Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No principio dun mundo

Imprevisíbel Antonio Lago Rivera

A figuración naturalista enmarca varias das pezas presentes na mostra No principio dun mundo.

Na obra de Antonio Lago Rivera sorprenden os cambios na evolución da súa estética non só na composición, senón na articulación da paleta e nos elementos espaciais. Unha vontade de cambio é parte importante do seu desenvolvemento. Da primeira figuración naturalista, que revela moito coñecemento das dimensións da cor e da articulación das saturacións e matices para o control espacial, condúcenos á idealización e simbolización da figura e o espazo. Un traxecto de transformación no que o abandono da primeira atmosfera é inevitábel. Da paleta cargada de intensidades que nos remite a certos primitivismos, á desolación da monocromía nun escenario de ambigüidades de recursos que atravesan o plano e o horizonte.

Percorremos a exposición comisariada polo historiador Carlos L. Bernárdez na sala de A Fundación en Vigo e percibimos que nada é o que parece. Os espazos da obra espertan moitas inquietudes sobre as motivacións do artista. Captan a nosa atención os habitantes: personaxes silenciosos observados dende unha perspectiva inclusiva da contorna. Estes pequenos seres humanos deambulan en solitario, realizando a súa vida cotiá. Están involucrados en tarefas normalizadas, moitas veces en circunstancia laborais envoltos pola paisaxe e afundidos de silencio. Intuímos unha exihición premeditada: "aquí non pasa nada e a vida segue con absoluta normalidade" Os títulos das obras parecen confirmar esta sentenza: "non hai nada máis do que ves" A paleta evoluciona gañando saturacións e perdendo espacialidade. Unha transformación necesaria para dar paso ás lecturas dos símbolos formais e cromáticos. Unha busca de pracer ou de evasión que o artista só pode concibir lonxe da realidade, entre animais exóticos e espazos froito dunha visión fóra da realidade desoladora da posguerra. Mais este refuxio estético é esquecido polo artista cando entra na abstracción.

É curioso observar que este espazo de sofisticación estética, unha vez abandonada as exixencias no primeiro realismo, non chega a ser nunca o anunciado. Non concreta a fuxida do clima melancólico. Primeiro abandona a paleta da tridimensión para abrazar a cor; logo a forma comeza a diluírse dende a súa contorna para introducir a mancha desprovista de anécdota. Pero unha vez instalado nun entorno de maior liberdade, sen as présas do tempo, sen as demandas dunha realidade asfixiante, restrinxe a paleta e instálase nunha abstracción monocroma que anuncia a volta a espacialidade de partida pero sen a elaboración cromática do naturalismo, restrinxindo así os elementos que ofrecen dirección estética á abstracción. O imprevisíbel estivo fraguándose o longo destes anos. O artista volve á figuración, mais desprovista esta das calidades do cromatismo, agora reprime os recursos da figuración. A redución acompaña a súa andadura, algo da realidade que sustancia na obra. Dende o final dos sesenta ata os oitenta, Lago Rivera transita por unha figuración monocromática que sumará cos anos un clima emocional máis maduro, unha nova vitalidade, sobrevivindo dun tránsito emocional complexo pero menos melancólico.

Carlos L. Bernárdez elabora no seu texto o clima sufocante no que comeza o traballo do noso autor. Fai unha análise coidadosa do escenario social e das circunstancias que condicionan o desenvolvemento das novas estéticas da posguerra no noso país. Coloca o pintor sobre as variábeis sociais e históricas necesarias para organizar a nosa observación e para dotalo dos principais fundamentos que poñen sentido a un período histórico de difícil comprensión. Non falta o tecido de influencias estéticas inevitábeis, a pesar dos esforzos da represión. O historiador conxuga no seu laborioso traballo o universo esencial do artista na súa realidade social e fai un percorrido rigoroso do devir da súa arte. Nesta contorna establece unha aproximación ás etapas evolutivas da súa estética creando unha base indispensábel de consulta para as aproximacións futuras da obra de Lago Rivera.

Título: Lago Rivera: No principio dun mundo, 1916-2016. Autor: Antonio Lago Rivera. Lugar: Teatro Afundación (Vigo). Datas: Ata o 19 de novembro. Comisario: Carlos L. Bernárdez.

A imposición da normalidade

  • En tanta diversidade entran moitas teorías. É posibel especular en aspectos máis ou menos psicolóxicos, formais ou sociais. Non parece que estes cambios que asaltan o traballo de Lago Rivera, e semellan os golpes que nos sacoden na vida, sexan produto do azar.Cando rematou a Guerra Civil, o noso autor era moi novo. Dun pasado de terror abríase no futuro un período dunha ditadura interminábel. O noso artista foi parte dunha sociedade traumatizada, necesitada de superar as múltiples feridas, pero este proceso foi obstaculizado pola represión e o comezo doutra guerra na contorna. Aínda hoxe somos testemuñas do fracaso dunha imposta superación, o esquezo malograda emerxe coa rotundidade das imaxes en branco e negro na consciencia compartida cando se fala da memoria histórica. Esta condición traumática social latexa debaixo da estética de artistas como Antonio Lago Rivera.Para aqueles aos que nos conmove a arte, non preocupa a conxunción ou disxunción entre a liña da aparencia e a experiencia subxectiva. Non renunciamos a entender o artista e, no caso que nos ocupa, o esforzo é importante porque hai un longo proceso de elaboración do imprevisíbel no seu traballo.Rivera Lago era posuidor de moitos recursos estéticos. Pero hai algo que resulta difícil significar na súa traxectoria estética e pode que esta opacidade está vinculada á dimensión emocional do seu traballo: algo que o artista intenta narrar neste abandono cedo, programado pero imprevisibel para nós do seu repertorio comunicativo. Queda moito por desvelar e este é un dos máximos atractivos do esforzo do noso autor.

Compartir el artículo

stats