Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novidoso deliñamento

Encaixando os crebacabezas

Novidoso deliñamento

A desaparición dunha adolescente causa conmoción nunha vila que vive con desacougo os días que transcorren dende que se coñece a nova ata o desenlace fatal. A autora do texto, Iria Misa, flamante gañadora do Premio Jules Verne na súa 8ºedición, manexa con mestría o fío argumental da historia e constrúe unha novela coral onde os personaxes se converten en principais en virtude das súas intervencións de modo que chegan a entretecer unha narración redonda na que se van descubrindo retallos da vida da moza e por extensión as circunstancias que rodearon e propiciaron a súa desaparición.

Ao comezo da novela e a modo de preámbulo, Ánxela despídese da súa familia. Logo de forma alternativa intervén na historia da que é protagonista para que o lector a través do multiperspectivismo vaia coñecendo como se foron desenvolvendo os acontecementos e o porqué de determinados comportamentos que teñen que ver co desexo de pertenza a un grupo, co desamor, coa soidade, coa dor que produce a adolescencia ou coa aceptación da madurez.

A novela artellada, en torno á figura de Ánxela, narradora que marca a diferenza co resto dos personaxes, concede a palabra a Mariña, a nai; a Bieito, o irmán; a Xurxo, o exmozo; a Silvia; a Carlos; a Gabriel; a Leirós; a María... facendo de cada un deles un protagonista coa súa propia historia, ademais ofrécelles un equilibrio por quendas onde o lector recoñece en todo momento quen fala e como foron exactamente os feitos, posto que cada un achega a súa literatura sobre a posición que adoitaba en torno a Ánxela de descoñecemento total a pesar de vivir baixo o mesmo teito, ata a amizade interesada, pasando pola indiferenza máis absoluta. E o acerto é que ao final todo encaixa como as pezas dun crebacabezas que se confecciona cos sentimentos, a vontade, o paso do tempo, a infelicidade e o caprichoso destino.

O uso da técnica in extrema res, isto é, a narración comeza polo final e xa dende o principio coñecemos o desenlace, non fai máis ca espertar no lector o interese polo detalle xa sexa da historia mesma ou das vidas dos personaxes que se antollan atractivos a pesar da cotidianeidade dos feitos expostos.

No comezo a protagonista enmarca a historia e despídese da súa familia "xa non estou aquí", logo o monólogo é a forma elixida para que os personaxes se expresen, por exemplo, diante da policía ou manifesten os seus pensamentos acerca da súa relación coa protagonista.

Trátase dun deliñamento novidoso, cunha estrutura pouco habitual e cunha temática próxima á mocidade que, sen dúbida, atrapará a atención do lector dende o comezo.

MISA, Iria, Xa non estou aquí, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats