Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cabello/Carceller: rebeldes con causa

Borrador para unha mostra no MARCO

O colectivo LGBT de Vigo vén de programar este ano,entre os actos do Orgullo, unha actividade infrecuente: unha visita guiada á exposición dun museo. Claro que se trataba de percorrer e coñecer a obra de Cabello/Carceller, en cuxas cartelas explicativas agroman decote termos como xénero, identidade, masculinidades, feminismo, corpo, política, social, desexo, homosexualidade? Si, de certo que o asunto queer ou gai, ou lésbico, ou de identidade sexual ten un lugar máis que preponderante na obra de Cabello/Carceller, esa parella de artistas mulleres que xa a mantenta se denominan só polos seus apelidos e sen a marca de xénero dos seus nomes de pía. Cabello/Carceller son, ademais, unhas absolutas pioneiras cando se fala da identidade sexual desde o feminismo e desde a arte feita por mulleres en España. Porque se a identidade sexual na arte é algo que encaran un moi amplo monllo de colegas artistas hispanos de todas as xeracións, elas, pola contra, case que seguen a ser as únicas mulleres artistas que adoitan asumir o queer como un dos seus eixos temáticos e políticos preponderantes. E niso levan máis de vinte anos de traxectoria artística que agora se amosan nesta grande retrospectiva da súa obra.

Principio pola obra máis antiga e á vez a máis recente da exposición que é, lóxicamente, de raíz feminista: Come e cala? (1993-2016), cunhas mans enfundadas en luvas de goma de limpar que suxeitan un pano, peza acompañada de dúas fotografías de mulleres da limpeza: as do Círculo de Belas Artes de Madrid, onde se expusera por primeira vez, e agora, vinte e tres anos despois, as do MARCO de Vigo: unha homenaxe a esas mulleres agochadas nas últimas,e máis baixas,capas de todas as estruturas sociais, tamén dos museos. Contemplando agora tantos traballos de Cabello/Carceller é interesante observar como se perciben dous grandes blocos de pensamento: por unha banda, están aquelas obras que semellan falar delas mesmas como parella de mulleres que traballan e viven xuntas, e que coincide cos primeiros anos da súa traxectoria, e, logo, outro bloco referido a pezas onde estudan as implicacións dos roles de xénero.

Desa primeira época que as deu a coñecer e marcaría a súa traxectoria hai exemplos como o seu Autorretrato, de 1994, coas fotografías das súas cabezas unidas pola gorxa e veladas por unha media, até converterse nun especie de mancorna de ximnasio ou óso xigante que dota de enerxía, que articula a vida, o pensamento, a obra. Velaí tamén Vista parcial, 1995, coas siluetas debuxadas na propia parede do museo dos pubes de dúas mulleres que conteñen no seu interior a incisión minuciosa das súas vaxinas que esvaran, que se desprazan en horizontal, cal dildos, dun corpo ao outro? Nos anos seguintes seguirán a falarnos da vida en común de dúas mulleres, por exemplo, co vídeo que rexistra o plano detalle dun bico entre dúas mozas que, malia o idílico da situación, permite escoitar leas e discusións. Dese mesmo ano, 1996, é Bolos, un vídeo delas comendo bolos, para exorcizar o insulto español de "bollera." Unha arte e uns afectos que víven en común,portando reloxos cuxas esferas están pegadas nun mesmo tempo, ausente e ceibe dos tempos do resto do mundo. Ou que usan gorros que só poden gorecer estando xuntas. Ou fabrican uns duplos lentes de traballo que só teñen ollos para á outra persoa, lentes tamén que cegan aos partenaires sobre si mesmos. Esa etapa irá dándose por finalizada con dúas series fotográficas de transición, mesmo de desolación e tristura: velaí o conxunto de fotografías de piscinas baleiras, abandonadas, tristeiras, de 1998, que son como o envés da felicidade acuática e homoerótica que pintara David Hockney en Los Angeles dos 60. Ou aínda esoutra serie de fotografías do interior dun club nocturno, dun local gay/lésbico, cando logo de pechar as súas portas trala festa, amósase cos restos de desexo ciscados polo chan. De seguro que a crise finisecular e a da sida latexaban tras esas representacións.

Título: Cabello/Carceller, Borrador para unha exposición sen título.

Comisario: Manuel Segade

Lugar: MARCO, Vigo

Datas: Até 25 de setembro.

Novas masculinidades

  • Nunha primeira época, Cabello/Carceller ollábanse a si mesmas como mulleres, como lesbianas, como parella e como artistas para redefinir nun corpus plástico propio todas as implicacións que todo iso conleva en contacto co social e co sistema artístico. E agora, coidindo co novo milenio, xorden nelas novas inquedanzas, ás que dan inicio en 2004 cando asinan os vídeos Casting: James Dean (Rebelde sen causa) ou Instrucións de uso: unha nova e ricaz veta, na que están a traballar desde entón, onde amosan, en cada novo traballo videográfico ou fotográfico, unha desestabilización, unha crítica e unha transgresión das normas, usos e roles que o xénero e a masculinidade veñen implementado social e culturalmente desde, ao menos, a Revolución industrial. As artistas usan como referentes os protagonistas homes das películas de Hollywood, ese poderoso arsenal de propaganda, para que sexan revisitados agora polas amigas da parella, novas protagonistas deses roles e actitudes "masculinas." Mulleres a re-interpretar que, facendo acopio de poses e xestos masculinos e estereotipados, xeran novas categorizacións de ser e estar muller hoxe. Novas identidades subvertidas, transfroteirizas e transxenéricas coas que elas desestabilizan o machismo e a súa violencia endémica.O feminismo de Cabello/Carceller reivindica unha nova masculinidade que xa non é un asunto que competa tan só ao varón. Así que, fronte á norma que asigna uns usos e roles fixos de xénero, ateigados de estereotipos e prexuízos, as artistas erixen nestes últimos anos un corpus iconográfico que racha as cancelas estanco, para facernos a todas e todos máis libres e máis felices.

Compartir el artículo

stats