Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nunha armazón de aventuras

Instrutiva, retranqueira e amena

Nunha armazón de aventuras

Publicada primeiro en castelán (El beato, Ed. Algaida),logo de ter gañado a 62ª edición do Premio de Novela Ciudad de Valladolid, o segundo máis lonxevo da literatura española, Edicións Xerais ofrécenos arestora a novela de Alfredo Conde na lingua de noso: toda vez que nin na, referida, edición castelá nin tampouco agora, na galega, figura calquera mención á figura dun tradutor ou autotradutor, resulta difícil afirmar en cal idioma foi redactada orixinalmente a narración.

En todo caso, o vórtice textual verbo do que xira a novela é a traxectoria vital, contaminada sen dúbida pola lenda, dun personaxe histórico que, na ficción, recibe o nome de Frei Xiao de Chaguazoso, pero que en realidade corresponde a un colonizador e freire franciscano, o beato Sebastián Aparicio Prado, natural de A Gudiña, que no ano 1533 arriba a Nueva España polo peirao de Veracruz e instálase en Puebla de los Ángeles, e máis tarde na cidade de México. Analfabeto como era, dedicouse á laboura agrícola, adaptando asemade os camiños mexicanos ao carro galego. Levou a cabo outras empresas que lle produciron unha notable prosperidade. Contraerá matrimonio en dúas ocasións, co infortunio de que as súas parellas morreron aos poucos meses. Viúvo e sen fillos, decide facerse freire franciscano. Porén, antes de profesar na Orde, terá que demostrar a súa capacidade física actuando como servente no convento das clarisas de México. Con fama de santo, falece en 1600. A instancias do rei Felipe III, foi beatificado en 1789. E tanto na súa vila natal como en Puebla de los Ángeles, onde se conserva o seu corpo momificado, está considerado patrón dos automobilistas e transportes terrestres.

Este é o personaxe real cuxa vida triangula Alfredo Conde por medio de evocacións, ganduxando unha historia curiosa e atractiva. A fía condutora son as láminas, un suposto manuscrito esquecido nos bancos dunha igrexa, da autoría de Frei Tadeo de Aguadilla. O beato non é unha haxiografía senón ficción, unha historia, tal como o autor afirma nun texto introdutorio; e as historias son como se contan, non como se pensan, á marxe de que teñan sido ou non reais. Con todo, O beato no carece de rigor histórico; é froito de varios anos de traballo de documentación, o que lle permite ao autor encadrar unha historia verosímil, mergullada nunha armazón de aventuras nunha terra poboada por fidalgos vidos a menos, freires desexosos de gañar o ceo a base de moitos bautizos de indios, matóns, proxenetas, militares sedentos de gloria. Todos eles movidos polo egoísmo.

En O beato reproduce Alfredo Conde algúns dos trazos estruturais da súa escrita de ficción: unha arquitectura binaria que lle consente inventar lembranzas enfrontadas co relato obxectivo da realidade. O autor, xa que logo, inxecta abundante ficción nos contextos históricos. Unha vulneración da historia que non agocha Alfredo Conde, mesmo por boca do seu protagonista. Por esa razón, non é esta unha novela histórica, xa que a ficción, como marcador semántico, transforma todo o que toca, converténdoo en ficción. Mais O beato ilustra de xeito fermoso a historia.

A novela alberga no seu interior un monllo de historias, algunhas delas abeberadas nas tradicións e crenzas galegas. Tamén na nosa historia e no paganismo galego, malia que o seu desenvolvemento teña lugar, na súa meirande parte, en territorios de alén mar. A voz narrativa é a do mesmo personaxe, o beato, e faino desde o presente actual, tan actual que mesmo fai acto de presenza o fundador dos lexionarios de Cristo.

Atrévome a dicir finalmente que, na miña estima, O beato é a novela máis irónica e sarcástica de Alfredo Conde.Unha tonalidade retranqueira que é un plus engadido pata unha lectura instrutiva e ao mesmo tempo amena.

CONDE, Alfredo, O beato, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats