Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cancións para a hora do vermú

Botando vivas pola música de verbena

Sechu y Los Invisibles no escenario.

Linho do Cuco vén de publicar novo traballo esta primavera. Viva Viva! (Discos da Máquina, 2016) é o cuarto disco dos dezaos e foi presentado o pasado 25 de xuño no Teatro Principal da Estrada, coa compaña da banda de música da vila. Porén, non foi a primeira vez que o grupo defendeu ao vivo as novas cancións pois xa houbera ocasión de escoitalas en senllos concertos que Linho de Cuco dera a mediados do mes de xuño no seu Lalín natal e mais en Vilar de Santos, na Arca da Noe, local imprescindible para a comarca da Limia e flamante gañador do premio Organistrum ao mellor local de música ao vivo nos premios Martín Códax da música galega deste ano.

A formación leva mutado moito nos vinte anos que separan a aparición deste cuarto traballo dos seus comezos, como cuarteto de gaitas na última década do século XX. Na actualidade son nove os músicos sobre o escenario e á instrumentación propia dun cuarteto tradicional uníronse zanfona ou acordeón diatónico mais tamén tuba e oboe para os transformar -nas súas propias palabras- nunha orquestina galega underground que segue a se fornecer da tradición galega para crear novas músicas que, e tamén segundo eles, están exentas de nostalxia e de lousa ningunha sobre a conciencia do herdado. O que si se pode atopar en Viva, viva! é o arrecendo do día da festa, do fogueteiro prendendo as bombas co seu pito e das crianzas a rebuliren no torreiro mentres os maiores comen no polbo. Isto non é novidade nos Linho do Cuco pois xa nos seus anteriores discos: Linho do Cuco, a súa estrea no 2004, 3 do 2009 e mais As alegrías, publicado no 2013, podiamos degustar esa querencia pola música de bandas, con tanto arraigo no Deza.

Este novo disco segue a nos transportar até un palco calquera, na hora do vermú, coas parellas bailando cerimoniosas o agarrado. Mais non se trata dunha viaxe no tempo, os nosos bailaríns para a ocasión visten roupaxes modernas e botan unha olladela no seu móbil entre peza e peza. Linho do Cuco non quere transmitir unha foto fixa ancorada no tempo, fan uso da nosa tradición co coñecemento de quen leva décadas a traballar e gozar nela mais sen a veneración de quen acha que ten un tesouro entre as mans que se debe manter inmaculado. Así, van pasando as cancións deste Viva Viva! -dispoñible para a súa escoita no bandcamp do grupo- moitas con referencias "animais", como "Troski" e "Laica", homenaxes dos que fornon nenos de aldea a esas cans da casa, palleiros ou non, compañeiros de aventuras, tamén "Catalana e pantalón", chiscadela á viaxe á Alcarria de Cela que vale aquí para nomear un tema de claros aires casteláns ou a peza que dá nome ao disco, que á súa vez toma o nome dun conto que lle escoitaron os membros do grupo a Sechu Sende, que falaba dun can chamado Viva.

Quizais onde máis se poida percibir esa intención de fuxir de nostalxias e cheiro a naftalina é nas letras das súas cancións, que por vez primeira inclúen a voz, Xacobe, gaiteiro e cantante santiagués, pois os anteriores traballos foran totalmente instrumentais. Non é doado facer unha proposta do estilo e estética da que fai Linho do Cuco e non caer nesas eivas saudosistas mais os de Lalín fano e boa parte débese a aposta por coplas modernas, como as que aquelaron as Ataque Escampe para a "Mazurca de Pazos de Borbén" ou "Kitty Hawk Kimonos" sobre un poema do escritor norteamericano Richard Brautigan. Outra referencia neste disco é o traballo de Xabier Blanco, o gaiteiro moañés, do que Linho do Cuco toma dúas cancións, "O malamañado" e o "Canto dos ferreiros," esta última empatada coa "Rumba de Muras", do repertorio do gaiteiro de Muras, nun dos momentos álxidos do disco.

Secho y Los Invisibles

  • Tamén no mes de xuño, unha outra proposta do selo Discos da Máquina estreou novo disco. Neste caso, trátase do traballo de estrea pois Secho y Los Invisibles non gravaran nada alén de colaboracións en discos de homenaxe ou algunha maqueta até este Xa fai un tempo (Discos da Máquina, 2016) que presentaron o día 17 de xuño na Casa das Crechas compostelá. Despois de sete anos de andaina, Sergio Castiñeiras, Secho, veciño e músico de Dodro, decidiuse a pasar polo estudio acompañado dos Invisibles, para a ocasión visibilizados como Roi Castaño á batería, Benjamín Vázquez á guitarra eléctrica e mais Araújo ao baixo aos que se suma o propio Secho, voz, guitarra acústica, acordeón e harmónica. Os Invisibles, xa que logo, deixan de facer honor ao seu nome pois o normal nos primeiros anos de andaina de Secho era que el defendese en solitario os seus temas no escenario, velaí a xogadela do nome. A corporeidade dos Invisibles permite ampliar a proposta musical de Secho e así o seu rock-folk, con moito peso do pop e un pouso de canción de autor proveniente daquela época, gaña en matices e forza ao vivo. Ocasións haberá de comprobalo neste ano, pois á espera aínda de pechar moitas datas no verán, Secho y Los Invisibles teñen xa confirmadas actuacións en Corcubión o 17 de xullo, en Padrón o 14 de agosto, en Cangas do Morrazo o 16 de outubro, en Melide o 28 dese mesmo mes e finalmente en Santiago de Compostela o 19 de novembro.

Compartir el artículo

stats