Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha novela veraz

Engulidos no burato negro

Unha novela veraz

Anxo Fariña é un prolífico autor no eido da literatura infanto-xuvenil. É asemade un activo ilustrador, unha forma tamén de contar historias mediante outros medios. De feito a capa e a contracapa de Horizonte de sucesos que reproduce unha inquietante versión de O xardín das delicias de O Bosco, é da súa autoría e reflicte con moita verosimilitude o contido do libro. Poderíase dicir que neste libro Anxo Fariña dá o salto á narrativa para adultos porque Horizonte de sucesos é un libro que pode gustar tamén aos adultos, pero que, como afirma Joeles Sennell ao respecto da literatura infantil e xuvenil, tamén o poden ler os nenos. Un libro pois ancorado na fronteira xenérica. A novela está baseada en feitos reais e, aínda que o protagonista é un personaxe de ficción, incorpora certos elementos das experiencias vitais do escritor. E achéganos unha historia protagonizada asemade por rapaces e por adultos con temas nucleares pertencentes a ambos os dous tramos de idade: a rachadura das estruturas familiares, a necesidade de termos unha casa onde non se nos pechen as portas, o concepto de irmandade, os choques da chegada á madurez: sexo, drogas, prostitución.

O protagonista relator en primeira persoa, cando ía comezar a súa carreira na universidade, chega como bolseiro á Cidade Infantil Afonso X, situada na cidade de P, claro trasunto espacial polos datos que o autor nos ofrece da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra, que recolle rapaces e rapazas de familias esnaquizadas ou sen familia. Alí, malia que o Centro non é un cárcere, son tratados con xélida indiferenza, xa que o persoal empregado non reacciona ante as vidas rotas. E a verdadeira realidade do que acontecía naquel lugar moi complicado, con aire de institución decadente, silenciábase nos despachos. De por parte, as normas burocráticas están por riba dos dramas humanos e mesmo das urxencias sanitarias. Porén, os rapaces non maleados son coma un libro aberto, mais non eran un fin senón un medio. Eles queren salvavidas para poderen resistir as arremetidas da vida, pero ninguén llelas proporciona.

Como digo, o tempo dos acontecementos narrados comeza coa chegada do protagonista ao Centro. Vivirá nun cuarto rodeado de rapaces e terá que convivir tamén coa dor insoportable dunha migraña crónica que por veces o converte nun ionqui de drogas legais. Será aceptado polos rapaces porque actúa coma un tío legal. O relato dá conta do vivir diario na Cidade Infantil, das súas turbulencias. Todo tenzado pola intriga dun incidente, unha experiencia estarrecedora, de destrución, infeccións e sucesos tráxicos; e sobre todo polo silencio. Conta especial relevancia no desenvolvemento da trama o significado do título tirado das teorías de Stephen Hawking, unha boa metáfora do que é aquela Cidade Infantil: un burato negro do que nin sequera a luz pode fuxir, illado polo "horizonte de sucesos", unha raia entre un burato negro e o resto do universo. Un punto de non retorno, sen outras perspectivas que seguir a caída cara á escuridade. A falta de expectativas dos rapaces e dos bolseiros e coidadores fainos pensar que xa están atrapados no influxo do burato negro.

Novela cunha tonalidade escura e desacougante, se ben o final aberto abre unha raiola de luz optimista. Relato que avanza con bo ritmo, con adecuadas doses de intriga e con achados interesantes. Coma tal, a acuidade coa que o autor penetra nas interioridades dos rapaces; as críticas sobradamente xustificadas verbo do trato que a sociedade dá aos rapaces vítimas do desarraigo. O tratamento maduro e normalizado da sexualidade adolescente. En resumo, unha novela veraz, ben conducida que pode ler e gorentar un lectorado adulto, mais tamén os rapaces.

FARIÑA, Anxo, Horizonte de sucesos, Edicións Xerais, Vigo 2016, P:V.P. 15 ?

Compartir el artículo

stats