Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No aire de Din Matamoro

O pulso dunha imaxe contida

"Debuxos do natural": o pictórico e o fotográfico na obra do artista vigués. // FOTOs: XOÁN ÁLVAREZ

Din Matamoro (Vigo, 1958) amósanos até o 3 de novembro na Galería Trinta de Santiago de Compostela unha proposta extremadamente coherente e coidada e excelentemente adecuada ao espazo expositivo, en que o artista utiliza dous diferentes soportes: fotografía e pintura para realizar unha reflexión que parte da demorada observación da realidade para chegar a unha creacion picórica en que domina a luz en toda a súa plenidude.

O título da exposición En el aire é ben representativo dos resultados e da idea que preside a obra do artista vigués, porque as imaxes establecen un diálogo entre o exterior (natureza) e o interior (mente), creando unha auténtica caligrafía a partir da observación dos elementos da realidade cotiá.

Nos seus cadros -dunha calidade deslumbrante, en especial os de grande formato- asistimos ao triunfo da luz, do extremo luminismo, en canto as fotografías trazan a liña, o deseño, mais en ambos medios achamos a captación do natural e o universo mental. O resultado deste encontro é intensamente poético e envolvente, mais quixera salientar que o efecto acadado é profundamente "natural" -de natureza- e non conceptual, aínda que sexa froito dunha coidada proposta e dunha elaboración moi pensada, que o espectador pode percibir como unha primeira ollada, como unha visión primixenia, o que me lembra a reflexión kantiana de que "é fermoso o que agrada universalmente e sen concepto".

A luz e a súa proxección inzan as últimas pinturas do artista, creando na planta alta da galería un espazo totalmente envolvente cunha marcada hexemonía do pictórico. A pintura, as manchas de cor, funcionan como un ámbito para a suxestión, desde a profundidade ao reflexo, e abren o espazo para dentro e para fóra -para o externo e o mental-, afondando, proxectando para un interior mais ao tempo espellando luz e cor, nun diálogo aberto que mete dentro o espectador e lle ofrece todo un catálogo de suxestións, que teñen como referente final o triunfo da luz en toda a súa complexa rede de manifestacións e matices.

Transportado a outro ámbito creativo, o traballo de Din Matamoro lembra as palabras do escritor -e tamén crítico de arte- Rafael Dieste que na súa teoría do conto no libro Dos arquivos do trasno (1926) afirmaba: "O conto é unha pelica na que se sente o pulso dunha imaxe contida, é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz". Ese "pulso dunha imaxe contida", define a pintura actual de Din Matamoro e é o que fai destes cadros auténticas revelacións da luz entre as que o espectador fica engaiolado.

A obra de Din Matamoro é sobre todo unha espacialidade envolvente e fundamentalmente cromática e lumínica que se converte nun ambiente e procura espontaneamente a arquitectura, inserindo a espectador no seu mundo e abrindo o espazo para a súa imaxinación. Este espazo esencializado consegue que na súa obra perda importancia todo trazo de figuración ou de imaxe, aínda que esta poida estar latente. O signo queda absorbido pola absoluta presenza da luz que desenvolve variacións a partir de formas simples e puras que expresan, como dicía Mark Rotko respecto da súa propia obra, "emocións humanas básicas". O resultado é unha obra dunha extrema calidade a amosar un pintor que só se pode situar en diálogo cos creadores máis notábeis do panorama pictórico internacional.

Título: En el aire

Artista: Din Matamoro

Local: Galería Trinta, Santiago de Compostela

Até o 3 de novembro

Debuxos do natural

  • A fotografía ten tamén un papel importante na mostra cunha serie de debuxos realizados sobre elementos naturais, anacos de alimentos como tomates, cebolas, pan, etc. O artista utilízaos como soporte de formas efémeras, que posteriormente fican rexistradas fotograficamente. Formas e trazos que conviven co azar e que se converten nun novo soporte para deseñar formas no ar, como o título da mostra suxire. Nestas obras o exercicio do pintor consite fundamentalmente na súa forma de ollar, de seleccionar e capturar un momento "máxico" que lle serve para xogar e reflexionar sobre a fugacidade, a medio camiño entre o lúdico e o reflexivo. O artista non pretende ficar na epiderme, na anécdota, senón que actúa con auténtica reflexión de linguaxe. Nunha completa fusión de códigos Din Matamoro é ao tempo artesanal e conceptual, o que lle permite iluminar recantos da percepción. O artista é un ollo, mais un ollo polo que pasou a profusión de imaxes da nosa contemporaneidade e da nosa historia visual, porque no mundo actual xa non se pode posuír un ollo naif, e isto é, no fondo, o que fai pensar o espectador sobre o que ve ou acredita ver.A ligazón entre esta serie fotográfica e a pintura non se perde en ningún momento, ben pola contra, é como se o artista transmitise a estrutura profunda do pictórico para o fotográfico ao crear estes auténticos e literais "debuxos do natural".

Compartir el artículo

stats