Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cos ollos de América

Galicia e os escritores de Alén Mar

Julio Cortázar

A partir da visita a España, en 1846, do escritor arxentino Faustino Domingo Sarmiento, moitos escritores de Alén Mar viaxaron á antiga metrópole e enviaron crónicas ou artigos nos que expoñían a súa peculiar visión do que aquí se encontraban. A diferenza dos franceses e ingleses, que viñan na súa maioría á procura da cor local e de escenas costumistas, os viaxeiros das antigas colonias viñan a España cunha actitude máis positiva, buscando o espello no que atopar as sombras do atraso e as luces do progreso que lles permitiran coñecerse mellor a si mesmos.

No século XIX, as pésimas comunicacións dificultaron a chegada destes homes de letras a Galicia. Teriamos que esperar ata as proximidades do século XX para atopar numerosas testemuñas desas visitas. Foi o uruguaio-arxentino Lucio V. López, avogado, periodista e escritor, -que morreu nun duelo cun coronel a quen acusara de corrupción-, quen en 1880 expresa as vicisitudes do seu paso por Portugal e Galicia, a admiración polo porto de Vigo, pola beleza do Areal e porque na cidade se convivía como nunha entrañable casa de familia.

Este autor e outros aparecen na antoloxía de textos deste subxénero de crónicas viaxeiras recompilada por José Esteban, un editor e escritor que escribiu un Refraneiro anticlerical e que no libro que citamos reúne nun convite literario a autores da talla de Rubén Darío ou Gómez Carrillo, Roberto Arlt ou o arxentino-galego Francisco Luís Bernárdez, quen traballou hai case un século en El Pueblo Gallego.

Rubén Darío, amigo e admirador de Valle, escribe sobre as virtudes literarias e intelectuais de Emilia Pardo Bazán, poñendo de relevo a súa valentía nun mundo de homes, que non só lle negaban unha cadeira na Academia senón que tamén cuestionaban a súa valía.

De Valle dirá o chileno Ricardo Rojas que era patriota, anárquico e tradicionalista e que ao mesmo tempo esbardallaba contra as tradicións. E reproduce una expresión do dramaturgo: "Aquí tendrá que haber una revolución para que podamos colgar en la Puerta del Sol, de su belfo al Rey y de su pata a Romanones".

A maioría dos autores teñen una visión positiva de Galicia, lonxe da imaxe lacrimóxena e ruda que circulaba por América. Adoitan falar da emigración, admiran a poetas como Rosalía, Curros ou Cabanillas e subliñan a importancia de Murguía. Os seus comentarios, ás veces, son epidérmicos ou tópicos. En xeral, amosan unha admiración grande polas cidades como A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra ou Betanzos. A beleza da ría de Vigo, a sublime arte de Compostela, a vida buliciosa da Coruña aparecen xunto coa paisaxe de égloga latina que descobren nos campos e vales. Certo que algún autor coma Gustavo Gallinal, máis que fixarse no ronsel da modernidade, pon o acento nos rezos dos galegos que queren espantar as negras miserias, pero son moitos máis os que destacan a alegría, a nobreza do esforzo dun pobo que non quere vivir no atraso, nalia que Antonio Iraoiz Villar o considere resignado, explotado polo cacique, pero feliz co cura, e que outros subliñen algún detalle referente ao mal estado das estradas ou a sucidade dunha taberna, predomina o ton eloxioso dos escritos.

A prosa rítmica do guatemalteco Enrique Gómez Carrillo gaba a graza risoña da paisaxe, a valía das elites intelectuais, pero por riba de todo a xente, tan distinta da caricatura das zarzuelas e dos chascarrillos. "Yo -escribe-, por mi fe, no hallo aquí sino un pueblo claro, que sabe trabajar y reír, que habla armoniosamente (?), que comprende todo, que de todo se ocupa con inteligencia, que de todo charla con sentido y noble gracia". Gómez Carrillo, que pasou media vida a cabalo entre Madrid e París, explícalle a un amigo a razón polo que a xente viaxa pouco a unha terra tan fermosa como Galicia: chegase antes de Madrid a París que de Madrid a Vigo.

O heterodoxo Roberto Arlt, nas augafortes que enviaba ao diario El Mundo de Buenos Aires, puxo de relevo a diferenza entre Andalucía e Galicia, describindo as doces e idílicas paisaxes da beira do Miño, para reflexionar de seguido sobre os sufrimentos dos galegos que están na Arxentina, dos heroicos traballadores da panadería e do almacén ou do propietario dun comercio. A súa solidariedade e a veracidade dos seus augafortes valéronlle o recoñecemento da Casa de Galicia cando retornou a Buenos Aires.

Estes escritores tiveron de anfitrións a persoeiros como Francisco Fernández del Riego, Ramón Cabanillas ou W. Fernández Flórez. Sen dúbida, o país evocado nestes escritos, como noutros posteriores de Borges, Cortázar e García Márquez, contribuíron a eliminar os fortes prexuízos sobre Galicia en América

Compartir el artículo

stats