Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Armas made in USA

As 600 millas de Gabriel Ripstein

Fotograma de 600 millas (2015).

Durante a madrugada do pasado 12 de xuño o mundo enteiro asistía horrorizado á noticia do que un rifle de asalto Sig Sauer MCX e unha pistola Glock 17 son capaces de facer nunha discoteca de Orlando. Mais o que a maior parte dese estarrecido público non podía imaxinar era que o resultado final dese masacre estaba aínda tres "seres humanos" por debaixo do promedio mexicano. Na patria de Pancho Villa o número de vítimas por armas de fogo, maioritariamente mercadas nos EEUU, é de cincuenta e dous por día. Un total de 18.990 persoas asasinadas cada ano con munición made in USA. Nin que dicir ten que hai cifras tan difíciles de aprehender como imposíbeis de eliminar.

Arnulfo (Kristyan Ferrer) e Carson (Harrison Thomas) son dous xoves aprendices de traficantes que tentan pasar armas desde Estados Unidos a México aproveitando o laxismo das súas leis. Levan facéndoo durante algún tempo sen que pase nada até que a súas continuas idas e voltas atraen a atención do axente da ATF, Hank Harris (Tim Roth). Aproveitando unha ocasión en que un dos mozos fica só no coche, Harris tentará arrestar a Arnulfo. A inesperada e brutal intervención de Carson, que ve o que está a piques de pasar, impedirallo. O destino de Harris verase a partir dese momento indefectibelmente unido ao do chicano Arnulfo quen, en lugar de o deixar morrer, átao no seu vehículo. Xuntos percorrerán unha longa viaxe rumo ao sur cuxa parada final será a casa dun dos xefes do cártel.

En 600 millas (2015), gañadora do premio á mellor ópera prima no pasado Festival Internacional de Cinema de Berlin, o seu director, Gabriel Ripstein, recolle acontecementos de ficción como se fosen reais, como se os actores non estivesen por enriba das súas personaxes. Pouco importa que todos identifiquemos o protagonista, Tim Roth, co Mister Orange de Reservoir Dogs (1992, Quentin Tarantino), ou que Kristyan Ferrer sexa o mesmo da multipremiada Días de graza (2011, Everardo Gout) e autor dunha das máis fermosas reflexións sobre os cometidos da arte: "Unha das funcións da arte é sublimar as dores e atopar as curas". O ton realista imprégnao todo, desde a coreografia actoral dos planos longos rodados con cámara ao ombro até a texturización fotográfica, dirixida por un habitual dos filmes dos irmáns Dardenne, Alain Marcoen.

O que principiou como un thriller sobre o tráfico de armas vai, pouco a pouco, derivando nunha road movie en que o vínculo entre o experimentado policía e o traficante novato vai determinar o seu desenlace. Son as relacións humanas e o modo en que estas actúan ante situacións límite o que conta, nomeadamente cando todo depende da decisión que se tome nesa micromillonésima parte de segundo que decide se vas seguir vivindo, ou non.

Pode que non esteamos ante o mellor filme da historia e que moitos espectadores concorden en que ten baixadas de tensión ao longo do relato, pero hai algo fresco e ao mesmo tempo heroico que converte esta obra en algo especial (sobre todo se un pensa na abafante chegada das "estreas de verán"). Cando atopamos a Harris esposado a unha parede, mentres doutro lado Arnulfo e mais o seu tío "platican" sobre quen deles o vai matar, descubrimos que a dialéctica é ese método que usan os que lamentan as guerras e, ao mesmo tempo, non toman nengunha medida para as evitar.

De tal pau, tal Ripstein

  • "Creo mui poco do que vexo e do que me contan, nada" manifestaba o pai de Gabriel Ripstein sendo tan xoven que nin sequera podía intuír que o seu nome, Arturo Ripstein, se convertiría, co pasar dos anos, nun dos máis importantes referentes do cinema de autor mexicano.Fillo do produtor Alfredo Ripstein, Arturo decide, con quince anos e logo de asistir á rodaxe de Nazarín (1958), levantarse un día convertido en vástago de Luis Buñuel. Del aprenderá o que significa comezar con mal pé, ser xenial sen que ninguén o recoñeza, ter un público reducidísimo e, tras anos de traballo, degustar o doce sabor do triunfo. En 1973 a Academia Mexicana das Artes e as Ciencias Cinematográficas concédelle o premio Ariel á súa obra El castillo de la pureza (1972), baseada en feitos reais. O filme retrata a vida cotiá dunha familia á que o pai mantivo pechada na casa durante dezaoito anos."Ripstein" significa manter unha ollada atenta arredor do que pasa na paisaxe, implica o compromiso de falar de persoas coas que a realidade non quere, ou non pode, establecer vínculos. O motor que move esta singular casta a facer cinema vén ser todo un misterio. "Sempre que remato un filme", declarou Arturo unha vez, "penso en non facer ningún outro, mais algo misterioso e demoníaco impéleme a seguir filmando". Así sexa.

Compartir el artículo

stats