Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

25 anos do FIOT

Teatro en terras de Carballo

Non é moi habitual que eventos culturais vinculados coas artes escénicas cheguen a celebrar aniversarios cun cuarto de século. Moitos deles, e ben importantes, acabaron morrendo debido ao cansazo dos seus organizadores diante da pouca sensibilidade das institucións que, de seguir a letra da Constitución, terían a obriga de apoialos de forma decidida. Pois é a Constitución a que ten establecido que corresponde ás administracións públicas, e aos que as gobernan por mandato cidadá derivado das eleccións, facilitar, promover e potenciar o acceso da cidadanía ao uso e fruición dos bens culturais, e as artes escénicas son patrimonio material e inmaterial da humanidade.

Pois o que os organizadores e promotores deses eventos acaban facendo e dar sentido á norma constitucional, creando tempos e espazos para que esa participación na esfera cultural e a fruición correspondente sexa posible. Xamais abondarán as razóns para xustificar que desaparecesen eventos tan importantes como En pé de pedra (festival de danza na rúa organizado por Matarile Teatro en Compostela), ou a Mostra de Teatro de Cee (en 2012 cando celebraba os seus 25 anos de existencia), pois o que os seus xestores facían era ofrecer ás veciñanzas a oportunidade de gozar de produtos culturais ausentes da súa vida cotiá e do seu lecer, e sen dúbida algunha potenciando a proxección das cidades nas que se realizaban. Pois as artes escénicas tamén xeran retornos, bastantes máis dos que adoito se recoñecen.

Nestes 25 anos o FIOT de Carballo, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e polo Concello de Bergantiños, coa colaboración de institucións diversas como a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), a Deputación de A Coruña ou o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM), soubo xerar un modelo organizativo adecuado ao seu contexto e por iso transcorre entre o 23 de setembro ata o 29 de outubro, e cunha oferta escénica moi ampla que non esquece os máis pequenos. Así, ademais dos espectáculos que acolle o Auditorio do Pazo da Cultura, o programa complétase con traballos escénicos de rúa, ou con propostas tan suxestivas coma o ciclo denominado Rúa dos Contos, que consiste en levar o teatro a bares e mesóns, coa participación de Limiar Teatro, Manuel Manquiña ou Elvis Negro e Traskiban, que poñen unha nota musical no conxunto.

O Ciclo Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), que vai pola sétima edición, ten a finalidade de mostrar novas formas de creación escénica, pois a escena é un lugar onde caben todo tipo de propostas, estean máis abeiradas ao código teatral, ao plástico, ao musical, ou ben ás artes do circo, da maxia ou da presentación escénica (performance en inglés). Son traballos de Manolo Alcántara, Farrés Brothers i Cia, Laitrum Teatre, ou La Teta Calva Producciones, presentados en espazos non convencionais que permiten mostrar que a comunicación artística pode darse en calquera lugar onde un creador e un espectador se encontran.

E como programación habitual un conxunto de traballos que destacan pola súa heteroxeneidade, mesmo xeográfica, con compañías como Kulunka Teatro (Solitudes), La Casa de la Portera (Iván off), Xespeare Teatro (Rinconete y Cortadillo), LÒm-Imprevis (La Crazy Class), Metatarso Producciones (Sueño de una noche de verano), Ron Lalá e Compañía Nacional de Teatro Clásico (Cervantina), Paolo Nani Teater (A carta), ou Feelgod Teatro (La estupidez). Desde Galicia dous espectáculos ben notables, o Eroski Paraíso do Grupo Chévere, e a estrea de O tolleito de Inishmaan, un espectáculo de Contraproducións con dirección de Cándido Pazó a partir dun texto de Martin McDonagh. No inicio estivo o grupo Yllana, con Yllana 25, unha escolla das mellores escenas tiradas dos espectáculos dun grupo habitual do FIOT. Un cartel de luxo para un ano de festa. Parabéns.

Premios e premiados

  • Os festivais e mostras de teatro adoitan diversificar a súa programación con actividades paralelas que van desde cursos de formación a marcos de encontro e debate sobres as cousas do teatro e da escena, sen esquecer as escolas do espectador, que consiste en encontros coa crítica ou coas compañías para analizar e comentar espectáculos, e que vén substituír aqueles foros de debate dos anos setenta e primeiros ostenta, cando se pensaba que o teatro era unha ferramenta para a transformación social. Todo sirve para facer do teatro o punto de encontro e conversa, sequera por uns días ao ano.Tamén é habitual que nestas celebracións e festas da escena se concedan premios a persoas, colectivos ou institucións que teñan destacado polo seu traballo artístico ou na defensa e promoción do sector, ou aos espectáculos máis valorados polo público. Así se fai desde hai moitos anos en Cangas pero tamén en Ribadavia, e certamente é de salientar o feito de que o sector se recoñeza nesas persoas ou entidades que reciben o galardón, pois as máis das veces é unha maneira de prestixiarse e prestixiar, de lexitimar e proxectar o sector. Neste ano un dos premios que concede o FIOT, o Xograr de Outono, foi para Miguel de Lira, actor do Grupo Chévere. Moi merecido, tras unha longa traxectoria en teatro, cine ou televisión. Parabéns de novo.

Compartir el artículo

stats