Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A escena, fonte de riqueza

Aproximación ao teatro patrimonial

Un momento na celebración do Vicus Spacorum (barrio novo de Navia, Vigo).

Ata onde sabemos unha das primeiras manifestacións do que denominamos teatro patrimonial vai ser a romaría vikinga de Catoira, que inicia andaina no verán de 1960, para recrear as invasións do noso país por parte dos feros homes do norte, na procura de riqueza con base na rapina, e a loita contra eles dos habitantes da costa galega, que en Catoira contaban cunhas torres defensivas para vixiar unha zona especialmente estratéxica, pois era a entrada natural para chegar a Iria Flavia e a Compostela. Outras manifestacións do teatro patrimonial, máis vinculadas ao ciclo agrario tamén collen pulo naquela mesma altura, coa recuperación e posta en valor de antigas celebracións rituais coma os Maios, o Entroido, os nadais, mesmo loitas entre mouros e cristiáns como acontece na Saínza ou na Franqueira, lugar este visitado por Ramón Cabanillas, que recolleu e publicou un vello romance que recrea a loita e a conversión do mouro, xa nos anos trinta do pasado século.

Vicente Risco, no magnífico estudo sobre etnografía galega que fai parte do primeiro volume da Historia de Galiza, editado en 1960 en Bos Aires con dirección de Ramón Otero Pedrayo, deu noticia de moitas celebracións rituais e festivas, cunha marcada base teatral, que no primeiro cuartel do pasado século XX aínda se celebraban en Galicia, entre as que hai que destacar os autos da paixón, que tanto pulo tiveron en vilas coma Muxía, e que aínda se mantén en Fisterra ou Oímbra. Laza segue a ser un dos lugares onde se mantén ese costume de representar autos nas festas cíclicas, neste caso na festas da Cruz do Maio. Investigadores coma Julio I. González Montañés teñen realizado interesantes estudos arredor de todas esas manifestacións escénicas que constitúen aínda hoxe un interesante patrimonio, recuperado nalgúns casos e ben doado de recuperar noutros a pouco que as administracións públicas entendesen que ese patrimonio, material e inmaterial, constitúe unha fonte de riqueza con moitas posibilidades para o desenvolvemento da actividade local, como se nos mostra en vilas coma Xinzo da Limia, Moeche ou Viveiro.

En países do noso entorno o teatro patrimonial está moi vinculado ao desenvolvemento social ou económico das comunidades nas que se produce, e en bastantes ocasións a proxectos de carácter turístico, combinando desa maneira a recuperación e mantemento de bens culturais patrimoniais, a participación da comunidade local nesa defensa do propio, do que confire identidade, e o lecer dos visitantes ou de quen circunstancialmente transita polos territorios. Esas actuacións en bastantes ocasións tamén constitúen a oportunidade para a conservación dun patrimonio que grazas a elas cobra novo valor e adquire verdadeira importancia. Implica finalmente un modelo de turismo cultural que foxe da masificación e da agresión ambiental e adquire posibilidades certas de manterse no tempo, de ser sostible, ata o punto de se converter nalgún momento nun turismo da vivencia e da experiencia, que enriquece as comunidades e aos seus integrantes, sexan permanentes ou circunstanciais.

Galicia conta cun patrimonio natural e cultural, artístico en ambos casos, especialmente relevante, e con moitas posibilidades para xerar proxectos que poidan ser realidades consolidadas, e o número de experiencias realizadas mostran que se trata dun fenómeno que a pouco que as institución públicas interveñan poder ser un factor sumamente renovador para construír unha oferta turística de calidade. Con todas esas experiencias seguramente se podería elaborar un manual de boas prácticas co que facer ver que a diversidade de traballos cobren en boa medida os moi diferentes modos de intervención nesta nova liña de traballo.

Exemplos

  • Son moitos, e demandan xa a realización dun estudo de carácter teórico e histórico, tamén nunha perspectiva comparada. Un deles é o que desde hai pouco se celebra no barrio novo de Navia, o Vicus Spacorum, que invita a veciñanza a participar activamente, na mesma maneira en que o vén facendo desde hai tempo a Festa da Istoria de Ribadavia e tantas festas celtas e romanas ou feiras medievais como se están organizando en Galicia nos últimos anos. Outra das propostas que pode dar moito que falar é a que acaba de comezar no Castelo de Soutomaior, unha visita teatralizada na que vellos habitantes do castelo acompañan aos visitantes no seu percorrido por xardíns, corredores e salas do complexo patrimonial. Unha proposta que seguramente vaia collendo significación e se poida trasladar a outros espazos tal que o Castelo de Sobroso.Propostas que crean comunidade, que poñen en valor o patrimonio material e inmaterial, que desenvolven formas de gozar do tempo libre, e tamén crean postos de traballo para os traballadores e traballadoras da escena en toda a súa diversidade. Hai moitas formas de crear riqueza, e hai moita riqueza onda nós. Só cómpren medidas que promovan proxectos e os axuden a nacer e medrar. E hai talento de sobra para facelo cando se dispón de medios e recursos.

Compartir el artículo

stats