Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emilio Xosé Insua: "As Irmandades apostaron por un modelo político federal"

Emilio Xosé Insua - ESCRITOR

Emilio Xosé Insua. FOTO: MIGUEL MUÑIZ

- As Irmandades da Fala xorden, en primeira instancia, pola decadencia do movemento rexionalista. Cales foron as causas desa decadencia e como, a seguir, xa se vén falar por primeira vez, e claramente, de que Galiza é unha nación?

-O rexionalismo da fin de século, liderado por Murguía e por Brañas, concedeu máis importancia á historia e á etnia como fundamentos da nación do que á lingua e foi incapaz de arraigar en sectores sociais distintos á minoría intelectual culta que facía parte das súas febles organizacións. As Irmandades colocan a lingua como elemento central da súa acción cívica e lánzanse a conquistar segmentos sociais diversos, ideoloxicamente moi plurais. O "salto" ao nacionalismo prodúcese no momento en que o catalanismo consegue un tímido autogoberno (a Mancomunitat) e a Primeira Guerra Mundial provoca o espertar político de moitas nacións que vivían baixo a férula dos vellos Imperios. As doutrinas sobre libre determinación dos pobos de Lenin na U.R.S.S. e os 14 puntos do presidente norteamericano Wilson ofrecen un marco no que as Irmandades sitúan claramente Galiza como suxeito que quere exercer ese dereito.

-No seu libro, Vde. subliña o papel fundamental que xogou Antón Vilar Ponte pero, como pioneiro das Irmandades, tamén figura Aurelio Ribalta. Gustaríame que nos falase de Ribalta e de cal veu ser o seu papel como un impulsor das Irmandades.

-Nos prolegómenos da fundación das Irmandades hai tres núcleos distintos que conflúen: o que encabezan os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, o núcleo rexionalista coruñés coñecido como "Cova Céltica" e o grupo promotor en Madrid da revista Estudios Gallegos, que dirixe Ribalta e na que aparece tamén como colaborador Porteiro Garea, futuro líder da Irmandade compostelá. Na crise de 1918, Ribalta non asume a definición nacionalista que adoptan as Irmandades e afástase delas. En herdo deixou, en todo caso, artigos moi lúcidos contra a marxinación dos idiomas distintos do castelán no ámbito oficial hispano e unhas diatribas moi atinadas contra o rancio supremacismo idiomático defendido pola Real Academia Española do seu tempo.

-Por que elixiron o 26 de abril, día de conmemoración dos fusilamentos de Carral, para presentarse no seu primeiro acto público?

-En realidade, logo da reunión constituínte da primeira Irmandade, o 18 de maio de 1916 na Coruña, a primeira actividade pública foi unha excursión a Elviña no verán dese ano, que contou coa presenza do poeta Ramón Cabanillas. Os actos irmandiños de homenaxe aos mártires de Carral son posteriores e cobrarán especial significado durante o período republicano, xa como Partido Galeguista.

-Cales foron as causas que propiciaron a ruptura rexistrada en 1922 (na asemblea de Monforte) e que propiciaron a fundación da Irmandade Nazonalista Galega, dirixida por Vicente Risco?

-Resumindo moito, tres: o carácter que debía ter o movemento nacionalista (selectivo e de persoas escolleitas ou multitudinario e aberto a persoas de toda índole); a conveniencia ou non de participar nas eleccións e nas institucións representativas do Estado (nunha época en que ambas estaban dominadas polo caciquismo); e, por último, a colaboración ou non con forzas políticas de ámbito ou obediencia estatal. O sector liderado por Risco defendía o carácter selectivo, o abstencionismo e a non colaboración, ao contrario do sector liderado por Peña Novo, concelleiro na Coruña e firme partidario da entente das Irmandades con republicanos e agraristas.

-Cando se fala das Irmandades, adóitase falar soamente de homes, pero houbo tamén mulleres que xogaron un papel importante, como demostra un recente estudo. Que mulleres "irmandiñas" destacaría Vde. polo papel desenvolvido?

-A única muller presente no acto constitutivo da Irmandade coruñesa, Micaela Chao Maciñeira, esposa de Antón Villar Ponte, encabezou en agosto de 1918 a creación dunha Sección Feminina nesa Irmandade. Esa Sección chegou a reunir máis de 200 afiliadas, entre elas moitas traballadoras cigarreiras. Entre as mulleres irmandiñas destacaron Carme Chao, irmá de Micaela, actriz amateur de grande talento nas representacións do Conservatorio Nazonal da Irmandade herculina; María Miramontes, futura esposa de Ánxel Casal e artífice en boa medida da editora Nós; Elvira Bao Maceira, mestra e activista republicana; Coroa González, que figura entre as pioneiras do xornalismo galego feminino dado que exerceu como articulista no xornal A Nosa Terra nos anos 20? As Irmandades figuran entre as primeiras entidades cívicas galegas que tanto nos seus Estatutos como nas súas reivindicacións incluíron desde o primeiro minuto a "igualdade absoluta, política e civil, da muller co home", como se recolle nas conclusións da 2ª Asemblea (1919).

-Houbo, por parte das Irmandades, algún proxecto de normativización e/ou uniformización ortográfica da lingua galega escrita?

-Figuras como Xoán Vicente Viqueira propuxeron a adopción da escrita etimolóxica e o achegamento ao portugués, mentres Lugrís Freire publicou en 1921 unha Gramática do idioma galego que non contemplaba esas orientacións. Así pois, o debate normativo e a polémica sobre o achegamento ou afastamento a respecto do portugués xa estiveron presentes daquela. En todo caso, ao aumentaren notoriamente o cultivo escrito e culto do galego, no libro, na prensa, na tribuna, etc., as Irmandades representaron un salto adiante moi significativo no proceso de estandarización.

-Visto coa perspectiva que dá o centenario, a "conversión" das Irmandades no Partido Galeguista foi un erro ou un acerto?

-Non resulta doado contestar a pregunta formulada neses termos. Tal vez máis que de erro ou de acerto haxa que falar dunha decisión, a de converterse nun partido político, que xa se contemplaba implicitamente desde o inicio do movemento. A existencia de entidades de tipo cultural e investigador como o Seminario de Estudos Galegos "descargaba", se así pode dicirse, desa responsabilidade e o contexto político que rodea o nacemento do PG, cunha República acabada de proclamar, animaba a ter ferramentas políticas para tentar avanzar no autogoberno. Sen esa conversión final das Irmandades en PG, unha parte importantísima da súa actuación ficaría truncada e grandes achegas do seu discurso sobre o ser e o deber ser de Galiza carecerían de incidencia na esfera da xestión pública. En grande medida, o deseño político e institucional da Galiza de hoxe responde ás demandas e estratexias formuladas no seu día polo PG.

-Nalgún momento debateuse no seo das Irmandades a cuestión da independencia de Galiza ao respecto do Estado español?

-Houbo no seu seo unha corrente "arredista", representada por figuras como Ramón Villar Ponte, Fermín Penzol en Madrid, Fuco Gómez en Cuba ou a Sociedade Nazonalista Pondal en Arxentina, mais foi sempre moi minoritaria. A proposta irmandiña de reformulación da estrutura do Estado español xirou máis ben sobre modelos de descentralización de tipo federal ou confederal, que partisen do recoñecemento do seu carácter plurinacional e plurilingüístico.

Compartir el artículo

stats