Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Eiriz: "Cada ano que pasa, canto con máis sentimento"

Cando fala de Galicia, da terra, da poesía, da paisaxe ou da paisanaxe, Xoán Eiriz faino sempre dende o corazón. Deste xeito vén camiñando ao longo de toda a súa traxectoria este trobador que cumpre máis de tres décadas de carreira musical e que acaba de publicar o seu novo disco: Verbas no vento, toda unha homenaxe á canción galega do último medio século como tamén a aqueles que a fixeron posible.

Xoán Eiriz: "Cada ano que pasa, canto con máis sentimento"

- Á marxe de estaren interpretadas por Vde., e de ser do seu gusto, cal é o fío que une todas estas cancións que decidiu incluír en Verbas no vento?

-Na historia da riquísima canción popular galega,existe unha serie de temáticas que teñen categoría de imperecedeiras e que acabaron converténdose en clásicos do repertorio da nosa canción. Este disco é un tributo, é a nosa pequena homenaxe a algunhas desas cancions de serie ouro da nosa música. Grazas a Deus, a miña voz flexible,de tonalidade clásica,permitiume intentar dar aires solemnes a cancións de rexistro pop e fixemos arranxos frescos e moi acaídos; bebemos,sobre todo, do mundo do jazz,pero tamén hai reggae,incluso reminiscencias de parámetros rítmicos arábigos?Intentamos que as cancións naceran de novo, de aí ese efecto de variacións que parece que o disco comeza once veces. Mesturamos versións de poemas eternos,referentes na nosa literatura,con algunhas cancións de pezas senlleiras da nosa música popular, amosando,como o levo facendo dende hai trinta e cinco anos, a universalidade e flexibilidade da nosa bendita fala para cantar calquera tema e en calquera estilo musical.

-Algunhas das cancións son autenticos "clásicos" da música galega, pero aquí caberían, supoño, moitas máis. Cal foi o criterio de selección das cancións que finalmente formaron parte do disco? Haberá unha segunda entrega de Verbas no vento?

-Non foi nada doado seleccionar estas once cancións. Como che dixen antes, na nosa bendita terra temos unha riqueza musical inmensa sen parangón en ningures en todos os estilos musicais. De feito iamos gravar tamén"A charanga " de Juan Pardo e "Adiós ríos, adiós fontes"de Amancio Prada,pero por capacidade do disco non foi posible?Pero si, se Deus o quere, haberá unha segunda entrega, e máis vista, que non a agardaba, a magnífica acollida que está tendo este disco?.Hai tantas cancións do noso país onde beber!

- Nesta ocasión todos os temas foron gravados en directo co seu grupo de músicos. Por que o fixo deste xeito?

-Porque a música interpretada en directo adquire unha calidade,sonoridade e rexistros harmónicos que ningún ordenador, por moita calidade que teña, pode superar. Ademais, non podía desaproveitar a inmensa calidade dos meus músicos e grandes persoas: Iago Mouriño(arranxista,director musical e pianista),Pablo Sanmamed (contrabaixo clásico e oud),Alfredo García(guitarra eléctrica,acústica e española,), Óscar Quintáns(batería e percusión) e mais as colaboracións de José García(saxo e clarinete)e Julietta Barro(voces).

- O repertorio do disco, aínda seguindo unha liña, é do máis variado, pero aí está sempre o seu estilo: o estilo xoan eiriz ( e non me refiro só á voz). Ter un estilo, uns sinais de identidade propias como artista, é algo innato ou conseguese soamente coa experiencia, co paso dos anos?

-Os entendidos na materia din que teño un rexistro de barítono atenorado,unha flexibilidade na miña voz que me permite interpretar calquera estilo musical,moita riqueza de harmónicos?ata me chaman o "crooner galego"?Grazas a todos, pero só son un humilde cantante que é moi feliz de cantar sempre, dende hai tantos anos,na fala do amado Cunqueiro, e seguireino facendo ata que Deus o queira?Pero si me parece que co paso dos anos interpreto con máis sentimento, que é o que a xente quere.

-Non podo evitar que me chame a atención que incluira"Teño saudade" (de Andrés Dobarro, con letra de Xavier Alcalá). Cre que, malia todas as homenaxes que se lle fixeron nos últimos anos, a figura de Andrés Dobarro merecería ser máis recoñecida e, sobre todo, máis dignificada?

-Nin que dicir que a canción é fermosísima. Andrés foi un grandísimo cantautor e fixo moito pola nosa fala e a nosa música. Con todos os meus respectos a Los Suaves, que é un gran grupo, coido que era merecente da Medalla de Ouro de Galicia,pero non só el senón tamén o amado Pucho Boedo e Os Tamara,para os que eu conseguín 15.000 sinaturas para que llela concederan tamén,xa que Pucho Boedo non foi un cantante ocasional senón que é eterno e convereu as súas cancións en himnos populares que puxeron a Galicia nun pedestal por todo o mundo.

-Outra das cancións do álbum é "Quen puidera namorala" de Cunqueiro, con música de Batallán. O que fixo Batallán tanto con esta canción como coas que incluíu en ven o maio é inmellorable?

-Ai ven o maio é un disco eterno e inmortal,como o son Fuxan os ventos (o primeiro), Galicia enxebre de Os Tamara, Rosalía de Castro de Amancio Prada,calquera de M illadoiro, Miña nai dos dous mares de Juan Pardo?por citar algúns. A canción "Quen poidera namorala" é unha das máis fermosas da música galega?Que gran traballo do amigo Batallán!

-Dende os inicios da súa carreira, é ben coñecida a súa devoción pola poesía galega, pero adoita sempre recorrer aos clásicos (Cunqueiro, Rosalía, Celso Emilio?) . É que a nova poesía galega, a xurdida entre finais do século XX e principios deste XXI, non é, digamos, doada de musicar?

-Para musicar unha poesía, o máis importante é a rima e que teña musicalidade Isto facilita moito a composición. Os poemas teñen que ser cancións. Hoxendía hai poetas extraordinarios:Miguel Anxo Fernán Vello,Ana Romaní, Manolo Rivas,Suso Díaz, Toño Núñez...A lista sería interminable. Algún día farei un disco con poemas destes grandísimos poetas,no que incluirei un que non escribe en galego, pero que é de todos eles o que eu amo. Refírome a José Ángel Valente, do que xa teño unhas versións en galego da súa eterna poesía.

- Verbas no vento é toda unha homenaxe á canción galega, iso está claro. Pero, dende o seu punto de vista, é tamén unha concesión á nostalxia ou un botar unha ollada atrás para tomar impulso, para afrontarmos o futuro?

-Eu penso que éste é un disco para o futuro. Hoxendía estáse versionando moitísimo en todo o mundo e en todas as culturas, grandes temas universais,xa que a boa música endexamais morre, é eterna. Síntome moi feliz e orgulloso, xa que este humilde traballo feito dende as cordas do meu corazón a unha terra , a un pobo e a unha fala,está gustando tanto. Faime sentir máis galego, e intentamos humildemente que a nosa música e a nosa fala estean máis vivas que nunca? Eu só intento ser unha voz do pobo para o pobo e que Verbas no vento sexa ledicia e sentimento nos oídos; sobre todo, moito sentimento.

Compartir el artículo

stats