Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poesía e arte do desarraigo

No centenario de Lorenzo Varela

Momento na traxectoria vital e literaria de Lorenzo Varela.

O pasado 10 de agosto cumpríronse cen anos do nacemento de Lorenzo Varela (A Habana, 1916-Madrid,1978), un poeta que compendia no seu decorrer humano e intelectual os dous conceptos chave que teñen o desarraigo como substancia fundamental, "emigración" e "exilio", que son absolutamente indisociábeis da súa actividade intelectual.

Lorenzo Varela formouse no galeguismo e no marxismo dos anos trinta e na cultura republicana que ten nas Misiones Pedagógicas, -nas que participou intensamente na súa fase final-, un dos máis representativos proxectos. Foi membro activo do máis salientábel da intelectualidade fiel á República, traballando durante os anos da guerra na Alianza de Escritores Antifascistas, en Hora de España, nas publicacións poéticas de combate, revistas e follas que se repartían nas frontes e na retagarda, ao tempo que ocupaba o posto de comisario político, loitando ao lado dos seus camaradas comunistas.

No exilio levou a cabo unha obra poética bilingüe, con dous libros de poemas en castelán Elegías españolas (1940) e Torres de amor (1942), obras marcadas pola pegada da xeración do 27 e centradas tematicamente nas vivencias da Guerra Civil e na ausencia e saudade que provoca o afastamento da Terra.

Nos anos seguintes, co estímulo de Luís Seoane, incorporouse á literatura galega, sendo a súa poesía do máis representativo da produción poética do noso exilio, á que Lorenzo Varela achegou unha obra de grande calidade formal, chea de lirismo e cun rexo compromiso cívico. Publicou, daquela, os dous libros que foron a súa achega fundamental ás letras galegas: en 1944 os Catro poemas galegos, que ilustraban a carpeta de gravados de Luís Seoane María Pita e tres retratos medioevales, e en 1954 Lonxe, a súa obra máis importante en galego.

A poesía de Lorenzo Varela é, pois, unha poesía desde o desterro e sobre o desterro e pode situarse no ronsel da tradición ovidiana, unha tradición da que, como lembra Claudio Guillén, Ovidio sería o heroe e o exemplo máis ilustre, para toda a cultura occidental dunha resposta poética ao desterro que se constituirá ao longo dos séculos en "el arquetipo de un segundo talante, que, dicho sea con toda sencillez, vendrá a ser lo opuesto a la actitud cínico-estoica: una sensibilidad afligida, negativa, centrada en la protesta, la nostalgia y la lamentación". Retirado calquera trazo pexorativo que desta cita se poida inferir, a obra literaria de Lorenzo Varela encaixa dentro desta tendencia, que ten na literatura occidental ilustres precursores.

Ao poeta de Monterroso, desde o exilio, todo o leva á Terra, ese "lonxe" onde fica a memoria dos lugares e vivencias perdidos. As imaxes de Varela trasládannos nunha espiral constante ás terras da súa infancia e mocidade: o Lugo recreado na distancia en Lonxe e sempre na memoria. Pero non só é Galiza o obxecto da memoria saudosa, tamén o son as terras da España republicana onde viviu as súas experiencias bélicas, que na súa obra agroman con marcado ton elexíaco posuíndo moitas das características temáticas da poesía de combate que se facía no bando republicano: a dignificación do traballo manual; a relación directa entre o home e os traballos que realiza; o retorno da humanidade á terra, cantada como unha nai.

As orixes son, xa que logo, a necesidade fundadora do poeta. A intensidade expresada nos temas ligados ao exilio, porén, afasta a Varela quer da retórica da saudade -tan de moda na Galiza da posguerra-, quer da angustia existencial, igualmente en voga, porque o que caracteriza a súa poesía é a profunda intensidade do sentimento e da expresión intensa e auténtica das vivencias, lonxe de calquera retórica baleira.

Artes plásticas e poemas

  • Un dos aspectos que máis chama a atención na produción poética de Lorenzo Varela é a omnipresenza das artes plásticas nas diferentes facetas da súa obra.Primeiramente, pódese salientar a pegada na súa obra poética dos temas artísticos, presenza constante dos seus traballos líricos, até o punto que dificilmente podemos considerar este labor como puramente circunstancial, ben pola contra, é para o noso poeta motivo central, cos numerosos poemas dedicados a creadores como Luís Seoane, Pablo Picasso, Laxeiro, os escultores arxentinos Luis Falcini e José Alonso, o fotografo Horacio Cóppola ou o pintor Carybé, neles sempre aparece a visión social e estética do poeta, lonxe de calquera tratamento simplemente circunstancial do tema ou da figura artística.Outro aspecto a destacar é que o noso utilizou a súa poesía para "ilustrar" obras plásticas; concretamente é o caso dos ben coñecidos Catro poemas pra catro grabados, que en 1944 serviron de complemento ao álbum María Pita e tres retratos medioevales. Neles a conexión poeta-gravador vai máis alá da relación convencional, establecéndose unha auténtica simbiose entre poema e gravado; mesmo cando a relación poeta-ilustrador é a contraria, isto é, cando o pintor ilustra os poemas do escritor, a especial identificación de Varela e Seoane ofrece froitos tan plenos como o do coñecido poema "Emigrante" de Lonxe. Este emigrante anónimo, vítima dunha historia dirixida por outros, é un home cheo de confusión, desnortado e medroso, mais tamén, como é característico na poesía do noso autor, este home non é un simple alienado, senón que é consciente da súa situación e cunha fonda saudade das vivencias da terra deixadas alén mar.Seoane e Varela fan explícitas as miserias sociais e permiten agroman as cicatrices da sociedade do seu tempo, convertendo os retratos en espellos, con seres humanos rotos, perdidos nas metrópoles, desenraizados das súas comunidades rurais, coa perda de identidade que resulta diso, e co consecuente desequilibrio psicolóxico. Seoane e Varela, escavan intensamente a madeira e a palabra e imprimen nela a interrogación, a dúbida do ser anónimo e indefenso, co degoro de xustiza e o ideal permanente dunha identificación coa Terra, coa esperanza de achar definitivamente un lugar e un destino no mundo.

Compartir el artículo

stats