Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Esteban: "Atráenme as personaxes ambiguas e os antiheroes"

Manuel Esteban - premio xerais 2016

Manuel Esteban, esta semana en Vigo

-Como escritor dunha ópera prima, e pasados xa uns meses desde que gañara o premio Xerais, que sensación ten ao ver nos escaparates a súa novela e mais diante do feito de que figure á cabeza na lista dos libros galegos máis vendidos?

-É unha sensación estraña e marabillosa. Hai un ano nin se me pasara pola cabeza que podía ocorrer todo isto. A miña vida profesional está moi afastada do mundo editorial, pero como lector infatigable dende que teño uso de razón é un soño feito realidade. O feito de que sexa o libro máis vendido en galego nestas primeiras semanas case é o de menos. Supoño que ser o premio Xerais imprime moito tirón inicial, xa veremos.

-Cando gañou o premio, Vde. dixo que esta novela xurdiu da carraxe, dunha serie de situacións que tiñan que ver co nacemento do seu fillo con síndrome de Down. Dalgunha maneira sentiríase satisfeito con que esta novela aportase o seu grao de area para integración e normalización da situación das persoas "diferentes"?

-Si, a novela xurdiu como unha necesidade de contar algunhas das experiencias que estaba a vivir como pai dun neno con síndrome de Down. Un certo xeito elaborado e complexo de berrar por certas inxustizas que no día a día un ten que aturarr. Incluso un certo xeito, supoño, de pedirme perdón a min mesmo polos meus propios prexuízos previos, e de perdoarme, espero. Creo que todo iso, que está no dobre fondo da novela, pode ter un eco no lector que, dalgún xeito se sinta interpelado, posto ante o espello pola actitude do Inspector Manso, o protagonista. E penso que acompañar a Manso na súa viaxe pode servir para que o lector desprevido, pendente da historia principal, faga algún tipo de reflexión inconsciente. Aínda así non pretende ser un panfleto moralizante, porque de feito hai un pouso amargo e nihilista no personaxe principal, pero penso que a historia si leva algo de "bicho".

-A A ira dos mansos poderiamos cualificala de novela policiaca, de xénero negro. Esa foi a súa primeira intención o unha consecuencia da mensaxe que quería dar?

-E unha novela negra que case podería cualificarse de canónica no xénero. Ten o seu inspector de policía cínico e rudo, unha "femme fatale" que o leva cara ao seu terreo, moita noite, moito café, e algúns asasinatos. Atraíame o xénero porque os personaxes ambiguos, de fronteira física e moral, das novelas negras, dan moito xogo para poñer en cuestión paradigmas como o da normalidade ou o da perfección. Eses personaxes que son capaces do peor pero, nun momento dado, tamén dalgún indicio de conciencia. Antiheroes, como un inspector cínico que recupera a fe na humanidade grazas a un rapaz con síndrome de Down ou narcotraficantes que adoran as súas netas; cousas así.

-É Vde. lector habitual de novelas policiacas?

-Ese é o segundo motivo polo que escollín o xénero. Son lector compulsivo de case calquera cousa, pero, especialmente, de novela negra. Chandler, Hammet, Highsmith, Larsson, Montalbán, Camilleri, Markaris, Silva... a lista sería interminable. Dende o castizo García Pavón ao noso enxebre Domingo Villar.

-Se tivera que buscarlle semellanzas noutros famosos detectives do xénero negro, a quen se parecería o Inspector Manso?

-Resúltame difícil de dicir. Recentemente comparárono con Kurt Wallander. Persoalmente creo que ten tamén unha retranca que me lembra a Montalbano, o inspector das novelas de Andrea Camilleri. E vou comentar tamén a Clara Deza, a policía da escritora galega Mercedes Castro en "Y punto", unha xoia de personaxe que ten ese mesmo punto mordaz que ten por veces o inspector Manso.

-Teño entendido que ten varios parentes na súa familia que tamén escriben. Vivíase na súa casa xa de neno un ambiente especialmente literario?

-Non, non. Teño unha curmá que creo que publicou algo recentemente, pero o mundo literario é algo completamente alleo a min. Pero si que medrei rodeado de libros, grazas, sobre todo, ao meu pai. Ese, creo, é o xerme desta angueira.

-Cales son os autores galegos da súa predilección?

-Manuel Rivas, por suposto. Pero tamén teño moi gastados algúns volumes de Ramón Cabanillas, Darío Xohán Cabana ou Álvaro Cunqueiro. Por dicir algúns, pero a lista de favoritos volvería ser moi longa.

-Co seu primeiro libro, resulta que gaña un dos premios literarios máis importantes de Galicia. Por qué non o fixo antes? Ou xa tiña no caixón obras escritas, pero sen publicar?

-Teño algunhas cousas no caixón. Pero penso que me animei a enviar esta porque era a máis completa e intensa. Dicía Cartarescu que o escritor nace sempre dunha ferida interior. Penso que ata que naceu o meu fillo maior non sentín a necesidade tan imperiosa de escribir. Tamén creo que esa emoción, esa visceralidade honesta que está baixo a escrita, é, en boa medida, a que lle dá o seu valor.

-E agora xa ten algo novo en mente, anda a escribir outra novela...?

-Teño en mente moitas cousas. Xa hai xente que leu a novela que está a pedir novos casos do inspector Manso. E teño a curiosidade de saber se isto foi, por dicilo así, casualidade, ou hai veta nesa mina. Digamos que de momento non desboto nada, aínda que coido que o primeiro é agardar polo veredicto do público.

-Agora que vai coñecendo o mundo literario galego por dentro., que impresión saca del? É o mesmo que lle parecía desde fóra ou non ten nada que ver?

-Aínda non fixen máis que asomar o nariz a ese mundo. O único que podo afirmar con rotundidade é que fun recibido con moitísima amabilidade e respecto por todo o equipo de Xerais, aos que lles deberei sempre esta oportunidade. A eles e ao fantástico xurado que elixiu A ira dos mansos.

Compartir el artículo

stats