Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Co clan dos Eriksson

Anacos de realismo ameno

Co clan dos Eriksson

Con Cabeza de can dámoslle a benvida ao que César Lorenzo Gil denominou a revolución de todas as cores de Rinoceronte, esta colección 'Nova' na que o selo cangués recollerá títulos dos séculos XX e XXI e que xa se presenta con traxe diferente, unha capa de cores alegres deseñada por Ana E. Tenorio.

Segue a editora achegándonos corpus literarios afastados e dos que tan bos produtos nos traen. Neste caso a obra vén precedida por un grande éxito de público en Dinamarca onde no ano 2005 obtivo, ademais, os tres galardóns literarios máis importantes do país escandinavo. Isto converteu o autor, o escritor Morten Ramsland (Copenhague, 1971) nunha das grandes promesas da literatura nórdica cun estilo que a crítica cualificou como "realismo grotesco" fronte ao "realismo máxico" de Gabriel García Márquez.

Todo comeza nunha chaira na que o avó da voz narradora en primeira persoa, Askild Eriksson, xunto cun compañeiro, están fuxindo do campo de concentración de Sachsenhausen perseguidos por sabuxos e mentres el se salva o outro falece cruelmente. A partir dese momento imos ao pasado de personaxes que aínda non se coñecen, aínda non namoraron nin tiveron os fillos e netos que formarán o clan dos Eriksson, cuxos proxenitores teñen a súa base real na familia do autor.

Non hai protagonistas, mesmo tardaremos moito en identificar ese narrador que non é outro que Asger, o neto de Askild, e que volve á casa na actualidade ante a proximidade da morte da súa avoa Bjork, fonte das historias familiares. Entre eles ao longo de varias xeracións mastigan traxedias familiares que non atravesan a porta coa naturalidade do cotián endogámico e asemade nos amosan como foron as cousas nesa Europa do norte tan allea a nós. As personaxes esváense no clan que é o importante, de tal xeito que desaparecen os nomes para lles ceder o paso aos alcumes Orellas, Caratouciño, Prosma, Cabezamazá... e chegaremos a perder a noción de a quen lle están a pasar as cousas. Entre saltos continuos entre o pasado e o presente imos completando o crebacabezas dos Eriksson, dos fillos, curmáns, tíos... e dos seus "curiosos" comportamentos que nos fan participar das súas miserias conseguindo a nosa empatía e, ao rematar, as ganas de ter gozado de máis das súas anécdotas.

Só se salva algo desa desfiguración o avó, que do mesmo xeito que reduce co xeometrismo a historia familiar aos seus cadros cubistas, así reduce as caras da realidade desfacéndose da carauta de heroe para ir caendo ata o ridículo. E nese momento entra en xogo o humor, por veces acedo, que actúa de fío narrativo e nos engancha dunha historia a outra.

Cabeza de can é o teu libro se andas detrás dunha narrativa fresca, áxil e amena para este verán.

RAMSLAND, Morten: Cabeza de can. Ed. Rinoceronte, Cangas, 2016, PVP. 22, 50 ?

Compartir el artículo

stats