Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte para tocarmos

Do fascinio do hiperreal

Muller postrada (2015), de Sam Jinks.

Que é o que fai que sexa o hiperrealismo tan popular e emocionante para a xente? Que ve o espectador nunha obra hiperrealista para sentirse tan fascinado? Por que é o hiperrealismo (seguido do surrealismo, que mestura un preciso realismo salpimentado de imaxinación) o movemento artístico que máis interese suscita no público? Ocórresenme varias respostas: a xente taxa o valor da obra artística na súa dificuldade técnica e no conseguinte virtuosismo da súa execución. Os espectadores, por outra banda, están cansos e horrorizados de tanta arte contemporánea que nin entenden nin lles interesa, porque se basea en presupostostos intelectuais e culturais alleos a eles. Obras que, ademais, no canto de pareceren feitas por unha crianza, segundo o sentir xeral, contropoñen e esixen unha grandísima destreza técnica. E, en fin, é maioritaria a opinión daqueles que pensan que toda a arte contemporánea é un timo, un calote ao que contrapoñen esta hiperrealidade que se pode tocar. Fronte a ese estado de opinión xeral, o máis doado sería pensar que o pobo é inculto e gregario, pero non cabe dúbida de que hai parte de certo en todo iso. Ocórreseme pensar nestas cousas porque ao redor meu, e nesta visita á sala BBK do Museo, hai moita xente que, xaora, está moi excitada e atenta perante estas esculturas hiperreais. E non, non é estraño que, tal como o gabinete de prensa do museo lembraba aos medios, "en a penas 37 días de exhibición houbo xa 81.604 visitantes, cifra que fai deste verán, o de maior afluencia de público da historia do museo." Así que, de aquí deica á clausura da mostra, o museo mesmo abrirá os martes, día que adoita pechar por descanso semanal. Non hai mellor xeito, pois, que programar unha exposición destas para que as cifras de visitantes e mais as contas dos museos medren ao final do ano acadando cifras de vertixe.

Así que, ao cabo, aí están todos eses artistas hiperrealistas que suscitan tanta paixón na cidadanía e que, en España, por exemplo, terían en Antonio López o seu nome de referencia. Nesta mostra non está López, pero en cambio están algúns dos máis recoñecidos escultores do hiperrealismo internacional con pioneiros como o norteamericano George Segal (autor do célebre conxunto escultórico que en Manhattan celebra o movemento gay, iniciado no pub Stonewall). Este artista cubría o corpo dos modelos con vendaxes de xeso de onde logo xurdía o molde do corpo, mais agora os máis afamados hiperrealistas da actualidade xa traballan con fibra de vidro, resinas, gomas, siliconas, cabelo natural, etc e conseguen que estas esculturas semellen clons de humans cuxas peles e epidermes pasan a ser máis "reais" que a propia realidade. De aí que mesmo os visitantes menos devotos do movemento hiperrealista fiquemos pampos achegándonos no límite do permitido polos gardas do museo a eses seres cuxa perfección supera con creces a da propia vida, sempre máis etérea, desefoncada e mutábel. Poden imaxinar o fascínio deses visitantes que rexistraban nos seus móbiles todas as obras e eu tamén mesmo a piques estiven de facer igual, pero encadrando as esculturas coas persoas que fotografaban esas pezas, para comprobar logo no documento fotográfico cal das representacións era máis real se a escultura ou o espectador que a contemplaba.

Título: Escultura hiperrealista, 1973-2016.

Comisario: Otto Letze.

Lugar: Museo de Belas Artes de Bilbao. Datas: Até o 26 de setembro de 2016.

Todos os gustos

  • Un non pode deixar de admirar o prodixio destas esculturas, pero a min asaltábame todo o tempo a dúbida de se estas obras non serían máis acaídas para seren expostas nun museo de historia natural ou como pezas dun set de efectos especiais para a rodaxe nun plató cinematográfico, máis que para un museo de artes plásticas. Consigno aquí as miñas incertezas que non son en ningún caso certidumes. Con todo, as obras máis interesantes, desde o meu punto de vista, eran aquelas nas que a realidade contiña algo de irreal, o que aínda desacougaba máis, por exemplo cando a escala era manifestamente distinta: velaí o pai morto e nu do arquifamoso artista australiano Ron Mueck, quen converte o seu vello nun ser tan realista como incriblemente mínimo na súa escala. Ou cando a realidade do corpo se mestura cun aquel de deformidade que fai a vida paradoxal e fronteiriza, penso nunha peza, para min emocionante, da belga Berlinde de Bruyckere dun corpo inerte no chan, entre persoa e animal de matadoiro, pero que, a xulgar pola escasa atención que xeraba no público, resultaba completamente prescindíbel. Igual que pasaba desapercibida a perniña dunha crianza que xurdía a rentes do zócolo e que aos coñecedores da obra do norteamericano Robert Gober nos resultan sempre emocionante, polas súas connotacións ideolóxicas, sociais, etc.Mais o hit parade do público era outro. Sen ningún xénero de dúbidas, dúas obras de extraordinario hiperrealismo facían as delicias dos visitantes. Por unha banda, estaban esas catro peañas de superficie de cristal sobre as que sentaba espida en catro variantes de pousado unha muller que amosaba a súa pube aberta e detallada, obra do estadounidense John DeAndrea. E compartindo admiración e pódium, un retrato onde a vellez, representada por unha fráxil dama, leva no seu colo a cativa criaturiña que foi, unha tenra e metafórica obra do australiano Sam Jinks.

Compartir el artículo

stats