Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mil anos de comercio en Vigo

A comunicación marítima no VERBUM

Vitrina cunha das pezas que foron achadas no propio Vigo. // FOTOS: RICARDO GROBAS

A mostra Emporium. Mil anos de comercio en Vigo, que presenta o VERBUM. Casa das Palabras, constitúe unha das propostas expositivas máis interesantes entre as que se celebraron e celebran este ano a respecto do patrimonio artístico e histórico galego. Trátase dun proxecto deseñado para amosar un amplo abano da evolución da importancia do comercio na historia de Vigo e da súa contorna desde a prehistoria até comezos do século VIII, cando a presenza árabe no mediterraneo e na Península Ibérica rompe o fluxo de comunicación que se mantiña activo entre a área de Vigo e os contextos culturais atlánticos e orientais.

En conxunto, nas distintas seccións, podemos asistir ás relacións culturais e materiais dos pobos da idade do bronce coas culturas atlánticas; á primeira presenza de comerciantes mediterráneos -fenicios- na antiga Galiza; máis tarde á romanización e o seu impacto sobre a cultura castrexa e finalmente á penetración do cristianismo durante o período baixoimperial, consolidada xa na época do reino suevo de Galiza.

Particular interese ten a presenza na mostra de abondoso material na súa maioría nunca exposto, achado no propio Vigo (Areal, Alcabre, Toralla) e na ría, e que permite valorizar a importancia da nosa contorna no comercio marítimo antigo e na chegada de innovación estéticas e ideolóxicas. Restos púnicos, cerámicas romanas de importación ou autóctonas -por certo magnificamente expostas-, dan unha idea do rico mundo galego da antigüidade, en que a fusión de elementos indíxenas e influencias externas deu lugar a unha cultura sincrética enormemente singular que mantiña contactos con territorios tan afastados como o Báltico ou o Mediterráneo oriental.

As diferentes áreas da exposición están dedicadas á antigüidade -desde a idade do bronce até a cristianización de Galiza-. A mostra concentra un número ben notábel de atractivas sorpresas, na súa maioría fornecidas por escavacións recentes, entre as que se se insiren pezas achadas non moi lonxe do lugar onde agora se encontra a exposición como a illa de Toralla ou o castro da Punta do Muíño do Vento (Alcabre), este último onde hai restos dun castro e dun templo púnico. Entre o material fenicio salientan os cipos do Castro de Toralla, do século V. a. C., que constitúen un dos documentos arqueolóxicos máis importantes para evidenciar a presenza de comunidades púnicas nos lugares de contacto comercial e cultural. Fan parte dun mundo de crenzas alleas ás comunidades que moraban no noso territorio e representaban a presenza dunha divindade a xeito de altares. En Galiza soamente foron atopados na Ría de Vigo.

Obxectos expostos na mostra do VERBUM.

Entre o material romano hai abundantísima representación de ánforas que documentan a realidade dun Vigo romano con intensa vida comercial, con relacións privilexiadas con Braga e o norte de África, mais tamén con obradoiros propios de cerámica e vidro. Desde o punto de vista estético cómpre sublinar varias xoias de vidro negro e, sobretodo, a crátera policromada da villa de Toralla, obra tardorromana -quizais do século IV ou comezos do V e dun obradoiro de Braga- que foi reconstruída e que presenta, nos seus abondosos fragmentos orixinais, unha atractiva policromía e motivos mitolóxicos como un centauro, aves -tipo paspallás- e vexetación variada.

As pezas da etapa de cristianización tamén nos ofrecen sorpresas de grande interese, salientando sobre todas o fragmento dunha cruz visigoda que procede da igrexa prerrománica excavada nos últimos anos no Areal, unha peza que presenta fortes analoxías coa cruz do tesouro de Torredonjimeno (Xaén), conservada no Museo Arqueolóxico de Barcelona. Estamos perante unha obra de grande calidade, do século VII, que acrecenta o seu valor rodeada de pequenos anacos cerámicos con motivos figurativos e con cruces, froito do mesmo contexto arqueolóxico -a devandita igrexa do Areal-, e moi representativos das formas estéticas do período xermánico.

Tamén de época cristiá son os ungüentarios (séculos VI-VII d. C.), sobranceando o xa coñecido e excepcional achado no túnel do Areal; trátase dunha pequena anforiña destinada a conter óleos que se amosa acompañada de fragmentos doutros exemplares atopados na cidade. Son pezas de orixe bizantina e que na vertente atlántica europea apenas apareceron entre nós.

Título: Emporium. Mil anos de comercio en Vigo. Comisarios: Pilar Barciela Garrido e Adolfo Fernández Fernández. Local: Verbum. Casa das Palabras, Avenida de Samil, Vigo. Até o 28 de maio de 2017.

Unha atractiva montaxe

  • Non quixera deixar de subliñar que esta mostra, comisariada por Pilar Barciela Garrido e Adolfo Fernández Fernández e coordinada por Andrea Serodio Domínguez, é probabelmente o proxecto máis interesante e mellor resolto desenvolvido até agora no espazo do Verbum. Hai nel un sólido argumento expositivo, unha idea clara do que se quere ofrecer e unha montaxe atractiva e ben enfiada. Semella tamén haber un orzamento digno, algo absolutamente imprescindíbel para poder levar adiante proxectos expositivos de certa relevancia.

Compartir el artículo

stats