Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un Nobel para o folk-rock

Letras de Bob Dylan

Un Nobel para o folk-rock

Hai apenas dúas semanas, a Academia Sueca outurgáballe o premio Nobel de literatura a Bob Dylan. A concesión por vez primeira do máximo galardón da literatura mundial a un músico, gabando a súa "creación de novas expresións poéticas na tradición musical americana" supuxo un terremoto no mundo das letras que moi logo se dividiu entre partidarios e detractores do galardoado. A polémica arredor do galardón non fai máis que medrar, despois da nula resposta do músico norteamericano que non fixo polo de agora ningunha valoración pública do premio e borrou da súa biografía a mención ao Nobel que apareceu por unhas horas a pasada semana na súa páxina web. Desde a Academia Sueca algunhas voces tachan a Dylan de descortés e arrogante despois de nin tan sequera atender as tentativas de comunicación da Academia e entre as críticas máis feroces, voces senlleiras da literatura mundial, coma a de Vargas Llosa -que se chegou a preguntar se o vindeiro ano o premiado sería un futbolista-, apuntan a unha manobra publicitaria da Academia e un desprezo para a literatura. Manobra, que por outra banda, lles podería saír mal aos encargados de outorgar os premios se Dylan finalmente rexeita o Nobel, como parece apuntar a súa nula resposta na altura. Porén, cómpre sinalar que non sería o primeiro caso en que unha persoa rexeita o Nobel. Xa Boris Pasternak en 1958 -aparentemente obrigado pola Unión Soviética- e Jean-Paul Sartre en 1964 declinaron o premio. Mais o que abaneou o mundo literario e tamén, evidentemente, as redes sociais non foi a actitude de Dylan diante da concesión senón a súa aptitude. É dicir, se era merecente un músico, polas letras das súas cancións, do máximo galardón da literatura mundial.

Bob Dylan, nado coma Robert Allen Zimmerman o 24 de maio de 1941 en Duluth, Minnesota, leva sendo por xa cinco décadas, unha das figuras máis influentes da música popular americana. Pola súa personalísima peneira teñen pasado o folk, o country, o blues, o rock ou mesmo o gospel para saíren renovados e o peso da súa música é evidente en moitísimas formacións posteriores. O éxito, ademais, chegoulle axiña. Cando contaba apenas con 22 anos publicou The Freewheelin' Bob Dylan, onde se incluía a arquicoñecida "Blowin' in the Wind" que se converteu nun himno antibelicista nos convulsos anos 60 norteamericanos e comezou artellar o mito arredor de Dylan. Ao que foi o primeiro traballo compositivo de Dylan seguiulle un dos, con total seguridade, mellores discos do século XX, Highway 61 Revisited. En 1965, Bob Dylan, mudou de vez a música popular con disco que combinaba o rock co folk, ateigado de composicións cun peso literario innegable, nas que salientaba a influencia do surrealismo. O primeiro single daquel histórico disco foi "Like a Rolling Stone, considerada por moitas a mellor canción da pasada centuria.

Os detractore do músico de Minnesota non deixan de sinalar que despois dos anos 60 Dylan non deu atinxido de novo ese nivel que o colocou como referente musical dun século. Concordando ou non con esta afirmación, desde logo é complicado volver acadar o nivel de obras mestras que teñen os primeiros discos de Dylan, o que non se pode negar é que o músico segue a contar co favor do público. Así, aínda en 1997 ou 2006 logrou senllos discos de platino con Time Out of Mind e Modern Times -este entrou directamente ao número 1 de discos vendidos en USA a semana da súa publicación- despois duns anos 80 nos que publicara até nove discos que non contaran nin coa aprobación da crítica nin co interese masivo do público. Odiado e amado como lle corresponde a un xenio, o innegable é que a polémica o persegue. Xa sexa a mantenta, como cando enchufou a súa guitarra acústica para pasmo da grea folkie que o idolatraba, ou involutariamente, como con este premio Nobel que de certo aíndaha de dar moito máis do que falarmos.

En Galiza

  • Foi precisamente na xira posterior a Modern Times a última vez que Dylan estivo en Galiza, concretamente no IFEVI de Vigo. Xa o fixera noutras tres ocasións, a primeira delas no estadio de Riazor da Coruña, no 1993, no macroconcerto "Xacobeo concerto dos mil anos". Volveu despois a Compostela por dúas ocasións, xa neste século, para dar o seu último concerto no país en 2008, en Vigo. Foi este último un evento cunha pésima organización, con ringleiras interminables de xente nas entradas, cacheos, e o concerto comezando -puntual- co 50% do público aínda na rúa. Como adoita facer, Dylan deu un percorrido pola súa vastísima discografía, sen oco apenas para ningún dos seus himnos dos 60 e sen mostrar a máis mínima empatía cos asistentes. Frío como o recinto do IFEVI, o cantautor cumpriu o encargo, satisfixo os máis incondicionais mais deixou cunha pequena sensación de decepción a aquelas persoas que acudían ao concerto sen estaren entregadas a priori á éxtase dylaniana. Nada que dicir dunha banda excepcional, dun son máis que correcto e dun espectáculo, en definitiva, sobrio pero ben montado. Porén, a súa actitude, a sensación de estar a cumprir o expediente sen máis, sen preocuparse de saber onde estaba, sen se dirixir en todo o concerto ao público plasmaron a imaxe do xenio arrogante que precede o artista.

Compartir el artículo

stats