Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tradición e nova figuración

Viaxe pola pintura de Alfonso Sucasas

O fillo da do Viso.

A presenza da obra de Alfonso Sucasas (Lalín, 1940 - Vila de Cruces, 2012) na sala da Deputación de Lugo até finais de outubro volve traer ao primeiro plano da actualidade artística o traballo creativo do pintor lalinense.

O seu estilo poderiamos balizalo entre referentes do movemento renovador da arte galega d'Os Novos, en especial Laxeiro, e os ecos da pintura de Francis Bacon que se manifestan en boa parte da figuración dos anos setenta no contexto galego e español. No que atinxe ao noso artista, velaí está o conxunto da súa obra dos setenta e primeira metade dos oitenta como proba desta asimilación de referentes estéticos.

A pintura de Sucasas aparece imbricada nos dificultosos esforzos modernizadores que se desenvolven no espazo cultural galego destes anos, nun contexto en que os maiores contactos internacionais e a propia dinámica interna fai que vaian aparecendo síntomas de renovación que favorecerán a eclosión artística. Un proceso que se comeza a forxar na segunda metade dos setenta e que terá un punto culminante nos oitenta, un momento que sen dúbida abriu unha nova traxectoria para a arte do noso país, e que tamén na obra persoal do lalinense é especialmente brillante.

Sucasas viaxa e reside nos sesenta en Madrid, Venezuela e o Brasil e regresa a Galiza en 1978, instalándose en Vigo, traendo consigo unha bagaxe formativa ben notábel. Pintor de trazo firme e persoal sempre vai reclamar a liberdade do artista, a soidade da creación e a singularidade da súa visión. Así e todo, e sendo esta afirmación no persoal certeira, a súa pintura aparece nun contexto definido e inserida nos dificultosos esforzos modernizadores na Galiza deses anos.

Que Sucasas supera estas dificultades percíbese con toda rotundidade ao contemplarmos o seu traballo destes anos, eis os seus expresionistas -e beconianos- "Polípticos". En obras como estas á intensa forza plástica e á calidade hai que unir o profundo desacougo que causa o seu tratamento da figura humana.

Ao tempo, é evidente que a investigación plástica de Alfonso Sucasas se fai en diálogo coa tradición -unha tradición que é moi afín ao popular e ao escultórico, como acontece con moita arte galega- escolmando dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica. Desde os retablos e tímpanos de igrexas rurais até boa parte da tradición pictórica figurativa, o lalinense sérvese de elementos de grande alento expresivo para forzar a rosca, para escavar todo o pasado artístico, mais coa plena consciencia de que se fai parte del e para amosármonos non só a percepción angustiada da existencia senón a máis vitalista, que acabará dominando na súa produción das últimas décadas.

O que resulta evidente é que o cúmulo de influencias que sinalamos, sen desaparecer, iranse limitando posteriormente na procura de acentos persoais con esa inmediata conexión entre o icónico e a cor que evita a teatralidade máis simple, un aspecto ben perceptíbel nas súas composicións fieis á tradición máis clásica, como nos nus femininos ou nos temas relixiosos ou mitolóxicos, estes últimos ben afastados das concepcións tradicionais, como tamén se distancian da convención as revisións da cultura popular galega.

A figuración de Sucasas está chea de figuras mergulladas en mundos enserillados entre soños e xogos ocultos: esas parellas que beben e/ou xogan ás cartas ou eses grupos enleados en perigosas ligazóns, ás veces con evidentes alusións eróticas. Nas obras centradas na presenza feminina mostra outra das características que singularizan o seu estilo, como é a capacidade de recrear e transmitir os sentimentos e emocións humanas cunha clara suxestión erótica facendo que se respire frecuentemente unha tensión psíquica e sexual.

Inocencia perversa

  • O mundo creado polo noso pintor é, daquela, unha mestura de inocencia e perversidade, un mundo recoñecíbel e que, ao tempo, pode ser prohibido. É unha pintura feita de silencios e envolvida nunha atmosfera tensa mesmo cando recrea temas clásicos, con ilustres precedentes que van desde o barroco a Paul Cézanne. Son temas que permiten reelaborar os xogos e tensións psicolóxicas entre os personaxes, as miradas, os movementos convulsos e tamén favorecen o pormenorizado estudo compositivo que novamente nos recorda os interiores de escenas semellantes da tradición barroca e moderna. O pintor de Lalín utiliza, xa que logo, a linguaxe realista como fidelidade á tradición e ao popular, prefirindo e aposta polo diálogo coa tradición e polo enigma.En Alfonso Sucasas observamos, xa que logo, algunhas das características destas correntes figurativas contemporáneas máis creativas como é a tensión entre obxecto e abstracción, evidenciando a dialéctica interior-exterior e suxeito-obxecto, facendo agromar os equilibrios inestábeis e os desprazamentos a respecto da experiencia habitual da realidade que está en condicións de provocar no observador do cadro unha intensificación misteriosa das súas capacidades emotivas, mantendo a tensión entre a descrición puntual e mais a narración enigmática.

Compartir el artículo

stats