Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retorno dun clásico

O amor é unha clase de milicia

Retorno dun clásico

Comentamos hoxe dúas obras capitais de Publio Ovidio Nasón (Sulmona, 43 a. C.-Tomis, actual Constanza, 17 d. C.), a Ars amatoria e Remedia amoris, vertidas á nosa lingua por Lucía Gómez Fariña. Temos que ter presente que na época do escritor estaba moi en voga a poesía didáctica (Virxilio indagando sobre a agricultura e Lucrecio sobre a filosofía). A primeira orixinalidade ovidiana consiste en tratar un tema, o amor (ou sexa, a paixón amorosa e o deleite sexual), desde unha perspectiva didáctica. A segunda orixinalidade radica en utilizar, en lugar do hexámetro, o dístico elexíaco. Esta preferencia dános unha pista de que, detrás dos consellos e preceptos para cativar as damas, hai un pouso de melancolía (tanto se se consegue o amor procurado como se se fracasa no intento e, mesmo, se se logra extirpar a dor de non o alcanzar). Podemos afirmar, pois, que a súa poesía habita un reino melancólico. O celebérrimo carpe diem, o gozo do momento, prodúcese, no fondo, por unha consciencia de fugacidade, isto é, de finitude. Detrás do lado hedonista e xubiloso aniña a certeza de que todo é fuxidío e irrepetíbel.

Debemos agregar que estes libriños foron un verdadeiro suceso na poesía de Ocidente, como testemuñan as innúmeras reimpresións e influencias ao longo das centurias (mesmo Erich Fromm tomou emprestado o título combinando dun modo novidoso as doutrinas de Freud e Marx). Lembremos que o breve volume inicial constaba de dúas partes dirixidas ao homes ofrecéndolles unha grande cantidade de ensinamentos para a conquista amorosa, mentres que a terceira ía dirixida ás mulleres para convencelas de gozaren libremente nos acoplamentos amorosos. Acaso por estas exhortacións pracerosas que atentaban contra a moral familiar que desexaba recuperar o imperador Augusto (sobretodo no referente ao adulterio), Ovidio foi desterrado. As Remedia amoris é outro opúsculo que, como o título indica, pretende erradicar os males causados polo amor através dunha medicina ética e duns consellos prácticos. Pasamos, (por arrenpentimento?), da exaltación do amor, á súa impugnación.

A traslación de Lucía Gómez Fariña ao noso idioma opta pola fidelidade ao texto latino evitando a complexísima opción de reproducir os ritmos orixinais. Soan moi ben os versos na nosa lingua onde desfilan deliciosos consellos amorosos, figuras mitolóxicas, excursos líricos, metáforas fermosas, que fan amenísima a lectura. O tomo vai precedido dunha introdución que contextualiza a obra e achega datos biobibliográficos relevantes. Libro de gozo imprescindíbel xunto coas Metamorphoseon, obra cume da lírica universal dun autor que afirmaba: "O amor é unha clase de milicia".

OVIDIO, Arte de amar. Remedios do amor (trad. Lucia Gómez Fariña), Ed. Rinoceronte, Cangas, 2016, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats