Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pantalla como reportaxe

Nos direccionismos de Michael Moore

Fotograma de Que invadimos agora?

Nunha conferencia pronunciada nunha universidade estadounidense ante centos de estudantes, documento incluido no material extra do DVD do seu filme Bowling for Columbine, Michael Moore narra un acontecemento biográfico vivido na súa adolescencia que el mesmo estima como un catalizador da súa postura crítica fronte a conciencia colectiva de Estados Unidos, o seu país natal. Unha tarde do 4 de abril de 1968, con catorce anos de idade, un imberbe Moore, criado na fe católica, saía da igrexa despois de asistir coa súa familia ao oficio relixioso, cando un rebumbio que naceu na radio dun automóbil aparcado nas proximidades do templo foise expandindo entre os fegueses. Unha emisora acababa de dar a noticia: Martin Luther King viña de ser asasinado en Memphis por un segregacionista branco. Boa parte das persoas que minutos antes estaban a rogar, por medios de oracións, a misericordia de Deus, comezaron a vitorear e celebrar o crime. O estupor do mozo Michael Moore deixou unha pegada mutaría nun proceder contestario e de rexeitamento fronte a estrutura mental hexemónica do seu país, e que, anos despois, plasmaría en cada documental que acabaría filmando.

O gran mérito de Moore, á vez que a causa do seu éxito, reside en proxectar luz sobre aqueles aspectos ocultos aos ollos da cidadanía estadounidense, ben por empeño do seu poder político ou económico, ben por tendencia do americano medio a imitar o costume do avestruz de agochar a cabeza para evitar ver os aspectos amargos da súa sociedade. Partindo dunha concepción categoricamente direccionista dos seus filmes-entendido este concepto como a predisposición de filmar, seleccionar e ordear as imaxes segundo unha finalidade determinada con anterioridade-, non son poucas as ocasións nas que Michael Moore bordea a demagoxia no seu discurso, ata o punto de levantar algunha que outra sospeita sobre a sinceridade dalgunhas imaxes. Porén, esta impresión logra ser astutamente neutralizada grazas ao uso habitual nos seus documentais dunha especie de directo, sensación difundida polo súa constante aparición ante a pantalla como reporteiro libertino e provocador, pero reporteiro a fin de contas. Trátase, pois, dunha mestura de dúas modalidades de documentais: a "modalidade expositiva", na que a retórica da argumentación do comentarista funciona como dominante textual, facendo que o texto avance ao servizo da súa necesidade de persuasión; e a "modalidade interactiva", que permite incorporar a voz do realizador no lugar dos feitos, nun encontro cara a cara cos outros, logrando así que a autoridade textual se desprace cara aos actores sociais filmados, cuxos comentarios e respostas constitúen unha parte fundamental da argumentación da película. Mentres a modalidade interactiva -adaptada a España con éxito polo comunicador Jordi Évole, sobre todo nos primeiros programas do seu produto televisivo- logra momentos fascinantes -na nosa retina quedará para sempre as súas entrevistas co dono de Nike, Phil Knight, en The big one (1997) ou con Charlton Heston en Bowling for Columbine (2002)-, é na modalidade expositiva onde acada as cotas máis altas de persuasión grazas a un intelixente uso da imaxe, a voz e a música, elementos sometidos a un meticuloso proceso de montaxe que procura non tanto mobilizar o intelecto do espectador, senón máis ben o seu flanco emocional.

Insolente e turbulento, cada estrea dunha película súa ven acompañada dunha algarabía que acaba por redundar no éxito da mesma, alimentada involuntariamente pola onda de ataques lanzados desde os sectores máis conservadores de Estados Unidos.

Un novo manifesto

  • Mentres unha nova ameaza en forma de bufón xenófobo sobrevoa a Casa Branca, Michael Moore insiste na súa particular batalla, emprendida desde os seus inicios como realizador con Roger & Me (1989), fronte as deficiencias económicas, políticas e sociais de Estados Unidos. Desta vez, o seu último manifesto audiovisual, Que invadimos agora? (Where to invade next?), supón unha tese comparativa entre as virtudes do estado do benestar europeo e a economía liberal norteamericana. O filme parte dunha idea principal, explicada polo propio autor: en lugar de invadir un país para apropiarse do seu petróleo, sementando morte e terror, non sería mellor invadir territorios para copiar as medidas sociais que verdadeiramente funcionan?Michael Moore opta por desprenderse dunha boa dose de rigor para abrazar o súa eficaz dote cómico nun documento que, unha vez máis, supón un ataque ao radical individualismo do sistema estadounidense, que unicamente aposta por un sentido colectivo da organización da sociedade co patriotismo sumiso; é dicir, arredor da bandeira de barras e estrelas. Nalgúns momentos, Moore, como observador externo, semella apercibir o cidadán europeo da traxedia que suporía cruzarse de brazos mentres o Tratado Trasatlántico de Comercio e Inversións ameaza con desmantelar o noso estado do benestar.

Compartir el artículo

stats