Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En tempo de transición

Un país para a crónica das Luces

Porta do Arsenal de Ferrol.

Na Galicia do Século das Luces a actividade económica manifesta un gran dinamismo, relacionado cun forte proceso industrializador que, malia todo, non chega transformar a estrutura económica galega, que se manterá moi vinculada á terra; así mesmo, o século das Luces coincide cun momento de intenso dinamismo científico e cultura asociado as elites ilustradas.

O dinamismo da sociedade galega do século XVIII vaise manifestar, fundamentalmente, no litoral, grazas ao desenvolvemento económico das vilas mariñeiras, e nas principais vilas do país: Ferrol, Santiago de Compostela e A Coruña, aínda que tamén se percibirá noutras áreas do país.

Efectivamente, será neses lugares nos que se concentren as novas actividades económicas vinculadas tanto ao sector téxtil (fábrica de sombreiros da Coruña, fábrica de tecidos de Pontevedra, que coexistían con formas de explotación de tipo doméstico e familiar) e aos curtidos, sobre todo nos núcleos de Allariz, Noia e Santiago de Compostela, como ao sector pesqueiro, sobre todo como consecuencia da irrupcións dos cataláns, que introduciron novas técnicas de pesca (xábega) e de conservación (salga), así como o traballo asalariado e a comercialización a gran escala, e o siderúrxico (proxecto industrial de Antonio Raimundo Ibáñez, que fundou unha industria siderúrxica que había de abastecer ao exército e máis unha industria de cerámica, que coexistiu con ferrerías tradicionais de carácter artesanal). Un último foco de industrialización estivo centrado no Arsenal de Ferrol, que mantivo unha intensa actividade naval no período 1752-1778 pero que axiña entrou en declive.

Non obstante, malia ese importante agromar industrializador e comercial (dende 1764 o porto da Coruña obtén o privilexio de comerciar directamente con América), a estrutura da sociedade galega seguiu a xirar arredor da terra, polo que un dos conflitos máis comúns ao longo deste século foi a afirmación da titularidade da terra, que enfrontou ao campesiñado coa fidalguía e o clero, unha situación agravada coa cuestión dos "despoxos", iniciada no momento en que os mosteiros quixeron recuperar as terras que cederan á fidalguía para cedela a quen quixesen e que foi recorrente nas nosas terras até 1763, data na que unha Provisión inauguraba unha nova etapa no sistema foral que aseguraba á fidalguía o mantemento das súas rendas forais e concedía aos labregos o dominio útil da terra a cambio dunha renda. A consecuencia desa Provisión foi nefasta para o desenvolvemento industrial e comercial de Galicia: os grupos sociais urbanos, vinculados ás actividades comerciais e industriais, acabaron dirixindo cara á terra moitos dos seus capitais, polo que se reducía a capacidade de reinvestimento do capital na produción industrial.

No ámbito administrativo, o máis salientable do século XVIII foi o xurdimento dunha nova institución política: a Intendencia Xeral de Galicia, creada en 1712 para satisfacer funcións militares (recrutamento de levas, abastecemento...) e económicas (recadación de impostos...), polo que as súas atribucións entraron en conflito coas que xa tiñan atribuídas as institución que procedían da época dos Austrias. As tensións que xurdiron entre as institucións da Coroa en Galicia resolvéronse ao atribuírlle aos corrixidores a función policial e xudicial e aos intendentes a facenda e a defensa.

O Século das Luces foi, daquela, unha época de contradicións: sociedade industrial e urbana comezaba agromar mentres que a vella sociedade rural, sobre a que repousaba a fidalguía e o clero, non só non acababa de morrer, senón que seguía a ser atractiva para os novos axentes económicos. Neste sentido, o século XVIII é un século de transición á modernidade.

Ferver de ilustrados

  • A Ilustración en Galicia irrompeu con gran dinamismo e vizosidade na segunda metade do século XVIII, manifestándose tanto na actividade intelectual dos numerosos ilustrados galegos, que se centraron no estudo do sector agrario galego, na formulación de proxectos industriais que servisen para dinamizar a actividade económica e na situación do galego e da cultura en Galicia, como na creación de novas institucións dedicadas ao estudo e á investigación, entre as que cómpre salientar a Academia de Agricultura do Reino de Galicia, o Real Consulado do Mar da Coruña e as Sociedades Económicas de Amigos do País.Os principais ilustrados galegos foron: Xerónimo Feixóo, Martiño Sarmiento, Xosé Cornide Saavedra, Pedro Antonio Sánchez ou Lucas Labrada; non obstante, malia que todos coincidían no obxecto das súas inquedanzas (Galicia), mantiñan posturas ideolóxicas distintas e mesmo contraditorias, que ían dende o conservadorismo de Sarmiento até o reformismo de Cornide Saavedra e as actitudes liberais de Lucas Labrada.Neste século, ademais, conviven algunhas das máximas expresións do barroco, polo xeral asociado coa arquitectura relixiosa (fachada do Obradoiro), co neoclasicismo, que atopa a súa mellor expresión no Pazo de Raxoi, na fachada da catedral de Lugo e no proxecto urbano de Ferrol.

Compartir el artículo

stats