Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

50 anos da Revolución Cultural chinesa

Bandeiras vermellas contra a bandeira vermella

Escena da Revolución Cutural.

O recente recurso de Cameron de poñer en tensión o Estado para conservar o poder no partido non é novidade na historia da política. En 1966, Mao Zedong chamou a unha revolución contra os dirixentes do Partido Comunista. Estes pertencían a unha segunda xeración e malia respectarlle o cargo de presidente, limitáranlle as súas atribucións a causa dos seus erros no Gran Salto Adiante. Esta campaña encetouse en 1958 e fracasou en 1961: o intento de industrialización e colectivización forzosas rematou cunha fame que provocou un mínimo de 18 millóns de mortos.

Esta segunda xeración de dirixentes tiña como cabezas visibles a Deng Xiaoping e Liu Xaoqi, daquela secretario xeral do PCCh e presidente da República Popular, respectivamente. Pragmáticos, defendían un achegamento ás políticas renovadoras de Krutschev na URSS, obxectivos que non entraban no proxecto de Mao, quen defendía a identidade chinesa por riba de todo (no fondo, era máis nacionalista que revolucionario, como Stalin, Ho Chi Minh ou Fidel Castro).

Contra o realismo dos seus camaradas, Mao chamou a mocidade á rebelión diante dos vellos por seren estes "burócratas, corruptos e revisionistas." Ideoloxicamente, esta terceira acusación era a máis grave polo que supuña de subordinación aos ditados de Moscova. Mao, en tanto que presidente do PCCh, convocou a unha segunda revolución, esta vez claramente ideolóxica e iconoclasta: era necesario eliminar o vello para que agromase o comunismo renovado.

E con esa convocatoria, feita o 16 de maio de 1966, denunciou a aqueles que, como o máis doado do mundo, "axitan as bandeiras vermellas contra a bandeira vermella"; é dicir, usaban a linguaxe do marxismo-leninismo chinés (o chamado "pensamento Mao Zedong") precisamente para combatelo. Contra eles, Mao Zedong botou as consignas "Bombardeade os cuarteis" e "É xusto rebelarse" que ben axiña foron seguidas por millóns de mozos e mozas -moitos, adolescentes aínda- que se encadraron na Garda Vermella (nacida na universidade de Tsinghua de Pequín, foi aprobada polo PCCh) que pretería a Liga das Mocidades Comunistas. Encetábase a Gran Revolución Cultural Proletaria.

E esa masa xuvenil comezou a empregar ferramentas de axit-prop como os "dazibaos", xornais manuscritos en letras de gran tamaño para a información pública cuxas orixes se remontaba á época imperial. Nas escolas, nas universidades, nos barrios, nas forzas armadas, os gardas vermellos exercían unha revolución adanista e nihilista contra o vello, xa fosen profesores, pequenos artesáns, libros e manuscritos ou obras de arte milenarias. Ben axiña chegaron as execucións sumarias que deixarían un balance estimado de tres millóns de mortos.

Despois que os militares revolucionarios bombardeasen -literalmente- os cuarteis xerais do PCCh o 5 de agosto, millóns de gardas vermellos concentráronse na praza de Tienanmen o 18. Naqueles meses as imprentas de todo o país non paraban, reimprimindo centos de millóns de exemplares dun libriño de citas de Mao, recompilado por Lin Biao (ministro de Defensa e xefe das forzas armadas populares). De lectura obrigada nas escolas e sempre no peto dos gardas vermellos, aquel catecismo foi coñecido entre nós como Pequeno Libro Vermello.

Aínda que o proceso revolucionario estrito rematou en 1969, cando o PCCh celebrou o seu IX Congreso, as loitas polo poder seguiron ata a morte do chamado Gran Temoneiro en 1976. A herdanza daqueles tres anos de tolería e anarquía foi un desastre para as persoas, a economía, a ciencia e mais o patrimonio artístico e tradicional milenario: millóns de científicos, investigadores, artistas e membros do PCCh foron castigados (moitos coa morte; outros, "reeducados") por "contrarrevolucionarios"

China, a veciña

  • A epopea da revolución comunista chinesa, rematada en 1949, significou que o pobo chinés acordase finalmente dun longo sono de séculos: a China estaba de novo na historia mundial como protagonista. E fronte ao burocratismo do PCUS e ao imperialismo ruso-soviético, unha parte da mocidade europea procuraba vías alternativas: a eclosión da Revolución Cultural foi o espello.Marco Bellocchio retratouno en La Cina è vicina; entre nós, como resposta á fosilización ideolóxica do PCE diversos grupos da extrema esquerda antifranquista reclamáronse maoístas: MC, PTE, ORT, OCE-BR. Cando o comunismo deseñado por Mao (daquela a piques de morrer) perdía predicamento entre os labregos chineses, moitos mozos europeos descubriamos as virtudes marxista-leninistas da man do dirixente chinés. Un xarampón que rematou coa democracia que, por forza ou de grado, nos puxo cos pés no chan.Sen necesidade de actos de contrición, hai uns anos merquei Soldado vermello das noticias, de Li Zhenseng, garda vermello que exerceu de fotoxornalista. Fixo perto de vinte mil instantáneas non oficiais que ocultou durante anos ata que Robert Pledge as descubriu e as editou. Pedinlle ao autor que lle dedicase o libro a "Armengol", o meu "nome de guerra" na OCE Bandera Roja. Iso, aprender a pensar e algunhas lembranzas é o que me queda daqueles anos

Compartir el artículo

stats