Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Pérez Pena: "Os xornalistas galegos foron fundamentais na Transición"

Marcos Pérez Pena - XORNALISTA

O xornalista Marcos Pérez Pena.

- A prensa estatal, e tamén a de Euskadi e Cataluña, xogou un papel fundamental no proceso da Transición política. Tamén podemos afirmar que a prensa galega desenvolveu este papel ou a súa influencia, neste caso, foi menor?

-O papel da prensa galega foi tamén fundamental, pero diferente. En Galicia nin nacen novos medios nin desaparecen os anteriores, pero si se produce un aggiornamento nos xornais que existían previamente. Aínda que as cabeceiras galegas mantiñan posicións conservadoras (dende logo non eran de esquerdas), asumiron en xeral un compromiso coa necesidade de democratización e mesmo coa defensa do dereito de Galicia a contar cun Estatuto de Autonomía de igual nivel ao vasco e ao catalán. Non encabezaban a reivindicación, pero ían por diante da posición maioritaria na sociedade. É importante a chegada dunha nova xeración de propietarios, cunha mentalidade máis "moderna", pero a clave é o papel que xoga un numeroso grupo de xornalistas mozos, acabados de saír das facultades, e de posicións (estes si) esquerdistas e galeguistas, sobre todo porque asumiron posicións de gran responsabilidade nas seccións políticas, abríndoas ás novas forzas que viñan de ser legalizadas

-Naqueles primeiros comicios o nacionalismo, representado especialmente polo BNPG, non chegou a alcanzar sequera representación no Parlamento de Madrid. Sen embargo, a súa presenza nas rúas era moi patente. Foi o BNPG unha forza marxinada ou maltratada na prensa galega?

-Ese sector do nacionalismo tivo dende 1976 unha grande implantación social e unha militancia moi fiel e organizada. Sempre lle resultou doado mobilizar 10, 20 ou 30 mil persoas para un 25 de xullo. Porén, resultáballe moi difícil (e vólvelle pasar agora) ser permeable e atractivo para as persoas que están fóra dese círculo militante. Competía ademais no mesmo espazo electoral co PSG, primeiro, e con Unidade Galega e Esquerda Galega despois, formulacións do nacionalismo máis abertas, que facían unha mellor análise do país e que neses anos acadaron máis éxitos (por exemplo a alcaldía da Coruña con Domingos Merino). Non creo que o BNPG fose marxinado na prensa galega ao comezo. Porén, unha vez que o proceso da Transición se vai institucionalizando, os medios adoptan posicións máis conservadoras e o BNPG é sinalado como un partido á marxe do sistema, sobre todo pola súa relación co mundo abertzale.

-Quen tampouco saíron ben parados dos resultados electorais foron os do PCG. Como se explica isto dende o punto de vista da súa análise sobre a prensa galega daquela época?

-O PC era o gran partido da oposición ao réxime, o que reunía máis e mellores cadros. Por iso sorprende o seu cativo resultado nas primeiras eleccións e que o PSOE -que a comezos de 1976 practicamente non tiña militantes en Galicia- se convertese no gran referente da esquerda. O PCG non tiña unha cobertura negativa, dende logo tiña mellor tratamento que o que pode ter hoxe un partido extraparlamentario. Esa pluralidade (en ocasións caótica) é unha das características da prensa do momento. Pero as siglas comunistas producían temor nunha parte da poboación non politizada (como non o ía producir, se viñamos de 40 anos de propaganda anticomunista!) e o PSOE soubo aparecer como unha esquerda moderada, un cambio tranquilo. Hai que ter en conta ademais que os socialistas (e UCD e AP) gastaron na primeira campaña moitísimos máis cartos que o resto das candidaturas, tiñan moitos máis medios.

-Que condicións se daban en Galicia para que nas primeiras eleccións a daquela Alianza Popular fose masivamente votada mentres que no resto de España o voto da dereita decantábase pola UCD? A razón estriba soamente no, chamámoslle, Factor Fraga ou había algo máis?

-UCD era tamén en Galicia o partido máis votado (nas eleccións de 1977 obtivo máis do 50% dos votos e 20 escanos), pero si que é certo que AP obtiña aquí os seus mellores resultados. A influencia de Fraga pode explicar isto en parte, pero tamén o carácter conservador do voto dun sector da sociedade galega daquel momento. AP era a máis pura representante do franquismo sociolóxico, certas lealdades eran moi firmes e unha parte da poboación optaba por un discurso máis inmobilista no canto da proposta máis "anovada" de UCD, impulsada por grupos que si souberon ver a necesidade de "reformarse" para manteren o seu poder.

-Houbo cáseque unanimidade na prensa galega á hora de denunciar a "aldraxe" daquel primeiro borrador do Estatuto de Autonomía. En qué claves se baseou esta unanimidade?

-Esa unanimidade debemos agradecerlla ao traballo conxunto dun grupo de políticos (principalmente de UG, PCG e o sector galeguista do PsdeG) e de xornalistas, que durante meses foron enxalzando as vantaxes dun autogoberno que en realidade non era unha demanda maioritaria da sociedade galega (como si o era en Cataluña ou Euskadi). Cando UCD e PSOE acordan limitar a autonomía real a eses dous territorios, empregando a Galicia e Andalucía como tapóns (as primeiras rexións cun estatuto de segunda), estes sectores moi mobilizados actúan con rapidez e os xornalistas máis comprometidos danlle voz a esta reivindicación. O resultado: decenas de milleiros de persoas na rúa, cunha idea moi vaga de que lles estaban a roubar algo ao que tiñan dereito, e portadas e editoriais moi rotundos en moitos xornais galegos (fronte a unha prensa madrileña que si defendía o recorte competencial).

-Afirma Vde. que, malia as presións das vellas estruturas da ditadura, os xornalistas galegos eran máis autónomos, máis ceibes, tanto para incluír certas información como para opinar sobre o que estaba acontecendo durante a Transición que agora mesmo. Que faciltou esa maior liberdade?

-Nun momento de grande incerteza, os profesionais tiñan máis autonomía á hora de escoller temas e voces, definindo deste xeito a liña editorial. Isto é así ata o ano 1980, cando os propietarios das cabeceiras comezan a marcar unha posición menos "xenerosa" coas forzas minoritarias (á esquerda do PSOE), máis conservadora no social e centralista no territorial e, en xeral, máis próxima ao poder. As crónicas políticas, ata ese momento realizadas por xornalistas claramente de esquerdas, cambian de autor. Os anos seguintes acentuaron esta tendencia.

-Estes últimos meses fálase da capacidade de diálogo e negociación que tiñan os políticos da Transición, malia as súas tremendas diferenzas ideoloxicas, fronte aos de agora mesmo, algúns dos cales ata se negan a falaren entre eles. Esta afirmación é fundamentada ou deixámonos levar pola nostalxia?

-A Transición é en si mesma un pacto entre partidos, pero sobre todo entre sectores sociais. Un acordo polo que os grupos sobre os que se asentaba a ditadura aceptan un sistema democrático e unha descentralización territorial do poder político. E no que a oposición ao franquismo aceptaba ceder nalgunhas das súas reivindicacións históricas e, ademais, permitir que o novo réxime mantivese boa parte das súas vellas elites (económicas, militares...). Todos cederon, aínda que habería que ver quen cedeu máis. Non sei se un momento así, no que viñamos de saír dunha ditadura, é comparable co actual.

-Cando se pode decir que a Transición en Galicia quedou rematada (Vde. remata o libro en1980), pero hai quen opina que aínda non rematou)?

-Pecho a investigación coas primeiras eleccións ao Parlamento galego porque nese momento se inicia un poder autonómico que establece unha nova relación cos medios. Aínda que hai procesos dentro da Transición que se adentran na década dos 80 (uns anos dos que se fala moi pouco e que foron socialmente moi interesantes), o período entre 1975 e 1982 ten unhas características que permiten estudalo como un conxunto. Outra cousa é que haxa debates que se pecharon en falso nese momento e que regresaron ao primeiro plano trinta anos máis tarde, nun marco de crise económica e de frustración polo incumprimento dun certo pacto fundacional.

Compartir el artículo

stats