investiga o caso dunha morte inducida, axudado do exgarda civil Poncio e de Dalia Maxino, personaxes de importancia capital tamén en Bícame, Frank (2013), na que debe resolver un caso que principia co cadáver dunha muller sen mans na Lanzada, que continúa co nebuloso asunto do roubo do manuscrito de Vento mareiro. Parte disto comentei alá por novembro de 2013 nestas mesmas páxinas e agora toca encarar Un dente sen cadáver, que xa podemos ler dende o verán, o sexto e último episodio do detective ¬-ata o momento-.

Era pouco o que naquel momento podía imaxinar, recostado na cadeira do seu despacho de L.A., cando Frank foi interrompido pola súa secretaria Pat cunha carta dun curmán descoñecido de Soutelo: el e maila súa irmá eran lexítimos herdeiros de dúas propiedades que pertenceran a seu pai. Un dente sen cadáver narra a imprevista viaxe de Frank Soutelo a Galicia para recoller esta herdanza. Alí espérao Xacinto, que lle explica todo e lle facilita os documentos necesarios para recuperar o soar que fora edificado sen o seu consentimento. Pero coma sempre, todo se enlea, pois a esta viaxe por asuntos privados engádeselle outro asunto profesional que vén da man da xa coñecida para os lectores da serie, a súa amiga e compañeira de profesión Dalia Maxino, que fai que se enfronte de maneira inesperada á aparición dun dente humano nun chourizo dun cocido en Lalín. A poucas semanas da popular Festa do Cocido desta vila e co fin de que o tema non vise a luz, Frank é requirido para unha investigación do sector cárnico da zona, da que van xurdindo casos sobre explotación sexual, precariedade laboral ou especulación inmobiliaria tan de actualidade, que achegan breves reflexións e que actúan a modo de pausas mínimas no desenvolvemento da acción áxil. Algo típico se falamos de novela negra, pois como unha vez escribín nestas páxinas, por mor da publicación de Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, este xénero literario "non se abstrae do realismo, pois [?] debe retratar a sociedade do seu tempo".

Saltando calquera norma establecida e con esa ollada aceda e retranqueira xa característica da serie e que tanto nos gusta, Frank Soutelo mergullarase desta vez no sector alimenticio e descubrirá ademais un capítulo do seu pasado vinculado co seu pai. Unha vez máis, o dinamismo da trama e as historias sorprenden, mentres observamos o singular Soutelo circundado por personaxes escuros tinguidos de sangue. De seguro que volverá e aquí estaremos agardándoo cos brazos ben abertos.

FERNÁNDEZ, Miguel Anxo, Un dente sen cadáver, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats