Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Avelaíñas a xirar

Novas poéticas da escrita

Avelaíñas a xirar

A garza insomne, o volume que recolle os nove textos gañadores e finalistas do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, é unha oportunidade inmellorable para coñecer novas poéticas da escrita (algunhas xa de autores con importante obra édita, como é o caso de Juan Tallón), mais tamén para afondar no mundo do relato breve. Un mundo preciso, ás veces sorprendente, cun aquel de apaixonante e cuxa única ecuación posible é crear unha atmosfera, unha historia e un final nunhas poucas páxinas ou, como sinalou Rafael Dieste con mestría, conseguir que todas as avelaíñas xiren arredor dunha mesma luz.

Resulta difícil escoller as historias máis salientables recollidas nesta obra, como resulta imposible comentar as nove, así que me van permitir que afonde nos gañadores con algunha recomendación máis. En 2013, Juan Tallón acadou o máximo recoñecemento con "Consanguíneo", unha trama de relacións familiares complexas entre as diferentes xeracións que se desata cando Mike, fillo de Anne, desaparece misteriosamente. A rutura dos lazos co seu fillo lévalle a recordar por que deixou atrás ao seu propio pai e emprendeu unha nova vida lonxe del. A sorpresa no final, cunha certa compoñente circular, a profundidade de certos personaxes e un chisco de realismo escuro fan que sexa un relato conseguido, mais sobre todo, practicamente perfecto.

"A gueixa nos bosques de bambú" de Adolfo Caamaño conseguiu o galardón en 2014. Bebendo da crónica negra da posguerra, o autor sitúa dous asasinatos de mulleres nunha mesma comunidade e, á vez, introduce ao lectorado nas relacións interpersoais que se xeran entre os habitantes dese micromundo, privilexiando a visión de dous gardas civís. O relato, que ten un certo alento ao filme de Alberto Rodríguez La isla mínima (2014), acerta especialmente nas descricións, na recreación das relacións de poder establecidas nese tempo e nesas alusións á España negra que fan o relato, se cabe, máis crible. Apaixoante.

Pola súa banda, Antón Piñeiro fíxose co premio en 2015 con "O pau na roda", unha narración que alterna escenas dunha carreira ciclista cos comentarios que se xeran en diferentes estratos sociais de Compostela (persoeiros ben coñecidos polo medio), a cidade pola que está a piques de pasar a mesma. O fío condutor é o ronsel do cisclista galego Delio Rodríguez e nos azos que os seus paisanos lle van dando. O ritmo cambiante, entre pedalada e cunca de viño, é o grande acerto do relato.

E, por último, a miña recomendación de entre os finalistas é para "Taxidermia" de Eduard Velasco, ou de como os acontecementos nun parto poden traer canda si sucesos surrealistas que abalan entre a forza dun cadro de Dalí e a forza imparable das contraccións previas ao nacemento. Sorprendente.

VV.AA., A garza insomne, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, P.V.P. 14 ?

Compartir el artículo

stats