Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Los suplementos de FARO

FARO DA CULTURAUn islam republicano

Michel Onfray: relixión e democracia

Michel Onfray, autor de Pensar o islam.

Á maneira de como Marx iniciaba o Manifesto comunista, hoxe hai unha fantasma que percorre boa parte do mundo: o islamismo armado. Un conflito que para uns non ten máis denominación que "terrorismo" mentres que para os máis pragmáticos non é senón unha guerra multipolar. Unha manifestación que colleu forza cando o FIS alxeriano foi ilegalizado a piques de gañar as eleccións (1991) e pasou a grupo armado: GIA, GSPC e, finalmente, Al Qaida do Magreb Islámico. Confluía así coa "marca" que comezara Osama bin Ladin (daquela amortizado para Washington despois de loitar contra a URSS en Afganistán) cos atentados en Nairobi, Dar es Salaam, WTC en Nova York e o Pentágono.

O relato posterior, estendido ao resto do mundo, é coñecido: intervención dos Estados Unidos en Iraq (2003) e atentados en Madrid e Londres, entre outros. A decadencia de Al Qaida e as súas franquías levou á emerxencia do Estado Islámico e as súas filiais cun dominio territorial. Pero a comisión de atentados, moitos deles cometidos por combatentes regresados a Europa, ten desconcertada á opinión pública occidental.

Michel Onfray declárase ateo, pero sen facer diso un dogma, co cal pode analizar os fenómenos relixiosos en tanto que manifestación humana. Pero aínda con máis vehemencia, o filósofo francés sitúa en Penser l'islam os antecedentes que levaron a tal situación. E no centro, sinala a claudicación da esquerda (a prol do liberalismo) desde Mitterrand e a utilización que fixo da proporcionalidade electoral para que o ascenso do FN dividise á dereita. E en canto a esta, Onfray denuncia as súas complicidades interesadas (con dúas excepcións: J.-P. Chevènement, quen dimitiu de ministro da Defensa no goberno Rocard, e Jacques Chirac, quen considerou ilegal a intervención en Iraq en 1993).

Onfray maniféstase especialmente duro co presidente Hollande e co primeiro ministro Valls (a quen alcuma de fanfarrón) pola actuación que tiveron despois do atentado contra Charlie Hebdo. Dá por sentada a condición inmoral dos combatentes islamistas. Pero non aforra unha crítica semellante contra aqueles políticos occidentais que non dubidan en bombardear países musulmáns con perdas humanas e materiais tan ou máis graves que as que provocan os xihadistas cos seus alfanxes ou con escavadoras en lugares históricos.

E critica sen compaixón (desde termos filosóficos) a exculpación intelectual e política que desde certas esquerdas se fai xenericamente do islam en tanto que relixión dos oprimidos e copartícipe da multiculturalidade. E na mesma liña censura a frivolización da resposta cidadá no formato "eu son Charlie" (que recentemente chegou a "selfies solidarios") ou a consideración que "os musulmáns son a primeira vítima" ou que os atentados "non teñen que ver co islam".

Onfray confesa que leu o Corán e outros textos e que o asunto de interpretar o islam resulta complicado. Sería posible articular un islam moderado fronte a outro islam combativo e violento. Pero tal propósito resulta inviable se consideramos que ese textos son inseparables entre eles: como a Torá, a Biblia ou o Novo Testamento, son considerados libros revelados e polo tanto con eles non se pode facer un menú de petiscos.

Pero o filósofo francés insiste na necesidade dun pacto, que supere, por simple realismo, a lei francesa de 1905 de separación entre relixión e poder político. Nese senso propón abertamente un contrato social entre a República e o islam francés. Este tería que observar a primacía da lexislación democrática e a primeira pagaría os gastos de culto (cun financiamento vía fiscal a prol de todas as confesións, incluído o ateísmo). Unha vía, por estrito pragmatismo, que Manuel Valls vén de propór despois da masacre de Niza.

Compartir el artículo

stats