Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As orixes do capitalismo (II)

Calibán, escravo de Próspero

Vista da bolsa de Frakfurt.

En A empestade Shakespeare preséntanos a Calibán, o fillo da bruxa Sicorax que acaba sendo escravizado por Próspero. As súas palabras: "Esta illa perténceme por Sicorax, miña nai, e ti quitáchesma. Cando chegaches, aloumiñábasme e mimábasme, dábasme auga con bagas e aprendíchesme o nome da luminaria maior e da menor, que alumean polo día e pola noite. Daquela queríate e descubrinche a illa, as frescas fontes, os pozos salgados, os lugares ermos e fértiles. Maldito sexa polo que fixen! Os feitizos de Sicorax, escaravellos, sapos e morcegos caian sobre ti. Porque son o único súbdito que tes, eu, que antes era o meu propio rei, e confínasme nesta dura rica e négasme o resto da illa", mostran as claras o proceso de usurpación colonial que os europeos puxeron en marcha en todo o mundo conquistado: América, África e Asia, no momento en que se estaba a producir o proceso de acumulación orixinaria. Un proceso que partía do recoñecemento mutuo dos pobos en contacto e remataba co sometemento do pobo indíxena.

A conversión da man de obra en mercancía e o seu afastamento do control dos medios de produción, a expropiación de terras comunais ao campesiñado (cercamentos) e o control do corpo da muller, que perde a súa capacidade produtiva a favor das tarefas reprodutivas -como se explicaba na primeira parte deste artigo-, foron condicións indispensables para que se producise a acumulación capitalista orixinaria; non obstante, foron precisas outras dúas condicións nas que xogou un papel determinante a escravitude, reducindo a millóns de persoas á realización de actividades produtivas non remuneradas, o xenocidio indíxena americano e a usurpación das riquezas e dos recursos de pobos enteiros que foron sometidos ao dominio colonial europeo, creando un comercio triangular que está na base do desenvolvemento capitalista europeo.

Efectivamente, o sistema funcionou sobre as seguintes bases: a explotación dos nativos americanos polos colonos europeos; unha vez que a poboación nativa foi brutalmente exterminada -nun dos maiores xenocidios cometidos polos europeos-, como consecuencia das guerras, as enfermidades e os traballos forzados a que estaba sometida a poboación, a nova forza de traballo foi buscarse ao continente africano, onde unha serie de reinos se ofreceron a capturar escravos nas tribos do interior para vendelos aos comerciantes europeos que os empregaron fundamentalmente nas plantacións e nas minas do Brasil, o Caribe e as colonias situadas no sur do que hoxe coñecemos como Estados Unidos.

Deste xeito, estableceuse un comercio triangular, que funcionou do seguinte xeito: os europeos ofrecían aos reis africanos, a cambio de escravos, armas, munición e secundariamente artigos de prestixio procedentes das 'industrias' europeas; dende as costas do golfo de Guinea, trasladábanse en barcos negreiros aos escravos que eran vendidos nos principais portos de América; dende América, procedentes das plantacións onde traballaban os escravos, eses mesmos barcos pechaban o triángulo de sangue e morte, transportando azucre, tabaco, ron e algodón.

Neste sentido, á marxe do que supuxo demograficamente para o continente africano a perda de arredor de 12 millóns de individuos, este comercio triangular obedece á lóxica dun novo sistema mundo no que os estados europeos imperialistas (Inglaterra, Francia, Holanda, España e Portugal) ocuparon a posición central e América e África a periférica, dando inicio a unha relación de dependencia que se manterá case inalterable até a actualidade.

Porén, como sostén Federici, malia que a acumulación orixinaria operou nos séculos XVI e XVII sobre os corpos dos campesiños, as mulleres e os escravos, o proceso continúa na actualidade.

A acumulación orixinaria

  • Da análise da obra Caliban y la bruja: mujeres, cuerpos y acumulación orixinaria (TdS, 2010), de Silvia Federici, dedúcese que a acumulación orixinaria, que é un concepto marxista fundamental para comprender a xénese do capitalismo, non é un proceso pasado. Velaquí a opinión da profesora Federici ao respecto:"A globalización está a provocar unha serie de fenómenos que lembran o que sucedeu nos inicios do capitalismo. Por exemplo, o chamado axuste estrutural do FMI está acabando cos medios de subsistencia de grandes segmentos de poboación do terceiro mundo. No noso tempo volven aparecer o que se coñece como cercamentos de todo tipo de bens comúns, dende as tradicionais privatizacións de terras até a privatización do coñecemento. Efectivamente, cando Harvey fala da acumulación por desposesión estase a referir a unha das características centrais da acumulación orixinaria: a expropiación.En realidade, cada vez resulta máis claro que a acumulación orixinaria é un fenómeno permanente. Non se trata dun proceso histórico que ocorreu dunha vez por todas, senón que en cada fase do capitalismo se renova a necesidade de afastar á xente dos seus medios de subsistencia para producir nova forza de traballo. Así, nos séculos XVI e XVII produciuse o nacemento da estrutura xeral do capitalismo".

Compartir el artículo

stats