Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ás voltas co pesadelo americano

No pasamento de Edward Albee

O autor teatral Edward Albee (1928-2016).

Para a crítica especializada, 1960 foi un ano especialmente relevante na literatura dramática norteamericana. O 14 de xaneiro, en efecto, tiña lugar a estrea de Historia do Zoo, a peza coa que Edward Albee irrompe nun panorama literario un pouco adurmiñado, que vivía das rendas debidas a autores tan importantes como Eugene O'Neill, Arthur Miller ou Tennessee Williams, que desenvolven un modelo de realismo cheo de acedume e crueza orientado a desvelar a mostrar as miserias da condición humana, da sociedade dos soños imposibles para a maioría, que ameazan a cordura das xentes. Mesmo pezas tan abeiradas ao realismo máis crítico como The Adding Machine (1923) de Elmer Rice ou Waiting for Lefty (1935) de Clifford Odets, insistían na mesma visión negativa dunha sociedade dominada polo degoiro de riqueza, liña de traballo que enriquece un importante número de escritoras entre as que podemos lembrar a Rachel Crothers, Lillian Hellman, Susan Glaspell, Wendy Wasserstein ou Anna Deavere Smith.

Con Albee irrompen igualmente naqueles primeiros sesenta outros autores e autoras que van tentar superar aquel modelo incorporando algunhas das liñas de traballo que viñan desenvolvendo en Europa escritores como Samuel Beckett, Eugène Ionesco, Jean Genet ou Harold Pinter, ben coñecidos nos teatros experimentais dos Estados Unidos, en especial en Off-Broadway pero tamén no nacente Off-Off Broadway. Así acontece con Jack Richardson, que en 1960 estrea The Prodigal, unha recreación libre das vellas liortas dos átridas; con Arthur Kopit, que en 1963 presenta Oh Dad, Poor Dad, Mamma's Hung You in the Closet and I'm Feelin' So Sad: A Pseudoclassical Tragifarce in a Bastard French Tradition; con Jack Gelber, autor da moi famosa peza The Connection, estreada en 1959 polo Living Theatre, e que nalgunha medida antecede as accións escénicas de Alan Kaprow ou o teatro invisible de Augusto Boal.

Por esas datas tamén chegan á escena obras como Funnyhouse of a Negro (1960) de Adrienne Kennedy, The Brig (1963) de Kenneth H. Brown, MacBird! (1967) de Barbara Gerson, ou Viet Rock (1966) de Megan Terry. Unha verdadeira revolución dramática, en boa medida posible grazas ao notable incremento de teatros con compañía residente en moitas cidades do país. Pezas que incorporan novas formas de composición dramática para artellar unha crítica feroz a unha sociedade naquela altura moi dividida entre os defensores da orde establecida e os movementos que loitaban contra a guerra, polos dereitos civís ou por unha cultura alternativa.

Precisamente The American Dream (1960) é unha das pezas máis notables de Albee, na que ofrece una visión sarcástica e certamente negativa dos valores nos que se asentaba a familia, un dos piares da sociedade americana, un marco onde habitualmente comezan as desgrazas, como a súa propia, ao ser entregado en adopción ás dúas semanas de nacer a un matrimonio de boa posición que buscaban ter un fillo máis por necesidade social que por vontade emocional.

Unha das constantes na obra de Albee vai ser a maneira en que os seres humanos se comunican, tan presente en Historia do Zoo, e a maneira en que constrúen e reconstrúen a realidade, como acontece en Who's Afraid of Virginia Woolf? (1962), unha desas pezas que conseguen que o lector ou o espectador se vexan privados do que en Psicoloxía se coñece como zona de confort. E quizais esa sexa unha das achegas máis notables dun escritor de excepción, que acertou a mostrar a cerna dunha sociedade desgarrada por un soño que se torna pesadelo. Un pesadelo que agarda detrás de cada palabra, de cada porta, á volta de cada esquina, nese banco do parque que invita a sentar e gozar da vida plena.

En Galicia

  • Onda nós puidemos ver Historia do Zoo en 1981, unha produción de Itaca Teatro, unha compañía creada e dirixida por Eduardo Puceiro en 1979 en Vilagarcía de Arousa, na que iniciaron a súa carreira actores ben coñecidos como Carlos Blanco ou Manuel Millán Vázquez, dando vida aos dous personaxes dun terrible drama urbano: Peter e Jerry.Peter encarna o éxito no soño americano. Un executivo feliz co seu traballo, coa súa familia, coas súas rutinas diarias, cos seus momentos de paz e de solaz nun banco de Central Park, corazón verde da cidade dos soños. Jerry representa xusto o contrario, toda esa masa informe de persoas excluídas por razóns diversas da alegría e da abundancia na que viven os menos. Jerry sente un degoiro insaciable por se comunicar, por se integrar, por saber, por dicir, por contar? Finalmente acaba suicidándose no coitelo que acaba por coller Peter, e que Jerry sacara do seu peto un pouco antes. Un conxunto de situacións inesperadas, improbables pero posibles que acaban no absurdo.A peza, como recoñeceu o propio Albee, acerta a recrear con fondura e complexidade a posición de Jerry, mentres que Peter aparece máis ben plano, apenas un bosquexo de personaxe. Velaí a razón de que en 2004 Albee presentase outra peza titulada Homelife, que mostra a vida de Peter coa súa muller, Ann, antes de saír para o parque onde espera a morte cabo do banco. Unha obra cimeira da literatura universal, como algunhas das citadas.

Compartir el artículo

stats