Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

David Fernández Rivera: "O recitado foi o buque insignia de todo o meu traballo"

David Fernández, en A Guía, un dos seus lugares preferidos de inspiración poética. FOTO: ELI REGUEIRA

- Fractal reúne, ademais de composicións inéditas, poemas dos seus anteriores libros. Por que esta, digamos, "mirada atrás" na súa traxectoria?

-Ao longo do periodo que antologa Fractal; é dicir, entre o 2009 e o 2015, sentín constantemente a necesidade de evolucionar a miña propia concepción lírica. Nesta etapa, cheguei a percibir que todo o que escribía, simplemente perfilaba unha sombra do que quería facer. Foron anos realmente complicados. Despois de todo este tempo, este ano cheguei ao abismo; por vez primeira en moito tempo, vin con claridade a dirección que buscaba a miña poesía. Nunca podería chegar a esta nova visión lírica se non vivise os anos que recopila e homenaxea este libro. Se agora teño, non só as ferramentas, senón tamén a valentía para levar a novos horizontes a miña visión total da poesía é grazas ao ciclo Fractal. É comprensible que mire atrás, é comprensible que busque recordar o que lle dá sentido ao meu presente e ao meu futuro.

-Os poetas adoitan"corrixir" constantemenmte as súas obras. Estes poemas que recupera están retocados ou se manteñen tal e como foron publicados no seu día?

-A min non me gusta retocar, creo que cada poema nace nun contexto concreto; polo tanto, está construído con base nunhas ferramentas e nuns detonantes determinados. Estes contextos evolucionan, non son eternos... Por poñer un exemplo, eu, por máis que o intente, non podo escribir como o facía hai cinco ou dez anos, posto que todo o que rodea o elemento artístico xa non é o mesmo; xa que logo, paréceme moi arriscado corrixir unha manifestación antiga dende un marco actual e completamente distinto ao do poema en cuestión. Fractal é, en esencia, unha obra sen cambios, aínda que non podo ocultar que si presenta algunhas modificacións moi pequenas de palabras practicamente imperceptibles.

-Cales se podería dicir que son os eixos temáticos da súa poesía?

-A día de hoxe, trato de afastarme deles, pois creo que a miña misión non é a de prescribir temas, senón estimulalos dende o escenario do lector. Pola contra, na maioría de poemas que recolle Fractal si que os busquei. Os máis recorrentes, entre outros moitos, son a escravitude no século XXI, o sistema produtivo como estandarte da destrución da nosa identidade natural, a farsa dunha escola que só busca crear ferramentas, a alienación ou a traxedia do sensentido dunha humaninade tan estandarizada como socializada.

-Na arte de recitar brillou un home que hai pouco faleceu. Refírome a Carlos Oroza. Chegou a ter unha relación estreita con el? Séntese identificado co xeito de entender a poesía de Carlos Oroza?

-Non tiven a oportunidade de intimar moito con el, aínda que si podo dicir que vivín algunha que outra experiencia única ao seu carón. Recordo dun modo moi especial o día que nos coñecemos, foi nun autobús e durante todo o traxecto falamos da difícil situación que atravesa a poesía en Galicia, foi incrible... Creo que o que máis me achega a Carlos Oroza é a necesidade de recitar; dende sempre, o recitado foi o buque insignia do meu traballo.

-Qué autores admira e por quen se sente influenciado?

-Eu nunca puiden comprender a poesía coma unha manifestación independente do teatro, danza, escultura, pintura ou son. Todos son compoñentes da nosa vida e eu penso que todo tipo de creación debe ser unha continuidade da mesma, e polo tanto, indivisible e integral. Dito isto, non podo máis que destacar a miña admiración por todos aqueles autores que comprenderon a creación dende a totalidade. John Cage é moito máis que un exemplo para min, a súa influencia marcou completamente a miña perspectiva unitaria do fenómeno artístico, el era son, teatro, escultura, danza, todo... Por outra banda, non quero deixar de mencionar outros artistas que, máis ou menos totais, me axudaron a levar a miña creación a outras dimensións. Destacaría o poder visionario e integrador de Syd Barrett (fundador de "Pink Floyd"); a capacidade de exploración e continuidade entre creación e vida de Keith Rowe; a valentía de Jaco Pastorius; a poesía con maiúsculas de Alejandro de Michelle ( "Pastoral"); a totalidade de Jesús de la Rosa ("Triana"); a sonoridade de Dylan Thomas; o misterio de Arthur Rimbaud ou tamén a vangarda de André Breton.

-Qué xurdiu antes en Vde.: a vocación pola poesía, pola música ou polo teatro?

-Polo teatro. O meu primeiro libro (aínda inédito) foi Rojo sobre Negro, unha traxedia enmarcada na Guerra Civil española que escribín aos quince anos. Co paso do tempo, a miña paixón teatral converteuse nunha totalidade, creo que o teatro é unha plataforma casi indefinible para o todo. Dende esta totalidade, desenvolvín o mellor da miña poesía, de aí que a miña creación poética, ou boa parte dela, non sexa máis ca unha proxección dunha realidade teatral.

-Cal é o proceso que segue para compoñer a música que acompaña cada poema dos seus recitais?

-En realidade, eu non sigo ningún proceso, tampouco busco que os sons teñan un contido similar ao dos poemas, gústame que estes sons acaden a liberdade de non ter unha intención ou un contido abstracto sobre eles mesmos. Eu quero que sexa o espectador o que constrúa relacións entre poesía e son, se así o considera oportuno. Isto é o que podo dicir das miñas composicións. Por outra banda, cando traballo como director e produtor doutros compositores cos que colaboro, busco enraizar a miña dirección (ou estímulo creativo) nas súas características para acadar unha serie de resultados indeterminados.

-Foi Vde. nomeado "Huésped de Honor" de Santa Rosa de Osos (Antioquia, Colombia) e ten o recoñecemento "Huella Débora Arango" . De onde lle vén esa relación con Colombia?

-Eu, dende sempre, trato de sementar a miña obra no maior número de lugares. Con todo, nalgúns florece e noutros non; son o último en saber onde e como enraizará a miña poesía, se é que chega a facelo. En Colombia si que o fixo, ademais dun modo moi especial. A verdade é que eu non fixen nada distinto neste país, pola contra, eles ofrecéronme moitísimo. Coa man no corazón, alí foi a primeira vez que vin as miñas ás completamente despregadas. En Colombia fixen realidade moitos dos meus soños. Voltarei o antes posible.

-Xa ten Vde. escrito e publicado textos teatrais. Entra nos seus proxectos adentrarse en xéneros narrativos como o relato ou a novela?

-A impronta tan especial da narrativa está moi presente na miña idea de totalidade artística; sen ela, esta totalidade estaría orfa. Hai moitos poemas de Fractal que carecerían de sentido sen a impronta da linguaxe narrativa. Con todo, non; non teño pensado adentrarme no mundo do relato ou da novela como xénero independente.

Compartir el artículo

stats