Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Covers para a rebelión

Este grupo galego téñense convertido por méritos propios nunha das bandas galegas máis destacadas dos últimos dous anos

Manuel Lago,Rubén Lino e Daniel Vilaverde: Poetarras.

Xa hai tempo que desde diversos lugares se ten feito unha chamada á reflexión arredor dos horarios dos festivais de música, non só galegos, nos que adoita comezar a soar a música cando o sol se pon. Isto implica, no caso do noso país,que os concertos dean inicio no verán ás 22:30h ou 23:00h, co que unha boa parte do público - nomeadamente o familiar- non pode asistir a este tipo de actividades culturais, que teñen rematado ás veces a horas verdadeiramente imposibles. As bandas e o persoal todo que traballa na organización dun festival están de acordo en que o conveniente sería adiantar unhas cantas horas o comezo mais os programadores -agás excepcións coma o Surfin' the Lérez, nado xa con ese enfoque "familiar"- dubidan moito á hora de acometer esa mudanza. O motivo é o temor a atopar un recinto deserto ás seis da tarde, cos grupos tocando para catro incondicionais e o conseguinte problema para unhas organizacións que dependen moito do diñeiro recadado nas barras durante os concertos para poderen sobrevivir. Houbo exemplos abondos neste verán que se resiste a nos deixar, pero tamén é certo que houbo unha banda que rachou con este esquema, enchendo torreiros en sesións vermús ou horarios "europeos" diante do asombro de todo o mundo. Falamos dos Poetarras. Dá igual que sexa unha cálida tarde de primavera no xa normalmente ateigado "Jaliñeiro Unplugged" do festival de Cans, nunha sesión vermú baixo a friaxe inclemente de Lugo no festival da Candeloria ou no serán sahariano que se viviu este ano na xornada do domingo do festival Revenidas. O certo é que pouco importa a hora ou o escenario. As actuacións deste cuarteto son sempre seguidas por unha lexión de seareiras que cantan os seus temas, bailan as súas coreografías e gozan coa retranca deste colectivo, autocualificado como arterrorístico. Sen disco ningún publicado, ofertando covers de pop comercial en festivais enfocados ao rock, punk e ska, os Poetarras téñense convertido por méritos propios nunha das bandas galegas máis destacadas dos últimos dous anos. E todo grazas a unhas letras acedas e un humor virulento que xa ten desatado algunha polémica, con sindicatos policiais recriminando a súa contratación en certos lugares, envolto todo na aparente dozura e inocencia das cadencias do pop de usar-e-tirar tan de moda nos circuítos comerciais.

Porque se nos anos 80 do século pasado o punk tiña a exclusiva da irreverencia e da capacidade de escandalizar a sociedade máis pailaroca e puritana para despois o rap recoller, en parte, ese testemuño, nada semellaba presaxiar que a última volta de parafuso ía vir dunha banda que practica -no musical- o pop máis maino e facilón. Neste tempo de bozos e censuras, alleas ou autoimpostas, con aqueles rutilantes antiheroes do punk convertidos en sombras de si mesmos e o rap atoado no machismo dos seus galos, a frescura e a sobadísima raiola de esperanza musical veu do lugar máis inesperado. Todo comezou, para a música, nunha versión do "Roar" de Katy Perry dedicado con aguzada ironía ao presidente da Xunta hai ano e medio. Dicimos para a música, pois os Poetarras naceron antes, mais a súa actividade estaba basicamente centrada nas webseries e non acadaran a popularidade que lles deu o tema dedicado a Feijoo, que sobrepasa xa as 175.000 reproducións na rede. Ben é certo que versionar á galega non é un invento deles nin son os que máis éxito teñen, de medírmolo en reproducións dos seus temas, pois a xente de Páramo Pictures manexan cifras mareantes, con vídeos que sobrepasan os dous millóns de visionados. Pero, tendo en conta que os Poetarras buscan, literalmente, sempre ofender alguén nalgures por algo através dos seus sketchs, non se lles pode negar que están a acadar de sobra o seu obxectivo.

Moitos e variados obxectivos

  • Poetarras naceron coma un terceto, Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde, lanzando os seus dardos contra o presidente da Xunta. Nos últimos tempos, entrou na formación Pablo Lamosa -xa cooperante noutros labores audiovisuais antes-, co que gañaron sobretodo presenza no directo. En calquera dos dous formatos, terceto ou agora cuarteto, os obxectivos da súa retranca son moitos e variados. Abonda poñer por exemplo como, despois de ser empregados para axitar vellas pantasmas en certos sectores da prensa estatal e ser arrebolados como arma política por aqueles que non entenden a sutileza e os acusaron de filoterroristas, sacaron da manga a espectacular "ETA é moi mala", coa que non buscaron, desde logo, pechar boca ningunha, senón facelas abrir de asombro até o límite mesmo da capacidade mandibular das acusadoras.A estrañísima "Anllóns" dedicada ao río que, segundo eles, non recibiu atención ningunha de poetas do país, a graciosa "Lady Di", a meteorolóxica "Chove en Galiza" ou a nada autocompracente "Eu (non) son, pero?" forman parte do seu repertorio, xa clásico, e son coreadas nos concertos por un público entregado. Todas estreadas na súa canle de Youtube, sempre con vídeos feitos con moi poucos medios pero calidade, mentres o grupo dubida se sacar un disco e se converter nun grupo de música "convencional" ou manter esa natureza híbrida, audiovisual, na que naceron.

Compartir el artículo

stats