Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Acervo da terra

O Museo Municipal de Vila Flor

A sala dedicada a África.

Admirada por reis e nobres, esta fértil xeografía portuguesa conserva un amplo patrimonio e mais a beleza intacta da súa paisaxe. Vila Flor está situada ao sur do distrito de Bragança, na Terra Quente Transmontana, rodeada de magníficas paraxes de montaña e vellas aldeas de pedra que lle dan un aspecto case medieval. Parte do amplo legado histórico que posúe pode verse no Museo Municipal Berta Cabral, situado moi preto da igrexa parroquial, antigo Soar dos Aguilares e outrora sede do edificio consistorial. Posúe máis de tres mil pezas, moitas delas doazóns de veciños, repartidas en coleccións de pintura, arqueoloxía, etnografía, artesanía africana, arte sacra, numismática e medallística.

Situado no largo Dr. Alexandre de Matogueiras, o Museo Berta Cabral foi fundado en 1957 por Raúl de Sá Correia, antigo secretario da Cámara Municipal e director do centro ata a súa morte en 1993. Eduardo Costa Cabral e a súa esposa Berta Cabral foron mecenas que engrosaron os fondos do espazo museístico coa achega de doazóns, libros, cadros e outros obxectos. O edificio é unha construción señorial (dos séculos XII-XIII) levantada en granito, brasoado coas armas reais na fachada principal, a flor de lis (símbolo da vila) e as armas dos Aguilares (dúas aguias) na fachada oeste. A primeira sala que aparece ao cruzar a porta é a de arte sacra, que alberga unhas duascentas pezas, algunhas tan curiosas como un oratorio/secreter de madeira de castiñeiro datado en 1739. Con artística pintura de época, ten cinco compartimentos segredos enxeñosamente disimulados. Destaca tamén un retablo de castiñeiro coa representación de San Bartolomé, patrón de Vila Flor.

Na sala de etnografía chaman a atención pezas como unha caixa almofadada e preparada para facer encaixe de palillos. Moi raro e antigo exemplar, ademais de ben conservado, o seu fin sería probablemente a confección de panos luxuosos destinados a adornar mobles, teas de igrexa e vestiario feminino. Noutro dos espazos pode verse a que moitos consideran unha das mellores coleccións de máquinas de escribir da península. Entre outros enxeños, alberga un aparello de 1864 de fabricación americana, considerado un dos primeiros modelos. Sen teclado, tiña xa gran perfección pois co bater das letras o carro onde se colocaba o papel desprazábase mecanicamente. Con regulador de espazos e liñas e campaíña de aviso de fin de rolo, é unha auténtica rareza imposible de atopar noutros lugares.

Están expostas tamén varias decenas doutras máquinas, rivalizando todas elas en deseño e enxeño. Poden verse calculadoras, máquinas fotográficas, máquinas de costura ou moldes de zapateiro, entre outras curiosidades. No Museo Municipal de Vila Flor é reseñable así mesmo a súa nutrida biblioteca, con máis de 23.000 volumes e singulares exemplares como o Tombo dos Condes de São Paio, últimos donatarios de Vila Flor. Pesa case vinte quilos, ten 1.225 follas, iniciouse en 1764 e rematouse dous anos despois. É un dos maiores libros manuscritos existentes en Portugal. Ten 45 centímetros de longo por 28 de ancho e 24 centímetros de lombo.

Na sala Pintor Manuel de Moura atópanse cédulas e notas, retratos, selos, reloxos, moedas e pinturas. Entre a colección de obxectos diversos pode verse unha moeda visigoda de ouro de máis de 1.500 anos e acuñación perfecta.

Na galería, xa na planta baixa, sitúanse estelas funerarias, achados arqueolóxicos (entre eles un verraco atopado en 1967) e, entre as moitas pezas curiosas, o primeiro teléfono do concello de Vila Flor e o primeiro de Trás-os-Montes. No percorrido por este interesante e completo museo aínda hai espazo para coleccións de porcelana, obxectos de cociña trasmontana, obxectos musicais ou unha sala africana na que hai catrocentas pezas.

Feitizo de Don Dinís

  • Vila Flor é a sede dun municipio formado por dezanove parroquias e outrora coñecido como Póvoa de Além Sabor. Reza a lenda que cambiou o seu nome ao paso de Don Dinís por estas terras. O rei, admirado pola fermosura deste lugar fértil, decidiu bautizalo como Vila Flor, concedeulle foro o 24 de maio de 1286 e mandou levantar un castelo e murallas con cinco portas rodeando a poboación. Da fortaleza quedan poucos vestixios, fóra dunha parte dos muros e as Portas da Vila, pero a localidade conserva outros moitos lugares de interese, como a igrexa parroquial de fachada barroca e valiosas reliquias no interior.En arquitectura civil destacan varias edificacións brasoadas ademais da que acolle o propio museo, como o Solar dos Capitães Mores ou o Solar dos Lemos. Preto de Vila Flor paga a pena parar no santuario da Senhora da Lapa e admirar a paisaxe cegadora. Outro punto de interese ofréceo Vilas Boas co seu santuario de Nossa Senhora da Assunção, un edificio granítico construído onde antes houbo un castro. Érguese na cima dun monte e ofrece magníficas vistas da rexión trasmontana. En Benlhevai existe outro museo, o da familia Vila Real, que aloxa numerosas coleccións, desde instrumentos de labor a obxectos etnográficos, romanos, árabes e do paleolítico, entre outros.

Compartir el artículo

stats