Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Los suplementos de FARO

FARO DA CULTURACon ventos de prata

Bal y Gay: retrato dun pianista de nós

FARO DA CULTURACon ventos de prata

O presidente Lázaro Cárdenas abriu as portas e os cancelos todos para acoller os exiliados da Guerra Civil. México converteuse entón nun lugar de encontro de mans e mentes lúcidas que Atila quería pulverizar. Lembro as cartas de Carlos Velo, cineasta galego exiliado no país azteca, traballando a eito para sacar os nosos paisanos dos campos de concentración levantados en Francia. E hoxe observo as portas pechadas de Europa mentres no Mediterráneo se ergue unha illa de corpos defuntos "deformes pola dor". Acaso perdemos a memoria e o sentir humano?

Unha música de fondo acompaña esta lembranza. Trátase da Petit suite: II, poco adagio, molto espressivo, de Rosa García Ascot e interpretada pola viguesa Paula Ríos, que vén de presentar Viento de plata (2016). Este CD trae consigo as obras para piano da citada García Ascot (discípula de Manuel de Falla e alumna de Enrique Granados) e do seu home, Xesús Bal y Gay. O título, como algúns recoñecerán polo seu aroma lírico, é un verso de Federico García Lorca, o escritor que nos deixou seis poemas en lingua galega coma seis camelias brancas a lucir na noite. A escolla bautismal explícase pola amizade trabada entre o matrimonio e o poeta nos anos da Residencia de Estudantes.

Sóubose de Bal y Gay, entre outras razóns, polo ensaio que este lucense fixera de Chopin, publicado en México en 1959 e con varias edicións posteriores. Coincide que Paula Ríos tamén é unha gran coñecedora e intérprete do músico polaco. Un punto de encontro entre ambos que agora se amplía ao interesarse ela pola obra inédita del. Así, como resultado da investigación, exhumou algunhas composicións inéditas do matrimonio que felizmente están a disposición de quen queira ouvir.

Bal y Gay foi un vangardista ligado á renovación estética galega. Dende Lugo, ao carón doutros amigos (Evaristo Correa Calderón, Álvaro Cebreiro, Luís Pimentel etc.), presentaron as súas ideas arredor da cultura galega en artigos e revistas, incluso en medios propios como foi o caso de Ronsel. A fraga amurallada converteuse nun pórtico dos novos conceptos culturais.

O músico protagonizou un vivo debate verbo da música galega e o concepto da mesma dende os postulados nacionalistas. En certa maneira a monografía Hacia el ballet gallego explícase dentro deste contexto. Non hai vangarda sen tradición. En 1927, dende as páxinas do vigués El Pueblo Gallego fala da "nova xeración" referíndose á del mesmo e que hoxe podemos chamar Xeración de Vangardas, como propón Xulio Pardo de Neyra, ou Xeración de 1925, como emprega Ferrín. Estes artigos explicitan os propósitos e os trazos que distinguen ao seu grupo.

A súa estadía en Madrid (1925-1933), onde viviu todo o ambiente da Residencia de Estudiantes, fíxoo afastarse un chisco de Galiza. Emporiso percorreu durante cinco anos, con Eduardo Martínez Torner, aldeas e barretes para rexistrar as nosas cantigas populares. O resultado foi o Cancionero gallego (1973), un libro central para coñecermos a antropoloxía galega.

A vida no exilio reparoulle outras oportunidades, como amizar con Igor Stravinski, e desenvolver unha exitosa carreira investigadora no ámbito musical e con espazo para a composición. En 1965 regresaría a Madrid e levaría unha vida retirada da esfera pública. Alí viviu até a súa morte. Dez anos despois falecería García Ascot.

Bal y Gay continúa a ser unha pantasma en Galiza malia os esforzos feitos por investigadores como Carlos Villanueva, coordinador do groso catálogo (656 pp.) titulado Tientos y silencios (2005). A saída deste CD coa súa obra musical (que inclúe as Seis pezas para canto e piano encol das verbas de Amado Carballo) ofrece unha nova oportunidade para achegarnos á súa creación artística e tamén á súa persoa. Interesarnos por quen pensaron e idearon unha arte de vangardas mantendo os pés na propia terra.

Pola contra, sorpréndenos que non se organicen actos e concertos co gallo da saída deste traballo de Paula Ríos, un disco que contou co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Parece que logo da gravación ninguén se lembrou que igual de importante é a difusión en centros musicais e incluso educativos. Porque a arte haina que coidar e promover dende a infancia; a música haina que saber escoitar dende cativos.

A cultura e a educación cómpre cultivalas como a rosa branca no poema de Martí. Esas son as columnas sobre as cales soster a nosa futura sociedade. Precisamente, por ese motivo loitan en Oaxaca.

Compartir el artículo

stats